O BNG tiña previsto dedicar a mañá deste martes a "explicar o programa de goberno do BNG para modernizar" o transporte ferroviario e que "Galiza non perda o tren". Para facelo, organizaron dúas viaxes: a candidata á presidencia, Ana Pontón, e a cabeza de lista da formación por Ourense, Noa Presas, viaxarían en tren dende Santiago ata a capital ourensá, onde se atoparían con Olalla Rodil e Daniel Castro, números un e dous da candidatura lucense do Bloque.
Rodil e Castro, números 1 e 2 do Bloque por Lugo non deron chegado a Ourense en tren por mor dunha avaría á altura de Sarria. "É un exemplo perfecto do illamento ferroviario de Lugo", lamentan
Pontón e Presas puideron realizar a súa viaxe segundo o previsto pero non así os deputados lucenses e candidatos á reelección este 18F. Unha "avaría técnica", explicaron, deixounos parados na contorna de Oural (Sarria), onde seguían cando xa pasar unha hora dende que saíran da cidade da Muralla. "É un exemplo perfecto do illamento ferroviario no que se atopa Lugo", sinalou Rodil dende unha liña que actualmente se atopa en proceso de modernización.
"Para nós foi unha odisea", ironizan, pero aínda foi "peor" para o resto da pasaxe, caso de persoas que, lamentaron, "non chegaron ao traballo" en hora por mor desta incidencia. "Vivimos de primeira man o exemplo da precariedade absoluta do que é o medio de transporte do século XXI e do que Lugo non pode quedar illado", resume Rodil.
Os servizos de proximidade A Coruña - Ferrol e Vigo - Pontevedra e mais a conexión de Lugo con Santiago, entre as prioridades do programa ferroviario do BNG exposto por Pontón
Alén deste imprevisto, Pontón si expuxo as liñas xerais coas que, di, pretende "que a próxima lexislatura sexa a lexislatura do tren en Galiza" se chega á presidencia tras o 18F. Neste sentido, avanza, un dos primeiros obxectivos dun eventual Goberno encabezado polo BNG sería "a creación do ente ferroviario galego", que denominarían Galtren, como "instrumento para exercer as competencias que temos recoñecidas no noso Estatuto" neste eido. Dáse a circunstancia de que o PP prometeu a creación dese ente tras a chegada de Feijóo á presidencia en 2009, pero nunca chegou a facelo.
Trátase, sinala a candidata, de que "tamén utilicemos o autogoberno para desenvolver o ferrocarril". Así, di, combinaríase a implantación dos servizo de proximidade pactados entre o Bloque e o PSOE para a investidura de Pedro Sánchez (nos eixos A Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra) con melloras "no conxunto do país". Entre elas, di, "suplir a carencia que ten Lugo dotándoa dunha conexión directa con Santiago, clave para a capital lucense e todo o interior do país".
O "deseño integral dun servizo ferroviario que mellore a vida dos galegos e galegas", conclúe, é o seu "compromiso" para a vindeira lexislatura. "Temos claro que o tren ten que ser o medio por excelencia da mobilidade sostible, polos seus beneficios para a vertebración interna do país" e tamén para "combater o cambio climático". "Fronte a un PP que deu as costas ao tren", asegura, "o goberno do BNG vaino poñer no primeiro plano da acción de goberno".