“O seguimento do impacto da chegada do AVE a Galicia realízase polas distintas consellerías”, responde a Xunta á Valedora do Pobo, que censura a súa falta de transparencia sobre o foro de “expertos” publicitado polo daquela presidente
Hai un ano, o 14 de xaneiro de 2022, un mes despois da inauguración da liña de alta velocidade coa Meseta, o daquela presidente Feijóo anunciou en Ourense a creación dun “comité multidisciplinar” de “expertos” que achegaría “propostas” para “aproveitar” mellor a chegada do AVE a Galicia. Un ano máis tarde a Consellería de Infraestruturas desenténdese dese suposto comité nunha resposta oficial á Valedora do Pobo na que esta censura a súa falta de transparencia.
Segundo o anuncio de Feijóo de hai un ano o comité estaría “formado por un conxunto de expertos que achegarán propostas a desenvolver co fin de aproveitar a capacidade económica do tren de alta velocidade”. O presidente, segundo aquela nota de prensa, asegurou que a Xunta “dedicará o tempo a esta tarefa”.
O pasado outubro Praza.gal formulou, ao amparo da Lei de Transparencia, unha solicitude de acceso a documentación para “coñecer a composición e datas de reunión dese comité e ter acceso ás actas ou calquera documento elaborado por el”. A Consellería de Infraestruturas non respondeu no prazo legal dun mes, o que supón unha negativa a facilitar a información, polo que este diario presentou un recurso ante a Comisión da Transparencia que depende da Valedora do Pobo, que agora vén de estimar a queixa nunha resolución na que reflicte a explicación que lle deu a consellería.
A Valedora lembra a Infraestruturas que "o incumprimento reiterado" da súa obriga de responder en prazo as peticións de transparencia "ten a consideración de infracción grave"
Segundo a Valedora, o informe que lle remitiu a Dirección Xeral de Mobilidade da Consellería de Infraestruturas di que “o labor de seguimento do impacto da chegada do AVE a Galicia realízase polas distintas consellerías, no ámbito das súas respectivas competencias”, o que obvia o “comité” anunciado por Feijóo. A resposta de Infraestruturas engade que no ámbito das súas propias competencias elaborou “distintos informes”, pero que “non está dentro das competencias que ten atribuídas” encargarse dese suposto comité xa que “ten un encaixe transversal que excede das competencias desta consellería”.
En ningún momento Infraestruturas confirma a existencia do “comité” e a Valedora repróchalle que se a competencia non é súa non remitise a petición de transparencia ao departamento da Xunta que fose competente, como esixe a Lei de Transparencia.
Agora Infraestruturas ten un prazo de dez días hábiles para dar resposta directa á petición de transparencia que se lle formulou. A Valedora lémbralle tamén que “o incumprimento reiterado de resolver en prazo ten a consideración de infracción grave para os efectos de aplicación aos responsables do réxime disciplinario previsto na correspondente normativa reguladora”.
En 2017 a Xunta deu respostas contraditorias sobre se fora creado un comité de seguimento dos orzamentos do Estado tamén prometido por Feijóo
Antes deste comité prometido por Feijóo, o presidente xa anunciara outro comité en 2017 para vixiar a execución dos orzamentos do Estado en Galicia. Meses despois da súa suposta creación, e ante preguntas de Praza.gal, un portavoz oficial do Goberno galego respondeu que finalmente “por razóns de operatividade” non se creara o comité e o seguimento se estaba a facer directamente desde o Consello da Xunta. Porén, cando se preguntou directamente a Feijóo por esa cuestión o presidente rectificou a resposta do seu gabinete e asegurou que o comité si estaba a funcionar con normalidade.
Durante a pandemia peticións similares de transparencia de Praza.gal permitiron coñecer que nin o comité clínico nin o comité para reformar as residencias levantaron actas das súas reunións
Máis preto no tempo, tamén tras unha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal puido saberse que o comité clínico que asesorou á Xunta fronte a COVID non levantou acta de ningunha das súas reunións en toda a pandemia. Iso non impediu ao Goberno galego criticar que o Goberno de España non levantase actas do que falaba coas comunidades autónomas.
Tamén sen actas desenvolveu o seu traballo o comité que supostamente asesorou á Xunta para reformular as residencias de maiores, o que tamén se soubo grazas a outra petición de transparencia de Praza.gal como a que agora a Xunta vén de denegar co seu silencio administrativo.