O sábado 11 de decembro, co gallo do Día Mundial das Montañas, a Coordinadora Eólica Así Non, apoiada en máis de 170 colectivos de toda Galicia, convoca a unha nova gran mobilización fronte ao que denominan "actual invasión eólica".
Baixo o lema Na defensa das montañas. Eólica Así Non, a coordinadora chama a manifestarse ante os máis de 300 proxectos de enerxía eólica que se atopan actualmente en tramitación, xunto coas súas liñas de evacuación e outras infraestruturas asociadas, que se suman aos 186 proxectos xa en funcionamento. Advirten de que terían "un impacto singular e irreparable no conxunto de montañas, picos, petoutos, cumios, cordilleiras, serras, macizos, montes e outros tipos de elevacións naturais nos que se prevén implantar, mesmo poñendo en risco a supervivencia do rural galego e o equilibrio ecolóxico do país".
Os convocantes demandan a "paralización" de todos os proxectos eólicos en tramitación ata que non se derrogue o Plan Sectorial e as 'leis de depredación'
A coordinadora asegura que retomará as demandas, "máis vixentes que nunca", expresadas na manifestación do pasado 5 de xuño en Compostela. Así, reclaman "paralizar todos os proxectos eólicos que están en tramitación, tanto na Xunta como no Estado, ata que non se derrogue o desfasado Plan Sectorial Eólico e as chamadas leis de depredación (Lei de fomento de implantación de iniciativas empresariais e Lei de simplificación administrativa), e se deseñe, de forma participada, "outra planificación eólica máis xusta coa sociedade galega, o noso rural e a contorna ambiental".
Ademais, aseguran que "a mal chamada moratoria eólica" anunciada pola Xunta "non dá resposta" a ningunha das súas demandas e "promove a confusión na opinión pública e pretende desmobilizar a sociedade crítica coa actual invasión eólica". "Denunciamos a falsidade e inefectividade desta medida anunciada polo goberno galego por canto só afectaría os proxectos que inicien a súa tramitación no ano 2022 (e con excepcións), pero non tería eficacia sobre ningún dos máis de 300 proxectos eólicos que xa están en tramitación".
"A falsa moratoria promove a confusión na opinión pública e pretende desmobilizar a sociedade crítica coa actual invasión eólica"
A coordinadora insiste que todos os colectivos que a integran están "a favor das enerxías renovables, necesarias para afrontar o reto climático, pero que rexeitan "de raíz o actual modelo enerxético e a forma na que se está a concibir a implantación da enerxía eólica". "Apelamos tamén ao deseño dun modelo enerxético alternativo que se fundamente na soberanía enerxética, no fomento do aforro e da eficiencia enerxética, no autoconsumo e na xestión pública do recurso ao servizo da sociedade galega", din.
Ademais, sinalan que a mobilización do 11 de decembro será "descentralizada por áreas xeográficas especialmente afectadas pola actual vaga eólica, co obxectivo de dar especial visibilidade ás plataformas e colectivos da veciñanza que viven nos territorios máis directamente afectados por esta enxurrada incesante de proxectos eólicos".

Realizaranse concentracións e outros actos como mínimo en 22 enclaves repartidos nas catro provincias galegas, situados en Bembibre-Val do Dubra, Carral, Coristanco, Ferrol, Mazaricos, Antas de Ulla, Becerreá, Chantada, O Courel, Foz, Lugo, Meira, Vilalba, A Lama, Bueu, Cerdedo, Gondomar, Marín, Pontevedra, Vila de Cruces, Castro Caldelas e Laza.
Nas concentracións lerase o manifesto Eólica Así Non e nalgunhas prevense subidas ao monte ou percorridos a pé, ademais doutros actos complementarios.