Euskaltel, matriz de R, ficha á ex-conselleira Beatriz Mato 8 meses despois de deixar a política pola súa “traxectoria profesional”

Beatriz Mato diante dun ordenador cando era conselleira de Traballo e Benestar CC-BY-SA Xunta de Galicia

A ex-responsable de Medio Ambiente e ex-candidata do PP na Coruña xa era desde febreiro directiva da enerxética Greenalia, que abriu unha planta en Curtis grazas a unha modificación legal da Xunta en 2016

Euskaltel, empresa de telecomunicacións na que desde 2015 está integrada R, vén de comunicar á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) que o seu consello de administración proporá á xunta de accionistas que vai celebrar a finais de setembro a incorporación como conselleira independente de Beatriz Mato, ex-conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e de Traballo e Benestar. Mato deixou a política hai agora oito meses, en decembro de 2019, tras non ser quen de acadar a alcaldía da Coruña nas municipais do pasado ano, e dous meses despois fichaba como directiva da enerxética Greenalia á fronte dun novo departamento de Desenvolvemento Corporativo.

Proposta de nomeamento de Mato como conselleira de Euskaltel CC-BY-SA Praza Pública

"Coñecemento do mercado", "visión para os negocios", "xestión de recursos humanos" ou "máximo nivel de ética" son algunhas das "capacidades" que Euskaltel ve en Mato

Mato, nacida en Barakaldo en 1965, é enxeñeira industrial e desde 1995 vén ocupando distintos postos na administración pública primeiro e en cargos políticos despois. Euskaltel salienta a “traxectoria profesional” de Mato e enumera as “capacidades” que cumpre e que segundo a empresa fan o seu perfil “idóneo”: 

“Coñecemento e experiencia no sector e no mercado das telecomunicacións no que opera Euskaltel”, “visión estratéxica para os negocios”, “historial de creación de valor”, “xestión de recursos humanos e equipos de persoas”, “experiencia en xestión, liderado e estratexia empresarial como conselleiro”, “máximo nivel de ética e respecto pola comunidade de negocios en xeral”, “ausencia de conflito de interese e dispoñibilidade de tempo para asistir ás reunións” e “máximo nivel de lealdade, compromiso e dedicación suficiente e probada ao proxecto” da empresa.

A Xunta ampliou en 2016, con Mato como titular de Medio Ambiente, de 10 a 50 MW o límite das plantas de biomasa e medio ano despois esa consellería autorizaba unha planta de 49,913 MW a Greenalia, que o pasado febreiro fichou á ex-conselleira

Mato entrará no consello de administración de Euskaltel, matriz de R, medio ano despois de fichar como directiva de Greenalia, empresa enerxética que vén de abrir unha planta de biomasa en Curtis grazas a unha modificación legal impulsada pola Xunta cando Mato era conselleira de Medio Ambiente, cargo que ocupou entre 2015 e 2018 tras ser conselleira de Traballo e Benestar desde 2009.

Foi en decembro de 2016 cando a Xunta ampliou, a través da lei de acompañamento dos Orzamentos do seguinte ano, o límite das plantas de biomasa de 10 a 50 MW. Tres meses despois, en marzo de 2017, Greenalia pedía autorización ambiental para abrir en Curtis unha planta de 49,913 MW e en xullo dese mesmo ano a directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira, nomeada pola daquela conselleira Mato en novembro de 2016, asinaba o informe de impacto ambiental favorable.

Un verán despois, en setembro de 2018, Mato deixou a Consellería de Medio Ambiente para centrarse na candidatura municipal á alcaldía da Coruña. Nas eleccións de maio de 2019, malia liderar a lista máis votada, non conseguiu o obxectivo de chegar á alcaldía e en decembro deixou a política.

Beatriz Mato cando era conselleira con Feijóo ao fondo © Ana Varela

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.