Como xa fixo co de Vigo hai cinco anos, o alto tribunal censura que o Goberno galego empregase argumentos xenéricos para evitar analizar os efectos do plan, neste caso malia ser un concello con varios espazos protexidos
Como fixo co plan de urbanismo de Vigo en 2015, o Tribunal Supremo volve tombar outro documento similar, o de Muxía, porque a Xunta o aprobou sen avaliar o seu impacto ambiental. O alto tribunal vén de ratificar a sentenza previa coa que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou en 2018 o plan do concello da Costa da Morte e faino lembrando o caso vigués, sinalando que nos dous casos o Goberno galego permitiu que os dous plans non se avaliasen ambientalmente de xeito completo sen “xustificación suficiente”.
A lei obriga a que os plans de urbanismo ou grandes proxectos con impacto no territorio sexan avaliados ambientalmente de xeito completo, pero permite que a administración poida eximir dese procedemento completo e consideralo inviable aos plans ou proxectos nos que considere que non é previsible ningún impacto significativo ou nos que a demora na súa aprobación por realizar esa avaliación ambiental supoña máis prexuízos. Iso foi o que fixo a Xunta con Muxía, como fixera con Vigo, pero o Supremo volve considerar que o fixo de xeito xenérico e sen xustificación.
Cando a daquela conselleira Beatriz Mato aprobou o plan de Muxía en 2016 salientou que contribuiría "á mellor defensa e conservación dos valores naturais e ambientais" da vila
Segundo o relato que recolle a sentenza do Supremo, foi en setembro de 2014 cando a Xunta eximiu o plan de Muxía desa avaliación ambiental, para acabar aprobando definitivamente o documento o 11 de abril de 2016, escenificándoo coa visita á vila da propia conselleira daquela de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato. Un acto no que a propia Xunta asegurou que o documento contribuiría "á mellor defensa e conservación dos valores naturais e ambientais" da vila, da que salientaba os seus espazos protexidos. Dous anos despois, en xullo de 2018, o TSXG anulou o plan porque a Xunta non xustificara “debidamente a omisión do procedemento ambiental legalmente esixido”.
O Concello de Muxía recorreu aquela sentenza argumentando que o TSXG aplicara incorrectamente a xurisprudencia creada polo Supremo con, entre outros casos, a anulación do plan de Vigo en 2015. Pero o Supremo rexeita os argumentos do concello e avala a sentenza do TSXG, do que di que non aplicou sen máis a doutrina creada con Vigo senón que a particularizou para o caso de Muxía, municipio do que salienta que conta con diversos espazos protexidos ambientalmente que deberan obrigar por si sos a esa avaliación ambiental completa da que se eximiu.
O Supremo considera que a decisión de eximir un plan da avaliación ambiental completa esixe “unha singular motivación, sen que resulten posibles xustificacións de carácter xenérico en atención a prexuízos económicos e sociais varios; isto é, ao tratarse dunha excepción á obrigada avaliación ambiental requírese a expresa e motivada xustificación ad hoc”, algo que non fixo a Xunta.
No caso de Vigo a Xunta bipartita eximira o plan da avaliación ambiental argumentando que era necesario aprobalo canto antes e evitar así demoras na ordenación da cidade que prexudicarían aínda máis ao medio ambiente. Porén, na súa sentenza o Supremo considerou que esa presa non era tal porque o plan viña sendo tramitado desde antes da entrada en vigor en 2006 da lei que obriga a realizar a avaliación ambiental estratéxica, porque desde aquela deixáronse pasar dous anos ata considerar inviable o seu sometemento a tal procedemento e porque despois “o certo é que o plan xeral en cuestión non é aprobado definitivamente ata un ano despois de terse ditado esa resolución”, dixo o alto tribunal en 2015 nunha sentenza que é citada en varias ocasións para o caso de Muxía.
O TSXG e o Supremo coinciden en que non bastaba para eximilo de avaliación ambiental con que o plan deixase de incluír unha promoción urbanística con máis de 600 vivendas
No caso de Muxía tamén se rexistrou un longo proceso de tramitación. Inicialmente o plan incluía un desenvolvemento urbanístico nunha zona concreta (SUD-1) con máis de 600 vivendas sobre o que en 2008 a Xunta puxo condicións ante unha primeira petición do Concello de que se eximise o documento de avaliación ambiental. En agosto de 2014 o Concello volveu pedir a exención da avaliación ambiental excluíndo do plan aquel ámbito conflitivo e o Goberno galego considerou que iso xa era suficiente para autorizalo. Pero o TSXG primeiro e agora o Supremo coinciden en que non bastaba e que Muxía, con varios espazos protexidos ao longo de todo o seu termo municipal, requiría unha avaliación ambiental completa.
“Acerta a sala de instancia [do TSXG] cando procede á anulación do PGOU de Muxía pola previa falta de acreditación e suficiencia da declaración de inviabilidade medioambiental”, conclúe o Supremo.