O PXOM de Vigo, abocado á avaliación ambiental, un trámite con plaxios e discrecionalidade

Vista de Vigo dende A Guía CC-BY J. Carlos Nesta

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo foi anulado en novembro polo Tribunal Supremo porque a Xunta bipartita o eximira de forma ilegal de ter que someterse á denominada Avaliación Ambiental Estratéxica (AAE). Agora a Xunta do PP, amparándose nun informe que encargou ao Consello Consultivo, di que ese trámite non pode ser evitado de ningún xeito, como pretende novamente o Concello de Vigo para evitar unha longa tramitación dun novo plan. Esa avaliación ambiental é un procedemento que dura meses e mesmo anos e que permite a discrecionalidade nas decisións da Administración, que en ocasións dá por bos para a súa valoración documentos con parágrafos plaxiados ou que nada teñen que ver co proxecto en cuestión a estudar.

O Consultivo e a Xunta consideran que Vigo non pode evitar de ningún xeito a Avaliación Ambiental Estratéxica, que pode durar anos pero que en ocasións supérase con documentos copiados e non orixinais

O impacto ambiental das obras concretas vén sendo avaliado desde hai décadas, pero a análise dos efectos dos plans, sexan de urbanismo, de piscifactorías, de vivenda pública ou de instalacións hidroeléctricas, non estaba tan desenvolvida. En 2006 unha lei estatal regulou a Avaliación Ambiental Estratéxica de plans e programas con efectos sobre o territorio, procedemento ao que se teñen sometido só en Galicia preto de 2.000 documentos, desde pequenas ou grandes modificacións de plans de urbanismo xa en vigor, impulsadas por iniciativa pública ou privada, ata frustrados proxectos como os metros da Coruña, Santiago e Vigo.

No caso do PXOM de Vigo, en marzo de 2008 a Consellería de Medio Ambiente, dirixida polo socialista Pachi Vázquez, considerou inviable someter o documento á avaliación ambiental por considerar que era necesario aprobalo canto antes e evitar así demoras na ordenación da cidade que prexudicarían aínda máis ao medio ambiente. A Xunta limitábase a asegurar que o PXOM xa incluía medidas ambientais e a esixir que se realizase máis tarde unha avaliación de cada proxecto concreto que se desenvolvese ao amparo do plan xeral, pero evitaba unha avaliación previa do documento marco na súa totalidade para non adialo. Segundo o Tribunal Supremo, esa presa non era tal porque o plan viña sendo tramitado desde antes da entrada en vigor en 2006 da avaliación ambiental estratéxica, porque desde entón deixáronse pasar dous anos ata considerar inviable o seu sometemento a tal procedemento e porque logo “o certo é que o plan xeral en cuestión non é aprobado definitivamente ata un ano despois de terse ditado esa resolución”, di o alto tribunal.

O de Vigo non foi o único caso en que a consellería de Medio Ambiente considerou que a avaliación ambiental estratéxica dun PXOM era peor para o entorno que non facela ou que remitila aos proxectos subordinados que se desenvolvesen máis tarde. O director xeral de Desenvolvemento Sostible do bipartito, Emilio Fernández Suárez, e o secretario de Calidade e Avaliación Ambiental do actual goberno, Justo de Benito Basanta, eximiron de realizar a análise a varias ducias de concellos de toda cor política, xa fose para aprobar antes as súas propostas de plans parciais ou, como no caso de Vigo, medio centro de plans xerais de urbanismo. Entre eles atópanse os de municipios tan importantes como Santiago, Lugo, Oleiros, Muros ou Teo, este último tamén anulado pola xustiza polo mesmo motivo que o de Vigo.

No listado de plans eximidos de avaliación ambiental abundan concellos como Rodeiro, Laza, Toques ou Pol nos que non existía ningunha grande presión urbanística que metese presa

No listado de plans eximidos de avaliación ambiental abundan concellos como Rodeiro, Laza, Toques ou Pol nos que non existía ningunha grande presión urbanística, como no caso de Vigo, que fixese pensar que era mellor ter un plan de urbanismo canto antes aínda que non fose avaliado ambientalmente de xeito completo. Chama a atención o caso do Corgo, cuxo plan víñase redactando desde 2003, en xaneiro de 2009 o bipartito denégalle a petición de eximilo da avaliación e en febreiro de 2010 o actual goberno permítello co argumento de que o plan xa contén suficientes elementos de mellora ambiental.

Ademais de decidir que é inviable someter un plan á avaliación ambiental, a Xunta tamén pode considerar nunha fase inicial, segundo o caso, que non é previsible que vaia ter efectos significativos sobre o medio ambiente e, polo tanto, eximilo da necesidade de realizar o procedemento completo de avaliación ambiental a cambio de que implante determinadas medidas correctoras. Faino a partir dun documento inicial ou borrador no que o promotor de cada plan ou proxecto describe as súas características, as do entorno natural no que se vai desenvolver e as súas previsións de impactos ambientais. É habitual que as descricións do entorno sexan tan xenéricas que os autores dos plans as copien e peguen doutros documentos previos sen individualizalas para o caso concreto, sen citar a fonte e mesmo atribuíndo elementos dunha comarca a outra distinta.

Exemplos de pouco rigor

O caso máis significativo foi o dos proxectos de metro para A Coruña, Santiago e Vigo impulsados pola propia Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas dirixida daquela polo popular Agustín Hernández. En marzo de 2011 someteu a información pública os documentos de inicio da avaliación ambiental estratéxica dos tres proxectos, que malia ser elaborados por consultoras privadas distintas contiñan parágrafos idénticos entre eles, ata nas comas, no punto destinado a describir a fauna das respectivas áreas metropolitanas.

Medio Ambiente chegou a restar importancia a un plaxio argumentando que o importante non era a avaliación ambiental senón que o plan en cuestión fose viable

No caso do de Santiago, dous dos parágrafos que empregaba o documento para describir a demografía e o patrimonio da cidade eran idénticos aos que se podían atopar na Wikipedia. Noutro punto, no que supostamente analizaba os solos da comarca de Santiago, o texto era idéntico ao dun traballo sobre a zona de Aranga e o río Mandeo elaborado para un máster e colgado en internet. Ningún dos tres informes citaba as fontes dos seus datos, algo que se repite en moitos dos documentos sometidos a avaliación ambiental estratéxica. Medio Ambiente restoulle importancia ao plaxio co argumento de que “o importante é que os datos dos informes ambientais son correctos e o que nos preocupa é que as consultoras acerten no modelo de metro”. “Fan documentos pouco rigorosos que só queren cumprir co trámite”, laiábase o daquela responsable de Adega, Fins Eirexas.

Na avaliación ambiental estratéxica tamén hai casos nos que, percorrido todo o proceso, a Consellería de Medio Ambiente remata autorizando o plan ou proxecto malia as críticas de calado realizadas por outros departamentos autonómicos. En 2011 unha promotora madrileña lanzou o proxecto, logo abandonado, de construír un macroxeriátrico ocupando 173 hectáreas dun monte comunal de Guitiriz lindeiro coa Rede Natura e lonxe de calquera núcleo habitado. Querían construír unha vila nova para centos de anciáns en metade da nada contravindo as Directrices de Ordenación do Territorio da propia Xunta que rexeitan que siga aumentando a dispersión poboacional.

Malia o medo da Administración a que a avaliación ambiental do PXOM de Vigo se demorase demasiado, argumento esgrimido para eximilo de realizala, o proxecto privado de Guitiriz logrou culminar a tramitación ambiental íntegra en tan só 10 meses e obter o visto bo autonómico malia que a Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe consideraba que “non se analizou convenientemente unha alternativa que permita unha maior cohesión social”. Pola súa banda, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza admitía que non se estudara adecuadamente a biodiversidade da área de afección do proxecto pero se limitaba a reclamar que se fixese máis tarde, unha vez obtida a autorización ambiental.

A un procedemento completo de Avaliación Ambiental Estratéxica, con estes e outros exemplos de discrecionalidade e escaso rigor, é ao que se ve agora abocado o PXOM de Vigo.

Proxectos dos metros lixeiros da Xunta e entrada idéntica da Wikipedia CC-BY-SA David Reinero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.