O PP rexeita reducir o gasto en propaganda porque xa fai a "mínima obrigada en democracia"

Rodríguez Miranda, voceiro do PPdeG © PPdeG

Sen recortes e, polo momento, tamén sen nova lei. Menos dunha semana despois de que o conselleiro da Presidencia, Alfonso Rueda, prometese no Parlamento por terceira vez a Lei de Publicidade Institucional que leva anunciando dende o inicio da lexislatura, o debate sobre o gasto do Goberno galego en anuncios regresou á Cámara galega. Fíxoo a través dunha iniciativa do BNG que, como as anteriores presentadas por socialistas ou nacionalistas, volveu bater na maioría absoluta do PP, se ben os conservadores renovaron o argumento para rexeitala. Se estas partidas fosen reducidas a Xunta estaría a arriscar mesmo as prácticas democráticas que sustentan a calquera Executivo, explican.

Suárez Canal: "Non é de recibo que neste contexto os cidadáns vexan nos medios campañas de propaganda pura e dura"

A proposición do Bloque tiña unha formulación sinxela. Impulsada por Alfredo Suárez Canal, viña reclamar a eliminación de "todos os gastos de publicidade e propaganda de diversa índole" da Xunta "que non estean obrigados pola normativa de contratación ou pola necesaria publicidade e información de procesos públicos que así o requiran". "Somos conscientes de que hai información á cidadanía que é necesaria", igual que o son "determinados procesos de contratación" e mesmo a publicitación de iniciativas financiadas con fondos europeos, "que levan obrigatoriamente a unha necesidade de publicitar as accións". "Estamos falando do que é propaganda pura e dura", sinala Suárez Canal. "Gobernar é priorizar", di o parlamentario do Bloque e, polo tanto, "o normal é que se tente mirar se hai gasto prescindible en propaganda para eliminalo" nun momento en que se lle está "a tocar ao gasto público" e mesmo aos "dereitos fundamentais" da cidadanía, caso por exemplo do funcionariado e persoal laboral da Xunta. "Neste contexto non é de recibo que os cidadáns vexan nos medios campañas de propaganda pura e dura", reitera.

Pero a reclamación nacionalista non obtivo eco nas filas conservadoras, representadas na comisión por Antonio Rodríguez Miranda. Segundo o parlamentario do PP a proposta do BNG non é máis ca "unha escusa para meterse co Goberno" pola vía de criticar os recortes, aínda que noutras autonomías se tomasen "medidas máis drásticas que en Galicia. Esta circunstancia é posible comprobala "se saímos do Padornelo para alá", pero "xa sabemos que vostedes a iso lle teñen temor", espetou. Nesta liña, Miranda bota man da comparación co bipartito para gabar a "considerable redución" de gasto publicitario desenvolvida polo Goberno de Feijóo. Segundo o popular xa só se fan campañas en materias como "o pagamento de impostos, doazón de sangue, promoción económica" ou "turismo", ata o punto de ter acadado a "mínima relación obrigada polos usos democráticos" entre o Goberno e os medios de comunicación. "Non parece razoable que poidamos reducir" ese gasto, argumenta, xa que existiría "un risco de que a Administración deixe de prestar o servizo de relación comunicacional directa cos cidadáns".

Pero a controversia en torno á publicidade e propaganda institucionais non rematou neste veto á proposta do BNG. Minutos despois e na mesma comisión Suárez Canal instaba o secretario xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, a "desglosar" o gasto publicitario de diversos organismos autonómicos ao longo de 2011. Ao non obter eses datos, o nacionalista rematou reclamando o "amparo" da Presidencia da comisión. O Goberno, di, "traspasa todas as liñas vermellas" ao negarse a responder ata "seis preguntas" sobre este asunto, o que demostra, na súa opinión, a vontade do Executivo de converter o Parlamento nunha mera "terminal" de San Caetano.

Miranda e Suárez Canal CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.