O Tribunal Supremo vén de emitir unha sentenza pola que anula a legalización por parte da Xunta en 2009 dunha piscifactoría na costa de Mougás, no concello de Oia, da empresa Insuíña, do grupo Pescanova (agora Nueva Pescanova). A planta data de 1992 pero pesaba sobre ela unha orde derribo cando o bipartito, a través do seu plan de acuicultura, iniciou un proceso de legalización e ampliación das instalacións cuxa autorización final, agora anulada polo Supremo, foi outorgada por un Consello da Xunta presidido xa por Feijóo o 30 de xullo de 2009, aos tres meses de chegar ao cargo. A sentenza, que revoca outra previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que validara o procedemento, censura que o estudo de impacto ambiental non avaliou, como era a súa obriga, outros posibles emprazamentos para a piscifactoría.
O tribunal censura que non se estudaron outros emprazamentos alternativos, como esixía a lexislación ambiental
A piscifactoría de Insuíña no litoral de Mougás, especializada na produción de alevíns de rodaballo para outras plantas, está en funcionamento, segundo lembra a sentenza do Supremo, desde 1992 e foi sufrindo diversas ampliacións sen a preceptiva autorización autonómica e en solos non urbanizables de protección de costas. Nesa década un cámping veciño comezou a denunciar diversas irregularidades e a principios da pasada década a Consellería de Política Territorial, cun procedemento iniciado con Xosé Cuiña á súa fronte e rematado con Feijóo como conselleiro, ordenou a súa derruba.
A xustiza confirmaría esa orde de reposición da legalidade, pero o bipartito de PSdeG e BNG incluíu esa planta nese emprazamento no seu plan de acuicultura de 2008 para toda Galicia, o que abriu a porta á súa legalización. A empresa presentou un proxecto de ampliación das súas instalacións que na práctica supoñía a legalización da planta. Porén, segundo censura agora o Supremo, fíxose sen que o estudo de impacto ambiental preceptivo para todo proxecto semellante avaliase outros posibles emprazamentos máis que o que xa ocupaba. Esa avaliación ambiental da planta de Mougás foi tramitada durante o bipartito e a autorización final á piscifactoría foi outorgada polo Consello da Xunta o 30 de xullo de 2009, ao tres meses de chegar ao Goberno o PP.
A empresa argumentou que o propio plan de acuicultura do bipartito xa daba cobertura a ese emprazamento, pero o Supremo di que non, que debía realizarse unha avaliación doutros emprazamentos para ese proxecto en concreto
Os promotores da planta argumentaron no procedemento xudicial que o propio plan marco de acuicultura do bipartito xa daba cobertura a ese emprazamento, e así o entendeu tamén o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Porén, o Supremo censura agora que “en ningún pasaxe do texto da sentenza recorrida se expresa que as determinacións do Plan [de acuicultura] conteñen unha especificación de alternativas medioambientais posibles do parque de Mougás nin, como consecuencia, da xustificación da solución adoptada” nese emprazamento. O Supremo indica que o Plan, que recollía un total de 23 piscifactorías en toda a costa galega, derivaba o estudo das alternativas de emprazamento dos mesmos a unha segunda fase, “como unha esixencia dos proxectos” particulares que non se cumpriu.
A autorización tramitouse en plena campaña contra o bipartito por parte do PP e Pescanova, cuxo daquela máximo responsable está agora ás portas dun xuízo por estafa
A autorización da Xunta á planta de Pescanova en Mougás tramitouse nun momento en que foron públicas as presións do daquela máximo responsable da empresa, Manuel Fernández de Sousa, apoiado polo PP e o propio Feijóo, contra o bipartito de PSdeG e BNG para que lle autorizase unha piscifactoría en cabo Touriñán. Posteriormente a empresa iniciaría unha progresiva caída cuxo último capítulo, avanzado hai dúas semanas por Faro de Vigo, é a apertura de xuízo contra 18 ex-directivos da empresa, entre eles Fernández de Sousa, por estafa, falsidade, branqueo ou insolvencia punible.