Xira internacional do secretario de Emigración da Xunta e do PP en vésperas das primeiras eleccións sen voto rogado en 14 anos

Instantes das reunións de Rodríguez Miranda e López Dobarro no Brasil e na Arxentina e recorte do organigrama da dirección estatal do PP CC-BY-SA Fotos: Xunta | Montaxe: Praza.gal

Dentro dos abondosos cargos da Xunta que Alberto Núñez Feijóo inseriu na dirección estatal do PP tras abandonar a presidencia do Goberno galego para substituír no liderado a Pablo Casado está o secretario xeral de Emigración. Dende maio de 2022, Antonio Rodríguez Miranda compatibiliza o seu posto no Goberno galego co de "secretario do PP no exterior". 

O secretario xeral de Emigración e o delegado na Xunta na Arxentina exercen tamén como secretario do PP no exterior e representante do partido para Iberoamérica

Baixo a súa responsabilidade nesa área do organigrama do partido está o "representante en Iberoamérica" do PP, Alejandro López Dobarro. É tamén delegado da Xunta en Bos Aires e antes fora, entre outros cargos, responsable de prensa do partido na Arxentina. A secretaría do PP no exterior depende, á súa vez, da vicesecretaria de Organización Territorial do partido, cuxo titular é Miguel Tellado, cabeza de cartel do PP pola Coruña e, no último ano, senador do PP por designación do Parlamento galego.

Rodríguez Miranda e López Dobarro, na Casa de España do Rio de Janeiro, este 1 de xullo CC-BY-SA Xunta

Neste contexto, Rodríguez Miranda vén desenvolvendo nas últimas datas unha xira internacional que nestes días fixo paradas no Brasil e na Arxentina. Se ben as viaxes internacionais deste alto cargo son frecuentes, estas son tamén significativas por desenvolverse en vésperas das eleccións xerais do 23 de xullo, que para Galicia son as primeiras dende as galegas de 2009 que se celebran sen voto rogado para o censo exterior, isto é, para que as persoas inscritas no denominado censo de residentes ausentes teñan que cursar unha solicitude específica para poderen votar.

As primeiras eleccións sen voto rogado en Galicia en década e media chegan mentres o censo exterior xa supera as 470.000 inscricións, máis de 165.000 delas na Arxentina

Como é sabido, no pasado 2022 o Congreso deu o seu visto e prace definitivo á reforma da lei electoral que reverteu a introdución do voto rogado, aprobado en 2011 como vía para conter as grandes bolsas de fraude que durante décadas quedaran acreditadas no sufraxio exterior. O novo modelo implica, entre outras mudanzas, que toda a poboación inscrita no CERA reciba a documentación para votar de oficio, sen pedila, e que emita o seu voto por correo dirixido ao consulado que corresponda ou presencialmente nestas instalacións. Dado que nas eleccións municipais non participa o censo CERA, o novo modelo estréase en Galicia o 23X.

A reforma chegou nun contexto no que o CERA vixente nas circunscricións galegas para as eleccións xerais do 23 de xullo supera xa as 470.000 inscricións. Supón un 40% máis que naquelas eleccións galegas de 2009 nun contexto no que arredor de sete de cada dez persoas inscritas neste censo non son, en rigor, emigrantes, senón persoas que xa naceron no estranxeiro e que accederon á nacionalidade española con inscrición nunha provincia galega por, por exemplo, seren descendentes de galegas e galegos que si emigraron.

Con este pano de fondo, tras pasar os pasados días 23 e 24 de xuño por Alemaña e o 25 polo Reino Unido -15.267 e 13.508 persoas inscritas no CERA galego, respectivamente-, Rodríguez Miranda rematou xuño e está a comezar xullo en Sudamérica. Concretamente, visitando ata agora o terceiro e o primeiro dos países sudamericanos con máis peso no censo exterior galego: primeiro tivo actos no Brasil (44.667 inscricións) e continuou pola Arxentina, o país do mundo co CERA galego máis relevante ao contar con ata 165.934 persoas que teñen dereito ao voto nos comicios do 23X.

A viaxe brasileira de Rodríguez Miranda centrouse no Rio de Janeiro, onde acudiu á Associação Recreio dos Anciãos para Asilo da Velhice Desamparada e a Casa de España, en ambos casos acompañado polo delegado da Xunta na Arxentina e responsable do PP para Iberoamérica, López Dobarro. No centro de maiores, Miranda "recordou" que o seu departamento "acaba de aprobar un novo acordo de colaboración de 20.000 euros destinado a axudar no seu labor" ao centro e na Casa de España enfatizou que "recentemente" asinaron un acordo para achegar 25.000 euros da Xunta á institución.

Rodríguez Miranda encabeza unha xuntanza con responsables do PP no estranxeiro a través de internet, o pasado xuño © PP Exterior

Este 2 de xullo a Xunta informaba que Rodríguez Miranda e López Dobarro estaban xa na Arxentina. Alí, o día 1 de xullo reuniue cos "presidentes das entidades galegas en Bos Aires" no Centro Lalín, Agolada y Silleda de Galicia da capital arxentina e a continuación asistiu á "gala de celebración do Mes de Galicia" no Centro Galicia.

En días clave para a emisión do voto exterior, Rodríguez Miranda e López Dobarro están a reunirse con representantes da emigración galega no Brasil e na Arxentina

Sobre a primeira reunión, o Goberno galego indicou que Miranda e o delegado falaron "sobre o labor desenvolvido" por estes centros e destacaron que a Xunta "segue a apostar por apoiar as entidade no seu traballo no país" e prometeu que "continuarán a contar co impulso e o apoio" do Goberno galego. O periplo continuou este 2 de xullo na festa de celebración do 71 aniversario do Centro Gallego de Mar del Plata.

A visita a Sudamérica de Rodríguez Miranda con López Dobarro celébrase en días clave para o voto exterior nas xerais. Non en van, resta apenas unha semana (ata o 8 de xullo) para o envío de oficio das papeletas á poboación inscrita no CERA tras unha estrea marcada pola demora no envío da documentación de en torno a unha semana. O voto postal do censo exterior pódese enviar ata o día 18 de xullo e o presencial está convocado nos consulados dos días 15 ao 20, tal e como informa no seu sitio web a propia Secretaría Xeral de Emigración.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.