As fotos de despois e a aldraxe viguesa

Rueda posa cos conselleiros por provincias tras as súas tomas de posesión, no Pazo de Raxoi o pasado 15 de abril CC-BY-SA Imaxe: Sinal institucional Xunta | Montaxe: Praza.gal

As provincias son fortes no PP galego. Son un esquema clave na súa organización interna e reparto de poder. Máis aínda cando gobernan a deputación correspondente, pero sono en todo caso. Boa mostra disto é, por exemplo, o relevantísimo poder á hora de ratificar, asentar ou axitar o liderado do partido en Galicia: dende Albor e Fraga ata Feijóo e Alfonso Rueda

Así sucedeu, por exemplo, á hora de decidir a remuda de Feijóo. O daquela aínda barón ourensán, José Manuel Baltar, reclamou protagonismo para a súa provincia no proceso e tamén o fixo o presidente provincial da Coruña, Diego Calvo. Baltar acabou apoiando a Rueda e acabou de decantar unha designación á que Calvo foi o derradeiro en sumarse

O presidente Rueda, ante os membros do novo Goberno e os ex-conselleiros Comesaña e Vázquez, no acto de tomas de posesión, o 15 de abril de 2024 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

A demora do político de San Sadurniño en 2022 para dar o seu "si" ao novo presidente do partido ecoou esta pasada semana nas análises sobre a composición do novo Goberno galego, o primeiro elixido por Rueda con plenos poderes tras a nova maioría absoluta do PP o pasado 18F. Calvo segue como conselleiro da Presidencia, pero tanto el como Ángeles Vázquez perderon as vicepresidencias que ostentaban, unha degradación no organigrama que o titular da Xunta xustifica en aras da "horizontalidade", pero ante a que caben ben máis interpretacións.

As fotos de despois

A toma de posesión dos novos membros do Goberno galego acredita ata que punto seguen pesando as provincias no PPdeG e a claridade dunhas adscricións e cotas territoriais das que desaparece a cidade de Vigo

Na toma de posesión dese novo Goberno ficou claro, no plano simbólico, ata que punto seguen pesando as provincias no PPdeG e na Xunta. Ao remate das xuras e promesas das conselleiras e conselleiros, Rueda posou con eles para catro fotografías. Fíxoo con Alfonso Villares e María José Gómez (Mar e Medio Rural) acompañados de Elena Candia, presidenta provincial de Lugo. Tamén con José González (Emprego) xunto ao presidente do Parlamento, o ourensán Miguel Santalices, e a alcaldesa de San Cibrao das Viñas, Marta Novoa.

As provincias atlánticas tamén tiveron as súas fotos con Rueda. Na da Coruña figuraban o conselleiro e presidente provincial do partido, Diego Calvo (Presidencia), Antonio Gómez Caamaño (Sanidade), Ángeles Vázquez (Medio Ambiente), Fabiola García (Política Social) e Miguel Corgos (Facenda). E na de Pontevedra posaron José López Campos (Cultura), Román Rodríguez (Educación), María Martínez Allegue (Vivenda e Infraestruturas) acompañados polo presidente provincial e da Deputación pontevedresa, Luis López.

Rueda posa cos conselleiros por provincias con outros dirixentes territoriais tras as súas tomas de posesión, no Pazo de Raxoi o pasado 15 de abril CC BY-SA Imaxe: Sinal institucional Xunta | Montaxe: Praza.gal

Fica así claro que as cotas provinciais seguen existindo e todo o mundo no PP, comezando polo propio Rueda, ten claro de quen é cadaquén, a que provincia adscribir a cada membro do Goberno. Xa sexa polo seu lugar de nacemento, por onde fai vida ou por onde desenvolveu a súa traxectoria política -de feito, algúns conselleiros encadrados na Coruña apenas tiveron vida partidaria alén de San Caetano-. 

A aldraxe viguesa

O único vigués da toma de posesión foi o xa ex-titular de Sanidade, Comesaña, para despedirse

Nesas fotos de despois tamén é posible afinar un chisco máis e adscribir a cada membro do Consello da Xunta cunha comarca, vila ou cidade. Por exemplo, na foto lucense está representada A Mariña con Villares e o interior con Gómez, que é de Guntín. Na coruñesa pódese albiscar representación ferrolá, do Barbanza, en certo xeito tamén de Santiago e en menor medida, da cidade da Coruña.

Estas adscricións poden dar lugar a interpretacións (o titular de Sanidade, por exemplo é máis de Santiago, onde exerceu como directivo do hospital, ou de Ferrol, onde naceu?), pero o que resulta innegable é que na foto pontevedresa non hai ningunha posible ligazón con Vigo. López Campos é da Estrada -vén de ser alcalde da vila máis dunha década-, Román Rodríguez exerce de lalinense sempre que ten oportunidade e Martínez Allegue é pontevedresa a todos os efectos, con independencia de que nacese na Coruña.

Julio García Comesaña, ex-conselleiro de Sanidade, tomou a palabra nas tomas de posesión para despedirse CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O único vigués da toma de posesión foi o xa ex titular de Sanidade, Julio García Comesaña, que interveu para despedirse no nome dos conselleiros que non repetiron. Formalmente, tamén no nome da ourensá Elena Rivo, destituída en Emprego e cuxa contrariedade se manifestou non asistindo ao acto e, acto seguido, renunciando á acta de deputada.

A ausencia viguesa no Consello non pasou desapercibida na cidade a nivel político e mediático mentres a xestora do PP local, inmerso na súa enésima crise, resolve que "o primeiro conselleiro de Vigo" vai ser o presidente

Esa ausencia viguesa no Consello da Xunta non pasou desapercibida para actores locais tan significativos coma o xornal Faro de Vigo, que ao día seguinte das designacións calculaba que este era o primeiro Goberno galego "sen vigueses" nos últimos 24 anos. Atlántico Diario, por exemplo, apuntaba abertamente á "decepción" na cidade pola "ausencia de conselleiros de Vigo e da súa área" mentres, no Concello olívico e tamén a nivel galego, tanto BNG como PSdeG ligaban a desaparición da principal cidade do país do seo do Goberno ao escaso "peso político" do PP vigués e ás súas sucesivas crises.

Neste contexto, a presidenta da xestora do partido na cidade, Ana Ortiz -cabeza da enésima estrutura provisional do PP municipal tras a marcha de Marta Fernández-Tapias, cuxa dimisión estoupou en plena campaña electoral- deu en restar importancia a que non haxa ningún membro vigués no Consello porque "o primeiro conselleiro de Vigo" vai ser o presidente. Rueda, pontevedrés de toda a vida, achegouse a Vigo poucas horas despois das tomas de posesión para clausurar a asemblea da Confederación de Empresarios de Pontevedra mentres, no goberno local da cidade, o equipo de Abel Caballero tiña xa á súa disposición un novo argumentario para debuxar unha Xunta antiVigo, neste caso, propiciado polos propios populares.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.