O Goberno galego rexeita sen dar explicacións unha petición de transparencia sobre a composición, datas de reunión, actas ou calquera documento elaborado polos supostos “expertos” anunciados polo daquela presidente
O 14 de xaneiro, un mes despois da inauguración da liña de alta velocidade coa Meseta, o presidente Feijóo anunciou en Ourense a creación dun “comité multidisciplinar” de “expertos” que achegaría “propostas” para “aproveitar” mellor economicamente a chegada do AVE a Galicia. Nuns días cúmprese un ano desa inauguración da liña de alta velocidade, pero dez meses despois do anuncio de Feijóo a Xunta vén de rexeitar, co seu silencio administrativo, unha petición oficial ao amparo da Lei de Transparencia para coñecer a composición, datas de reunión, actas ou calquera documento elaborado ata o momento por aquel comité.
A liña de alta velocidade entre a Meseta e Galicia foi inaugurada o 20 de decembro do pasado ano, e o 14 de xaneiro seguinte a Xunta organizou un foro político en Ourense que concluíu co gran anuncio por parte de Feijóo, levado ao titular da nota de prensa que o Goberno galego emitiu aquel día, de que se crearía “un comité multidisciplinar para elaborar unha estratexia coa que impulsar o maior crecemento económico e rendemento social do AVE a Galicia”.
Segundo dixo Feijóo aquel día, ese comité estaría “formado por un conxunto de expertos que achegarán propostas a desenvolver co fin de aproveitar a capacidade económica do tren de alta velocidade”. O presidente, segundo aquela nota de prensa, asegurou que a Xunta “dedicará o tempo a esta tarefa”.
Hai máis dun mes Praza.gal formulou, ao amparo da Lei de Transparencia, unha solicitude de acceso a documentación para “coñecer a composición e datas de reunión dese comité e ter acceso ás actas ou calquera documento elaborado por el”. A lei establece que a Xunta ten que contestar as peticións de transparencia “o antes posible e, como máis tarde, no prazo máximo dun mes”, e que “transcorrido o prazo para resolver sen que se ditase e notificase resolución expresa, entenderase que a solicitude foi desestimada”. E iso é o que vén de ocorrer, ao desestimar a Xunta por silencio administrativo a petición que se lle formulou hai máis dun mes.
En 2017 a Xunta deu respostas contraditorias sobre se fora creado un comité de seguimento dos orzamentos do Estado tamén prometido por Feijóo
Antes deste comité prometido por Feijóo, o presidente xa anunciara outro comité en 2017 para vixiar a execución dos orzamentos do Estado en Galicia. Meses despois da súa suposta creación, e ante preguntas de Praza.gal, un portavoz oficial do Goberno galego respondeu que finalmente “por razóns de operatividade” non se creara o comité e o seguimento se estaba a facer directamente desde o Consello da Xunta. Porén, cando se preguntou directamente a Feijóo por esa cuestión o presidente rectificou a resposta do seu gabinete e asegurou que o comité si estaba a funcionar con normalidade.
Durante a pandemia peticións similares de transparencia de Praza.gal permitiron coñecer que nin o comité clínico nin o comité para reformar as residencias levantaron actas das súas reunións
Máis preto no tempo, tamén tras unha petición oficial de transparencia formulada por Praza.gal puido saberse que o comité clínico que asesorou á Xunta fronte a COVID non levantou acta de ningunha das súas reunións en toda a pandemia. Iso non impediu ao Goberno galego criticar que o Goberno de España non levantase actas do que falaba coas comunidades autónomas.
Tamén sen actas desenvolveu o seu traballo o comité que supostamente asesorou á Xunta para reformular as residencias de maiores, o que tamén se soubo grazas a outra petición de transparencia de Praza.gal como a que agora a Xunta vén de denegar co seu silencio administrativo.