O tren é un dos convidados estrela de practicamente todas as campañas electorais. En Galicia en xeral e, en particular, en Lugo. Malia ás obras xa en marcha de mellora da liña da capital lucense cara a Monforte e Ourense, que rebaixarán notablemente os tempos de viaxe e facilitarán a conexión coa alta velocidade, o certo é que Lugo segue sendo a provincia galega con peores conexións ferroviarias. Esta realidade facilita as reclamacións e as promesas na materia. Mesmo a súa reciclaxe.
"Despois xa lle pasaremos a factura [ao Goberno de España], pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", prometeu o PP o 10 de xaneiro de 2009 no marco da campaña que Rueda dirixía
Este pasado mércores, o PP organizou en Lugo un dos seus habituais almorzos de campaña con representantes de diversos colectivos da cidade, moitos deles ligados ao eido económico e empresarial. Como recolle El Progreso, en media hora de discurso Alfonso Rueda logrou dous aplausos. Un deles, cando pediu tren "decente" para Lugo. "Mentres Lugo non teña unhas comunicacións ferroviarias axeitadas e non se concrete a dat ados trens de alta velocidade a toda Galicia, todo estará por facer", afirmou nun acto sobre o que, non obstante, a dirección galega do partido puxo o foco en asuntos como acusar o BNG de "totalitarismo ideolóxico".
Estas mensaxes de Rueda sobre o tren en Lugo en plena carreira electoral chegan década e media despois doutra campaña do PP, a de 2009, que o actual presidente e candidato dirixía e na que o aspirante á Xunta era, por primeira vez, Alberto Núñez Feijóo. Foi daquela, concretamente o 10 de xaneiro daquel ano, cando o agora líder estatal dos conservadores prometeu non só unha conexión de Lugo por alta velocidade ferroviaria, senón trazala con cargo aos Orzamentos da Xunta.
Tras diversas demoras, o Estado ten actualmente en marcha as obras de mellora da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, que inclúen a súa electrificación
"Despois xa lle pasaremos a factura [ao Goberno de España, na altura co PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero], pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", prometera Feijóo naquel mitin, no que estivera arroupado por Mariano Rajoy. En canto rematara o "pesadelo" do Goberno de coalición de PSdeG e BNG, dixera, o PP ía "asumir, comezar e rematar" esa liña de alta velocidade "básica" para Lugo como mostra do sue "compromiso real co equilibrio territorial".
Como é sabido, aquela promesa se cumpriu. O Goberno do PP non só non tomou nunca a inédita decisión de construír unha liña ferroviaria de alta velocidade, senón que tampouco puxo en marcha o Ente Ferroviario Galego que prometera para activar conexións de tren de proximidade e mais o metro lixeiro en varias cidades, ámbito este no que a Xunta si ten competencias. Mentres, e tras diversas promesas e con demoras, actualmente o Estado si está executando a mellora da liña ferroviaria entre Lugo e Ourense, traballos que inclúen a súa electrificación.
Da Autovía da Costa da Morte a un carril por sentido vinte anos despois
Sen saír das infraestruturas, este mércores Rueda tamén prometeu nun mitin en Carballo "a prolongación da autovía da Costa da Morte ata Vimianzo". Recupera así un vello compromiso do Plan Galicia lanzado polo PP tras o Prestige que non foi quen de materializar en dúas décadas.
O PP recupera cara ao 18F a Autovía da Costa da Morte, prometida no Plan Galicia, pero agora cun só carril por sentido
Porén, fronte ao comprometido no seu momento, a infraestrutura xa non será unha autovía senón que, como admitiu o PP este mércores, a prolongación da autovía, que hoxe ten 27 quilómetros en lugar dos 42 anunciados, será "como vía de altas prestacións", isto é, cun carril por sentido en lugar de dous. E nunha primeira fase, en lugar de executarse os 15 quilómetros pendentes, só están a ser impulsados 6.
Ademais, o que xa hai construído da autovía foi executado polos gobernos de Feijóo con peaxe en sombra, polo que aínda haberá que pagar por ela uns 450 millóns de euros ata 2038. Fíxose cun procedemento que o Consello de Contas vén de fiscalizar concluíndo que a Xunta está a pagar pola infraestrutura máis do que debera.