Nove días ao ano foi o ritmo de revisión de cada un dos 31 muíños de Montouto, no espazo protexido da serra do Xistral, durante último ano, período no que se atoparon un voitre e un miñato, datos coñecidos só grazas a unha sentenza do Tribunal Superior
Nos 18 anos que leva en funcionamento, o parque eólico de Montouto, no espazo protexido pola Rede Natura da serra do Xistral, entre Abadín e Muras, causou a morte de cando menos 19 aves. No último ano foron un voitre e un miñato -as especies máis afectadas tamén en anos anteriores, ata o punto de que na última década son xa oito os voitres mortos-, cuxos restos foron atopados tras seguir un procedemento de revisión que fixo que cada un dos 31 muíños do parque fose visitado unha media de 9 días en todo o ano, frecuencia inferior en exercicios anteriores. Uns datos que se coñecen tras dous anos de trámites e unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalando o dereito de Praza.gal a acceder aos informes de seguimento do impacto do parque sobre as aves, que os propios documentos cualifican como “baixo”.
Os informes de impacto son encargados por cada empresa propietaria de parques eólicos e dos 11 agora revelados só nun, de hai unha década, se pode identificar a autoría
Os informes de impacto nas aves son encargados por cada empresa propietaria de parques eólicos en cumprimento das obrigas establecidas pola Xunta cando lles autoriza cada instalación. Malia ser documentos que obran en poder da administración por esixencia dela mesma (da Dirección Xeral de Planificación Enerxética da Consellería de Economía, responsable da súa revisión, non de Medio Ambiente), a Xunta nunca ata agora fixo público ningún e a propietaria do parque de Montouto, Norvento, recorreu á xustiza, sen éxito, para evitar que o Goberno galego os facilitase en resposta a unha petición de transparencia formulada por este diario hai dous anos, despois de recibir unha alerta dun cidadán sobre aves mortas nese lugar.
O Goberno galego vén de entregar agora os informes, 11 correspondentes aos anos 2009 a 2019, malia sinalarse nos mesmos que tamén deberan existir outros sete anteriores, ata 2002. Dos facilitados, só nun se pode identificar a autoría dos documentos, o de 2009, a cargo do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, mentres o resto só contan co logotipo da propia empresa propietaria do parque, Norvento. Malia a súa negativa a amosalos, ningún deles reflicte ningunha situación alarmante, pero fontes do sector sinalan que os resultados dependen en gran medida do procedemento de elaboración: “Se buscas pouco, atopas pouco”.
Ningunha das aves atopadas, entre as que hai tamén tres lavercas, unha garza real ou unha píllara dourada, é considerada "sensible" , pero fontes do sector apuntan a importancia do procedemento de inspección: “Se buscas pouco, atopas pouco”
O último informe de seguimento, o máis completo de todos, que reflicte o período de outubro de 2018 a setembro de 2019, sinala que en xullo dese ano foron atopados os restos dun voitre leonado (Gyps fulvus) mentres que en agosto apareceu un miñato común (Buteo buteo). Sobre o voitre, o oitavo atopado morto no parque desde 2009, sinálase que a súa poboación está aumentando e estendéndose a Galicia, onde non era habitual, e que malia non ser aínda zona de reprodución a serra do Xistral chegou a rexistrar no verán de 2016 “máis de 130 voitres leonados”. Fontes do sector ratifican que os voitres comezaron a aparecer en Galicia, especialmente no norte, hai unha década, despois de que se perseguise o abandono no campo de reses mortas tras a crise das vacas tolas, o que privou a esas aves dunha fonte de comida noutras zonas da península.
Sobre o miñato común, o cuarto atopado morto desde 2006, o informe di que en Galicia “atópase unha parte importante da poboación española, estimando o número de parellas reprodutoras nun rango de entre 3.000 e 4.000”.
Malia que a situación das dúas especies é considerada como pouco preocupante, o informe tratou o caso do voitre como “ave sensible”, pero segundo o documento terían que morrer cinco exemplares nun ano para acadar o “umbral de alerta”. Tampouco se consideran en risco ningunha das outras aves atopadas mortas nos últimos 18 anos, reflectidas no seguinte cadro no que, xunto cos oito voitres e catro miñatos aparecen tres lavercas (Alauda arvensis), un cirrio común (Apus apus), unha garza real (Ardea cinerea), un peto verde (Picus viridis) e unha píllara dourada (Pluvialis apricaria).
Procedemento de vixilancia
O último informe de seguimento sentenza que “a explotación do Parque Eólico Montouto non interfire de forma significativa sobre a comunidade de aves da zona”, unha conclusión á que chega tras aplicar unha metodoloxía que non se explicita en todos os documentos de anos anteriores, menos completos que o do último ano. Nel, o máis exhaustivo dos 11 facilitados a este diario pola Xunta entre 2009 e 2019, admítese que a información existente sobre a avifauna presente na zona era moi limitada antes da construción do parque eólico a comezos de século.
O procedemento seguido para supervisar o impacto nas aves ten en conta tanto as anteditas 9 visitas ao ano a cada un dos 31 muíños para revisar se nos seus arredores hai restos de cadáveres, como percorridos lineais ou transectos polo parque en dúas épocas do ano para rexistrar a presenza de todo tipo de aves vivas. Para o último informe, os percorridos realizáronse o 24 de outubro de 2018 (en período migratorio) e o 13 de xuño de 2019 (en período reprodutor).
A vixilancia baséase nunha media de nove inspeccións ao ano arredor de cada muíño en busca de cadáveres e tres recorridos lineais dun quilómetro dúas veces ao ano para rexistrar a biodiversidade da zona
Nesas dúas xornadas os técnicos realizaron tres recorridos a pé ou transecto de arredor dun quilómetro cada un por tres zonas con características distintas: un xusto por baixo de varios dos muíños do centro do parque, outro pola estrada que serve de linde meridional do parque e outro por unha zona considerada de “control” que “se corresponde cun ambiente semellante ao do parque eólico”. “Deste xeito, a zona control, situada fóra dos límites do parque eólico, permite contrastar os resultados obtidos cos da zona do parque nunha contorna sen afección do parque eólico”, explica o informe. Unha análise coa que se pretende revisar o denominado “efecto vacío”, o feito de que a propia existencia dun parque eólico faga que os paxaros non se acheguen a esa zona, o que implica que non morrerán por bater con el pero supón unha perda da biodiversidade.
O informe di que "a zona mantén unha poboación que non se ve afectada polo funcionamento do parque eólico" malia admitir que non había datos axeitados para poder comparar coa situación previa da avifauna
Neses percorridos os técnicos anotan tanto o número de especies distintas detectadas como o número de exemplares de cada unha, e a partir da aplicación de diversas fórmulas conclúen que “a comunidade de aves canto á densidade e riqueza específica sufriu un aumento a respecto da campaña anterior sobre todo no período migratorio postnupcial, o que mostra que a zona mantén unha poboación que non se ve afectada polo funcionamento do parque eólico”. Unha afirmación que realiza malia admitir que non había datos axeitados para poder comparar coa situación da avifauna antes de que se construíse o parque.
Os técnicos aplican fórmulas ás observacións de campo para ter en conta "factores de subestimación" como que “a maioría dos corpos son eliminados dentro dos 5 días posteriores á morte”
Ademais deses dous percorridos dous días ao ano para rexistrar a variedade e densidade de aves vivas, o seguimento do impacto do parque consistiu no último ano, o de maior frecuencia declarada dese tipo de visitas (varios informes anteriores nin sequera detallan a frecuencia), na revisión periódica do terreo 50 metros arredor de cada muíño en busca de restos de posibles aves mortas “concentrando o esforzo en áreas núas ou con pouca vexetación”. Cada xerador foi revisado unha media de 9 veces ao ano, seguindo un patrón de visitas con frecuencia quincenal nos períodos de maio-xullo e setembro-novembro, os de maior importancia no ciclo biolóxico das aves, e mensual no resto do ano. En total realizáronse 18 visitas, de xeito que en cada unha revisouse “entre un 40-50% do total de aeroxeradores” e cada dúas visitas era revisada a totalidade deles.
Nesas visitas foron nas que se atoparon o voitre e o miñato do último ano e o total de 19 paxaros nas dúas últimas décadas. Pero a eses avistamentos concretos os técnicos aplican diversas fórmulas para coñecer a súa relevancia tendo en conta diversos “factores de subestimación”. Así, a detección de cadáveres de aves depende da poboación na zona de animais que se alimenten deles considerando o informe que “a maioría dos corpos son eliminados dentro dos 5 días posteriores á morte”. Tamén indica o documento que “algúns autores sinalan a eficacia do observador como o factor principal na perda de detección, que se calcula que é dun 20-25%”. Ademais, o documento di ter en conta outros factores como a topografía ou a meteoroloxía da zona ou a posible existencia de aves lesionadas pero non mortas no momento que logran afastarse da zona.
Ademais deses dous procedementos de busca de cadáveres arredor de cada muíño nove veces ao ano e de tres percorridos lineais dous días ao ano para rexistrar as aves existentes na zona, o informe do último ano tamén da conta de dous plans específicos de seguimento realizados en varios parques eólicos de Galicia en busca da presenza de dúas especies ameazadas, a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus). O seu hábitat non adoita ser das características de Montouto e a primeira só foi detectada alí en tres ocasións (nos percorridos lineais de maio de 2006, xuño de 2010 e xuño de 2016) e a segunda en catro (nos percorridos de maio de 2003, maio de 2006, xuño de 2007 e xuño de 2008).
O informe ambiental conclúe que “a explotación do Parque Eólico Montouto non interfire de forma significativa sobre a comunidade de aves da zona”, polo que non recomenda aplicar nel ningunha das medidas correctoras que en 1999, cando se autorizou, a Xunta condicionou “no caso de que se comprobase un impacto grave”, entre as que podería estar incluso “a reubicación e/ou eliminación dos aeroxeradores que producisen tal afección”. Outras posibles medidas que tamén cita o informe para o caso de que os datos recompilados superasen os niveis de alerta ou admisibles comezarían por aumentar a periodicidade e a extensión das visitas de control, e irían seguidas doutras como o pintado das aspas dos muíños, emisión de microondas, instalación de detectores de aves que reducen a velocidade dos muíños ou control de presas existentes na zona que eviten a presenza de aves rapaces ou necrófagas.