Así entramos cada día nas cidades galegas: máis de 800 mil coches á espera da mellora do transporte metropolitano

Vehículos na Vedra -avenida Alfonso Molina-, un dos principais accesos á Coruña © Concello da Coruña

Máis de 800.000 vehículos circulan cada día polos principais accesos ás cidades galegas debido á deficiencia dos servizos de transporte metropolitano, coma o autobús ou o inexistente tren de proximidade

As cidades galegas non son grandes. A dimensión das meirandes -Vigo e A Coruña-, mesmo tendo en conta as súas áreas metropolitanas fica moi lonxe das maiores aglomeracións urbanas da Península, dende Porto e Bilbao a Valencia ou Sevilla, por non falar de Madrid, Barcelona e Lisboa. Con todo, as cidades galegas si sofren unha grande intensidade de tráfico rodado, con centos de milleiros de vehículos que todos os días entran e saen dos centros urbanos.

A ausencia de bos servizos metropolitanos de transporte público na maior parte de Galicia, sen tren de proximidade e con comunicacións mellorables por autobús explican as cifras de vehículos que a diario saturan as vías de acceso e circunvalación das cidades do país. Cantos coches entran cada día nas sete urbes? Unha análise rápida nas estatísticas de aforos que ofrecen o Ministerio de Transportes e a Xunta deixa unha cifra superior aos 800.000 vehículos diarios circulando polas principais vías de acceso.

Trátase dunha estimación necesariamente incompleta e a cifra total probablemente sexa superior, pois non todas as vías contan con estacións de medición. A cifra inclúe vehículos de todo tipo (turismos e pesados), que nalgúns casos só pasan unha vez pola estación, noutros dúas (fan traxectos de ida e volta no día) e noutos circulan máis de dúas veces cada día polo mesmo punto.

A Coruña é, con gran diferenza, a cidade na que entran e saen máis vehículos todos os días, por riba dos 200.000, pero Vigo e Santiago roldan os 150 mil

A Coruña é, con gran diferenza, a cidade na que entran e saen máis vehículos todos os días. Unha intensidade que se explica polo pequeno tamaño do seu termo municipal e as intensas relacións que mantén cos concellos que forman a súa área metropolitana (125 mil persoas viven só en Oleiros, Arteixo, Culleredo e Cambre, e moitas delas traballan na Coruña ou entran na cidade para actividade comerciais e de ocio). Máis de 200.000 coches empregan cada día as principais vías de acceso á cidade herculina, comezando pola AC-11 (Avenida de Alfonso Molina ou A Vedra), que supera os 100.000 vehículos diarios de media. 

Vigo e Santiago roldan os 150 mil e Ourense, Pontevedra e Ferrol achéganse aos 100 mil vehículos diarios, con cifras algo inferiores para Lugo. Santiago, Pontevedra e Ourense sofren o peso engadido de ser zonas de paso entre varias comarcas, o que eleva as súas cifras.

Os datos en todas as cidades amosan unha grande estabilidade nos últimos anos, pero si se comeza a advertir unha certa tendencia de descenso, notable do caso da Coruña

Os datos en todas as cidades amosan unha grande estabilidade nos últimos anos, pero si se comeza a advertir unha certa tendencia de descenso, notable do caso da Coruña. O gráfico seguinte pon en relación o último dato coñecido (correspondente aos anos 2022 ou 2023) para as principais vías de acceso ás urbes galegas coa media rexistrada nos anos inmediatamente anteriores á pandemia de COVID, entre 2016 e 2019, ambos os dous incluídos. Os rexistros de 2020 e 2021 non se teñen en conta pola distorsión que supuxeron as medidas de control da enfermidade.

O descenso é claro no caso da Coruña, como veremos máis adiante. Tamén se aprecia unha pequena diminución nalgunhas vías de acceso a Vigo (na entrada dende a AP-9 polo norte e pola A-55 dende o leste); iso si, na cidade olívica, pola contra, o tráfico da VG-10, que entra na cidade polo sur, aumentou de forma importante dende o 2019.

Igualmente, o tráfico nos accesos a Santiago a través do periférico (SC-20) rexistra nos anos 2022 e 2023 cifras inferiores ás anteriores á pandemia, tanto polo norte (Costa Vella), coma polo sur (Rocha, Choupana) e tamén no acceso dende o leste pola SC-11 en Cornes. Tamén descenden os rexistros na AC-543, en Vidán.

Tamén en Santiago, Lugo ou Ferrol o tráfico nos accesos e circunvalacións descendeu dende o ano 2019

Hai tamén descensos no tráfico nas vías que circunvalan Lugo, a N-640 e a antiga N-VI, aínda que na cidade da muralla as cifras da intensidade media de vehículos son menores que noutras urbes do país.

De igual xeito, a cidade de Ferrol amosa unha diminución no tráfico dos seus accesos principais, especialmente no FE-11 (Trincheira) e na FE-14 (Ponte das Pías) e algo menos na entrada por Catabois. O tráfico no acceso a través da AP-9, que nas últimas décadas se converteu na principal vía da comarca, mantense estable.

A excepción atopámola nas cidades de Ourense e Pontevedra, que non rexistran descensos xeneralizados no tráfico que sofren os seus accesos e onde mesmo aumenta a intensidade media en varias vías, especialmente na OU-11 en Ourense e tamén no paso de vehículos a través da AP-9 que circunvala Pontevedra polo oeste da cidade.

Importantes descensos na Coruña

O tráfico na AC-11 (A Vedra ou Alfonso Molina) descendeu un 11% o pasado ano, datos que contrastan coas polémicas obras, xa en marcha, de ampliación da vía, que no futuro contará con oito carrís (catro por sentido), en lugar dos seis actuais

En ocasións resulta difícil comparar as cifras das estacións de medición do tráfico nunha determinada vía e arriscado tirar conclusións definitivas sobre a evolución do paso de vehículos nun punto. A existencia de obras ou a apertura de novas vías, entre outras incidencias poden modificar os fluxos, distribuíndo o mesmo tráfico dunha maneira diferente. En calquera caso, as estatísticas correspondentes á cidade da Coruña semellan indicar de maneira moi clara unha tendencia de descenso na intensidade de vehículos que sofren os seus accesos.

A tendencia é clara na AC-11 (Avenida da Vedra, denominada oficialmente Alfonso Molina), que no ano 2023 rexistrou unha media diaria de 101.719 vehículos, cun descenso do 11% en relación ás cifras de 2022 (114.242) e tamén aos valores anteriores á pandemia, con 109.702 vehículos en 2019.

Máis claro é o descenso na AC-12, que entra na cidade a carón do mar, polas Xubias e Os Castros. Mentres que en 2019 rexistraba unha media de 87.023 vehículos diarios, en 2022 a media foi de 71.745 e en 2023 reduciuse a 54.389.

O acceso á Coruña a través da AC-12 (polas Xubias e Os Castros) leva anos experimentando un importante descenso do seu tráfico

Estes descensos foron compensados por leves aumentos nas restantes vías de entrada na cidade, como a AC-14 (Terceira Rolda), que na bifurcación das súas saídas (Catro Camiños e Riazor) rexistrou en 2023 unha intensidade media diaria de 28.881, algo por riba dos 28.783 de 2022 e dos 28.729 de 2019.

O mesmo sucedeu na entrada a través de Meicende e Agrela, a través da autoestrada de Carballo (AG-55), que presentou en 2023 á altura de Meicende rexistros algo superiores aos de 2022 e algo máis elevados aos de 2019. En cambio, a estrada convencional AC-552 que vén de Arteixo tivo un pequeno descenso no seu tráfico.

No interior da cidade da Coruña as estacións medidoras da Rolda de Outeiro, Avenida do Exército e Alfonso Molina recollen tamén a redución do tráfico de vehículos

A evolución conxunta das cifras destes cinco accesos presenta en todo caso unha clara tendencia de descenso, dos 260 mil vehículos de 2019 aos 220 mil de 2023, que contrasta coas polémicas obras, xa en marcha, de ampliación da AC-11, que no futuro contará con oito carrís (catro por sentido), en lugar dos seis actuais.

A esta redución do tráfico nos accesos á Coruña súmase a diminución do tránsito de vehículos no interior da cidade, confirmada pola rede de estacións de medición que mantén o Concello. A Rolda de Outeiro, por exemplo, pasou de 21.452 vehículos diarios en 2019 a 19.580 en 2022, a Avenida do Exército de 23.023 a 18.552, a Avenida de Arteixo de 18.512 a 15.583 e a Avenida de Alfonso Molina (xa ao seu paso por Elviña), de 54.284 a 49.662.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.