A conselleira de Política Social percorre América asinando convenios mentres o voto exterior se revela crucial

A conselleira de Política Social, Fabiola García, no Centro Galicia de Bos Aires no seu 44º aniversario CC-BY-SA Xunta

Nas pasadas eleccións xerais, e á espera dos datos definitivos, algo menos de 30.000 inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) nalgunha das circunscricións galegas exerceron o seu dereito ao voto. Foron pouco máis do 6% dun total de máis de 472.000 persoas con dereito ao sufraxio no exterior. Unha porcentaxe tan só 2,7 puntos superior aos anteriores comicios estatais de 2019 malia que desta vez non estaba vixente o voto rogado. 

Por primeira vez desde 2009 as persoas incluídas no censo exterior en Galicia non tiñan a obriga de solicitar previamente participar nas eleccións, un requisito que durante anos aumentou garantías no polémico voto emigrante pero reduciu tamén a mínimos históricos -entre o 1% e o 4%- a participación. 

O récord de persoas inscritas no CERA galego e a igualdade entre dereita e esquerda viran en transcendental o voto exterior cara ás autonómicas

Xusto antes da aplicación desta medida, en 2008, a participación do exterior batera marcas en Galicia (35,3%) e no Estado -case o 32%- pero os comicios estiveran inzados de sospeitas pola falta de control duns sufraxios sobre os que pairaba a sombra da fraude e dos electores resucitados. Os case 30.000 votos rexistrados desde o estranxeiro o pasado 23X supoñen apenas unha leve recuperación na participación, pero o récord no número de persoas inscritas no CERA e a axustada diferenza entre a dereita e a esquerda en Galicia na que teiman todos os resultados electorais fan que as papeletas chegadas do exterior nas próximas eleccións autonómicas viren en transcendentais

Fabiola García, nun centro galego para anciáns en Domselaar (Arxentina) CC-BY-SA Xunta

Fabiola García visitou nunha semana tres países, varias cidades e nove entidades galegas, ademais de asinar seis protocolos de colaboración por 80.000 euros

Sábeno ben -ou deberían- nos partidos, conscientes da relevancia que este voto exterior pode ter en Galicia para decidir o destino do derradeiro deputado ou deputada nalgunha provincia galega. Unha participación do 25% do censo exterior -dez puntos menos da que houbo nas xerais de 2008- suporía introducir nas urnas preto de 120.000 votos, non moitos menos de todos os emitidos o 23X na cidade da Coruña, por exemplo. Unha porcentaxe así na provincia de Ourense equivalería á metade dos sufraxios da capital. 

Xusto cando o voto CERA agarda polo seu escrutinio definitivo e mentres se coñecía a contundente vitoria do PP no voto exterior galego, a conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, pechaba unha viaxe institucional dunha semana a Suramérica, na que visitou tres países, varias cidades, nove centros ou residencias de colectivos galegos no exterior e asinou seis protocolos de colaboración por valor de 10.000 ou 20.000 euros cada un -un total de 80.000 para todos- co propósito de axudar no funcionamento das diferentes entidades. 

A última das visitas foi este pasado luns, cando a conselleira Fabiola García, xunto á delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, acudiu ao Hogar Español de Montevideo, onde asinou un protocolo de colaboración "por valor de 20.000 euros para seguir axudando nunha mellor atención para os nosos maiores emigrados neste centro", tal e como destaca o comunicado da Xunta. 

"A conselleira puido coñecer as historias de galegos na diáspora e tamén asinar diferentes protocolos de colaboración para seguir amosando o compromiso do Goberno galego con todos eles", di Política Social

"A conselleira remata con esta visita a súa viaxe institucional por América Latina na que puido coñecer as historias de galegos na diáspora e tamén asinar diferentes protocolos de colaboración para seguir amosando o compromiso do Goberno galego con todos eles", destaca a Consellería.

Antes, no Brasil, García visitou os centros de día das sociedades Rosalía de Castro de São Paulo e Santos, o Centro Español e Repatriación de Santos, e o centro social da Casa de España e a residencia Recreo dos Anciáns, ambos en Rio de Janeiro. Na Arxentina, asinou protocolos de colaboración co Centro Galego de Mar del Plata, asistiu ao 44º aniversario do Centro Galicia de Bos Aires, mantivo un encontro coas mulleres distinguidas cun galardón do centro galego do barrio da Avellaneda, no que tamén estivo, e visitou o Hogar Galego para Anciáns de Domselaar. 

Fabiola García, nunha entidade galega durante a súa viaxe por América do Sur CC-BY-SA Xunta

No Rio, no centro social da Peña Casa de España, a conselleira asinou un protocolo de colaboración con esta entidade por valor de 10.000 euros "para mellorar a calidade asistencial do centro ao que acoden cada día galegos emigrados", a mesma cantidade doutro convenio, o rubricado coa residencia Recreo dos Anciáns "para axudar ao seu funcionamento". 

Nos centros de día de atención a maiores das Sociedades Beneficientes Rosalía de Castro en São Paulo e Santos, tamén rubricou un acordo para unha axuda de 10.000 euros a cada un que "permitirán mellorar a atención destes servizos de prevención e coidado a maiores".

Na Arxentina, pola súa banda, e previamente ao acto polo 44º aniversario do Centro Galicia, Fabiola García asinou tamén un protocolo de colaboración co Centro Galego Mar del Plata, por valor de 10.000 euros, "para seguir apoiando o funcionamento do seu centro de día de atención a maiores".

Ademais, participou nun encontro con mulleres distinguidas co galardón A Barca de Sálvora, outorgado cada ano polo Centro Galego de Avellaneda en Bos Aires -que tamén visitou-, a mulleres destacadas desta colectividade. 

Tamén acudiu a conselleira ao Fogar para os Anciáns Galegos de Domselaar, onde asinou outro protocolo de colaboración coa entidade, por valor de 20.000 euros, "para o funcionamento da súa residencia de maiores".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.