A Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do TSXG estimou o recurso dunha particular contra a orde do 11 de abril de 2016 pola que se aprobara o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Muxía. Así, o tribunal declara nulo o plan urbanístico pola ausencia da avaliación ambiental estratéxica, que afecta a áreas da Rede Natura nesta localidade da Costa da Morte.
O tribunal declara nulo o plan urbanístico pola ausencia da avaliación ambiental estratéxica, que afecta a áreas da Rede Natura
O alto tribunal aclara que as administracións non xustificaron "debidamente a omisión do procedemento ambiental legalmente esixido" e impón o pagamento das custas procesuais á parte demandada, a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, e á codemandada, o Concello de Muxía.
A demanda foi imposta pola propietaria dun terreo nunha parroquia de Muxía, con 12.000 metros cadrados, e ao que o PXOM afectaba á clasificacion urbanística dunha parte. Pasou de solo de núcleo rural a solo rústico de protección agropecuaria. Nela, a veciña advirte de que o novo PXOM non respecta o réxime legal urbanístico vixente sobre as clases de núcleos rurais ao non ter en conta os tipos básicos da Lei do Solo que se implantaron en 2010.
A Consellería e o Concello "non xustificaron debidamente a omisión do procedemento ambiental legalmente esixido"
A demandante aclara que hai un informe, que non está no expediente, no que a Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial contesta --en 2007 e tras recibir o expediente do PXOM-- que a documentación presentada estaba incompleta e no que indicaba que debía someterse á avaliación ambiental.
A Consellería de Medio Ambiente e o Concello argumentan que as afectacións medioambientais só abranguerían unhas parcelas cuxo desenvolvemento foi excluído do PXOM, razón pola que entenden que non habería risco nin necesidade de someter o plan á avaliación ambiental estratéxica. No entanto, o ditame asegura que "non se xustifica suficientemente por que non hai" esas repercusións medioambientais "para o resto do territorio". Segundo aclara a sentenza, a testemuña-perito da Xunta considera que "o único punto escuro do PXOM de Muxía desde o punto de vista medioambiental era o SUD-1. E que sacando ese ámbito de solo, con máis de 600 vivendas previstas, solventábase calquera posible afección ambiental".
Para a maxistrada, "unha cousa é que consideren que non hai vulneracións aos valores ambientais protexidos, e outra que non haxa de someterse por isto á avaliación ambiental estratéxica, cando admiten que son terreos integrados na rede Natural". "Non pode compartirs que pola súa soa clasificación, a efectos urbanísticos, se teña que chegar á conclusión de que xa son obxecto de protección integral, porque unha cousa é a correcta clasificación do solo de acordo coa normativa urbanística, e oura distinta que non se someta á avaliación ambiental estratéxica", remata.
Esta anulación do PXOM de Muxía lembra aos motivos polos que fora tamén anulado o da cidade de Vigo hai poucos anos, naquel caso polo Supremo. Neste último caso, o plan fora botado abaixo logo de que a Xunta bipartita o eximira de forma ilegal de ter que someterse á denominada avaliación ambiental estratéxica.