O pasado febreiro, a apenas dez días das eleccións, Alfonso Rueda prometeu que, se seguía gobernando tras o 18F, a Xunta ía "ofrecerlle a vacina e o microchip a todos os que acollan unha mascota adoptada". A axuda económica, bosquexou, ía na liña de fomentar as adopcións de animais de compañía previamente abandonados.
Este 15 de abril, tras a toma de posesión dos seus novos membros, o Goberno galego celebrou o primeiro Consello da Xunta da lexislatura con plenos poderes, xa non en funcións. E entre os asuntos tratados estivo un informe no que o Executivo confirma a promesa e, segundo detallou Rueda á prensa -estes documentos sen valor legal non son públicos-, concreta algúns dos seus detalles, como contía e prazos.
"Previsiblemente, no mes de xuño", a Xunta lanzará unha orde de axudas financiada con 125.000 euros para conceder un "máximo" de 150 euros a quen adopte un can e un "máximo" de 125 euros a quen o faga cun gato. Os animais terán que ser adoptados nun dos centros inscritos no Rexistro Galego de Núcleos Zoolóxicos, que actualmente ten 39 instalacións, dende que entre en vigor a medida e ata o vindeiro 30 de setembro.
O Goberno aborda no seu primeiro Consello con plenos poderes un informe que permite ao presidente avanzar que as axudas para adoptar mascotas se convocarán "previsiblemente" en xuño con ata 150 euros para cans e 125 para gatos co obxectivo de subvencionar custos coma vacinación ou microchip
Sinala Rueda que o que pretende financiar a Xunta con estas subvencións son "os custos derivados da identificación mediante microchip, desparasitación, vacinación e esterilización nos que teña incorrido o centro de recollida, de ser o caso, para garantir o correcto estado hixiénico-sanitario dos exemplares no momento en que se lle entregue ao seu novo dono". Pretenden atender "arredor dun milleiro de solicitudes", se ben matiza o presidente que "se fose necesario, ampliaríase o crédito dispoñible".
A mesma xuntanza tamén tratou outros sete destes informes sobre materias diversas. Un deles recolle os equipamentos que o Sergas ten previsto mercar para as tres unidades de reprodución asistida (A Coruña, Vigo e Santiago), como ecógrafos, incubadoras ou tanques de conxelación, así como diverso material informático. A adquisición permitiulle a Rueda lembrar que se reafirma na promesa electoral de "ampliar ata os 45 anos" a idade das mulleres que poidan acceder a estes tratamentos na sanidade pública e "eliminar o límite dun único fillo".
Reduce a cancelación das vicepresidencias a "reorganización"
O Consello deste martes foi o primeiro en máis de once anos no que o presidente da Xunta non tivo por baixo no organigrama unha ou dúas vicepresidencias. Rueda estivo flanqueado por Diego Calvo e Ángeles Vázquez, pero xa non como vicepresidente primeiro e vicepresidenta segunda, senón unicamente como conselleiro da Presidencia e conselleira de Medio Ambiente, respectivamente.
Rueda asegura que non pretendeu mandar "ningunha mensaxe" coa nova configuración do Consello, que cancela as vicepresidencias: "O reforzo da miña persoa como presidente vén do resultado electoral", agrega
Preguntado ao respecto, o xefe do Executivo asegurou non "tomar coma outra cousa" que "unha reorganización o o Goberno" unha cancelación de vicepresidencias con evidente significado político. Porque "en absoluto" cre que teña que usar a composición do Consello para "mandar ningunha mensaxe". "O reforzo da miña persoa como presidente vén do resultado electoral", advirte.
"Eu mesmo pasei por varios postos", lembra -foi director xeral con Fraga e, con Feijóo, conselleiro da Presidencia e vicepresidente, con esas competencias anexas-, e "todos" os integrantes do seu novo gabinete "saben que aquí hai que traballar polo interese xeral". A súa vontade, agregou, foi que o novo esquema fose "o máis horizontal posible".
E esa horizontalidade deixa sen preeminencia a Calvo e Vázquez tras uns anos nos que, sobre todo o que fora líder das Novas Xeracións do PPdeG en tempos de Manuel Fraga, foi visto por múltiples voces como aspirante a unha eventual carreira sucesoria. Polo momento Rueda evita ademais confirmar se serán Calvo e Vázquez os membros do Executivo que conserven os seus escanos no Parlamento. Esa decisiónvai alén do organizativo porque só quen ostente esa condición podería aspirar, chegado o caso, a presidir a Xunta se se producise unha, a priori, improbable renuncia do presidente.