“Se hai algunha cousa, o que a fixera terá que aclarala”, di despois de que o secretario xeral de Emigración propuxese tapar con fondos dunha fundación pública un buraco de 300.000 euros detectado polo Tribunal de Cuentas na embaixada de España
“Nin sei do que me fala nin me preocupa en absoluto ningunha información ao respecto, se hai algunha cousa, o que a fixera terá que aclarala”. Así se pronunciou este venres o presidente Feijóo ao ser preguntado pola información revelada por eldiario.es de que a embaixada española en Venezuela empregou dólares do mercado negro para pagar favores electorais ao PP e, unha vez detectado o buraco polo Tribunal de Cuentas, o secretario xeral de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, propuxese tapalo con fondos dunha fundación pública. Unha operación que non está confirmado que se chegase a producir e que permitiría evitar que un cargo do PP canario e da embaixada teña que devolver os cartos.
Segundo o Tribunal de Cuentas, uns 300.000 euros que debían ir destinados a axudas de emerxencia social para os españois residentes en Venezuela foron cambiados no mercado negro de xeito que o importe correspondente ao cambio oficial si foi destinado a ese fin pero o diferencial obtido ao recorrer ao mercado paralelo acabou sendo empregado en reparacións de sedes sociais de irmandades ou fogares rexionais durante os anos electorais de 2015 e 2016.
“Que un dirixente socialista lle pida explicacións ao PP sobre Venezuela non deixa de ser unha cousa moi exótica”, di Feijóo, para quen “a campaña non podía empezar cun humor tan potente”
Este venres os grupos da oposición en Galicia coincidiron en reclamar explicacións a Feijóo pola actuación de Rodríguez Miranda, que chegou a ser número 3 do PP galego. Preguntado por esas peticións, entre elas do líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, Feijóo considerou “que un dirixente socialista lle pida explicacións ao PP sobre Venezuela non deixa de ser unha cousa moi exótica”. “A campaña non podía empezar cun humor tan potente”, engadiu.
Feijóo dixo non coñecer a información, pero matizou que “se hai algunha cousa, o que a fixera terá que aclarala”. “Nós imos seguir defendendo a liberdade en Venezuela, gústelle a quen lle guste, e aos 40.000 galegos que viven en Venezuela, o que queira desviar a atención é o seu problema”, sentenciou.