O Concello de Mazaricos converteuse este verán no primeiro que, formalmente, se revolveu ante a Xunta por considerar que as compensacións polos impactos dos parques eólicos no seu municipio non son dabondo. O goberno local que dirixe Juan José Blanco (BNG) calcula que a cota tributaria do canon eólico no concello supón uns 700.000 euros, pero o Fondo de Compensación Ambiental da Xunta só lle supón 200.000, cálculos que o Goberno galego non "comparte".
Con este pano de fondo o rexedor recibiu este venres os voceiros en materia de Medio Ambiente e Medio Rural da súa formación no Parlamento, Luís Bará e Xosé Luís Rivas, para compartir a súa reclamación e acrecentalas con outra advertencia. Para o alcalde, o xeito en que as promotoras dos parques eólicos logran os terreos roza a "chantaxe", asegura.
"Utilizan a chantaxe da declaración de utilidade pública e a expropiación para mercar terras a prezos moi baixos"
Dende o punto de vista do alcalde de Mazaricos, "as empresas utilizan a chantaxe da declaración de utilidade pública e a expropiación para mercar terras a prezos moi baixos e maximizar beneficios" dos novos parques. O consistorio, di, manexa datos segundo os cales os 120 muíños instalados no termo municipal "xeran máis de 30 millóns de euros anuais e mentres, concello e propietarios das terras reciben auténticas migallas".
Esta denuncia pública, resalta Blanco, engádese á devandita reclamación polo cálculo do canon eólico. "A Xunta recada 700.000 euros do canon eólico e o concello recibe 200.000, cando debería recibir como mínimo o 50%", sinala o alcalde, quen demanda "unha modificación da normativa" para incrementar a porcentaxe e tamén poder diversificar o destino do diñeiro.
O Concello de Mazaricos, por exemplo, aposta por destinalos a "proxectos plurianuais, como o plan municipal de mellora da rede de abastecemento de auga". Trátase, di, dunha obra "absolutamente prioritaria" tanto para o consumo doméstico como para as explotacións gandeiras da contorna.
O alcalde de Mazaricos, Juan Blanco (BNG) expuxo no encontro cos deputados da súa formación a necesidade de que os fondos da compensación polos eólicos poidan dedicarse a proxectos plurianuais como as obras de abastecemento de auga
Alén das condicións xerais dos eólicos instalados en Mazaricos, o alcalde da vila compartiu con Bará e Rivas o caso dunha área en concreto, a da devesa do Anllares, un bosque de 50 hectáreas á beira do Xallas que supón "unha auténtica alfaia natural que debe ser obxecto da máxima protección. "Este valioso espazo natural estaba incluído nas ampliacións da Rede Natura iniciadas en 2008 e 2011 que foron paralizadas pola Xunta do PP", afirma Bará. Ese freo, ao seu xuízo, "abriu as portas á tramitación dos proxectos dunha minicentral hidroeléctrica e do parque eólico".
Alén da reclamación do Concello, Bará e Rivas anuncian iniciativas ao respecto no Parlamento á volta do verán. En última instancia, conclúen, defenderán "unha distribución xusta do Fondo de Compensación Ambiental", isto é, dos "beneficios xerados polos parques eólicos" nos concellos onde se instalan.