O TSXG anula o permiso da Xunta á mina de Penouta porque o estudo ambiental foi insuficiente

Traballos mineiros en Penouta © Strategic Minerals Spain

O tribunal xa paralizara cautelarmente a explotación -decisión contestada con manifestacións- á espera desta sentenza que constata o impacto sobre a veciñanza e espazos protexidos

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de declarar nula a resolución administrativa da Xunta que permitiu a explotación da Mina de Penouta, en Viana do Bolo, referencia para a minería do coltán en Europa e na extracción de dous dos seus compoñentes, niobio e tantalio. O tribunal acolleu o recurso interposto por Ecoloxistas en Acción, pois considera insuficiente o estudo de afectación ambiental, ao omitir o seu impacto na Rede Natura 2000. A explotación da mina xa estaba paralizada cautelarmente polo TSXG á espera de emitir a sentenza agora asinada, decisión cautelar contra a que protestara parte da veciñanza da zona.

Os maxistrados explican na sentenza agora emitida que a promotora non realizou nin a administración esixiu "unha oportuna e adecuada avaliación sobre o espazo [protexido de] Pena Trevinca, limitándose a indicar que o proxecto non afecta a ningún espazo protexido". Porén, a Zona de Especial Conservación (ZEC) e a Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA) -dúas variantes de protección da Rede Natura- que afectan a Pena Trevinca "se atopan a cero metros do enclave mineiro, constatándose que as masas de augas superficiais superan a normativa permitida para arsénico, mercurio, cadmio e chumbo”. 

Protesta contra o TSXG o pasado novembro cando este tribunal paralizou cautelarmente a mina de Penouta á espera da sentenza agora emitida © Strategic Minerals Spain

O TSXG, na sentenza da que é ponente o presidente da sección terceira do Contencioso-Administrativo, Francisco Javier Cambón García, considera acreditado "o impacto do po resultante de voaduras e movementos, así como gretas en vivendas e a afectación ás augas destinadas a consumo humano, o que motivou denuncias da empresa municipal de augas de Viana do Bolo, con actuacións da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a Garda Civil e a Comisaría de Augas”.

A sentenza di que a promotora non realizou nin a administración esixiu "unha oportuna e adecuada avaliación sobre o espazo protexido de Pena Trevinca"

A realidade ambiental existente, segundo explica o tribunal remitíndose a autos anteriores emitidos no mesmo caso, é que "as emisións e verteduras están a chegar á Rede Natura 2000, tanto por vertedura a leitos fluviais como por emisións atmosféricas". As fotografías achegadas acreditan, segundo os xuíces, "a realidade do po que chega á vexetación e poboación lindeira da mina e, aínda que digan os demandados que realizaron medicións que emiten un valor por baixo do límite establecido, estas non foron sistemáticas, ocultando máis do que revelan". Así, manifestan que "a realidade mostra o efecto na poboación situada a 1,5 quilómetros da explotación".

Desta forma, destacan a existencia "de gretas nas vivendas por efecto das voaduras -chegan a utilizar ata 8.000 quilos de explosivos-" e a presenza "de metais pesados en doses perigosas", tal e como consta "nas analíticas presentadas no seu día pola mineira, emisións que chegan á Rede Natura 2000 polos leitos fluviais contiguos á explotación". 

Instalacións mineiras en Penouta (Viana do Bolo) © CSIC

O TSXG advirte de que, "curiosamente", nin a empresa nin a confederación hidrográfica "realizaron novas analíticas nas que se verifiquen os parámetros de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio, substancias perigosas ou perigosas prioritarias, dificultando a súa estimación nas masas de auga superficiais no último ano e medio, máis aló das evidencias visuais no arroio de Treita das Cortiñas achegadas no seu día, debendo rexeitarse que esta contaminación veña dada pola propia natureza das augas, ricas en ferro e manganeso, cuxa combinación xera ese aspecto, senón que son consecuencia da actividade mineira, tratándose, en realidade, de filtracións dos depósitos e balsas de residuos existentes, producidos por falta de medidas de protección".

O tribunal considera acreditado "o impacto do po resultante de voaduras e movementos, así como gretas en vivendas e a afectación ás augas destinadas a consumo humano"

En todo caso, o TSXG recalca que "non existen controis periódicos que midan os niveis de tales metais pesados, tendo en conta que nin a mineira nin a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil procederon á monitorización das augas para estas substancias, e nin a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) nin a autorización de vertedura estableceron tal obriga de monitorizalos, a pesar de que os regatos afectan a leitos dos que se obtén auga para o consumo humano, o que xa motivou denuncias do servizo municipal de augas do Concello de Viana do Bolo, con diversos expedientes sancionadores”.

Explotación mineira en Penouta (Viana do Bolo) © Strategic Minerals Spain

En base ao principio de precaución, o alto tribunal galego entende que "non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de tales metais"

O tribunal advirte de que as verteduras procedentes da mina, "intensificadas tras a autorización de explotación de recursos sección C)" -declarada nula na sentenza-, poden estar a causar "unha afección á saúde das poboacións que obteñen a súa subministración de auga potable de tributarios do arroio de Treita das Cortiñas, así como dos pozos ou mananciais que a subministran á poboación de Penouta, contigua á explotación mineira, tratándose o mercurio, arsénico, chumbo e cadmio de elementos extremadamente tóxicos que causan efectos crónicos pola súa bioacumulación no organismo".

Por todo iso, en base ao principio de precaución, o alto tribunal galego entende que "non convén permitir a actividade ata que non se realicen os estudos que avalíen os niveis de tales metais presentes nos regatos afectados pola explotación mineira, sendo tal principio de precaución un dos fundamentos da política ambiental europea, consagrada no artigo 191 do seu Tratado de Funcionamento, desenvolvido, respecto aos espazos incluídos na Rede Natura 2000, no artigo 6 da Directiva 92/43/CEE sobre Hábitats, que impide que poida autorizarse un proxecto sen que se demostre a ausencia de repercusións sobre as augas e a biodiversidade, así como a saúde humana".

O TSXG incide en que habendo tal incerteza "non pode autorizarse", pois subliña que "os efectos da actividade mineira no medio ambiente son irreparables", xa que "non se poden reconstruír ecosistemas". Ademais, engade que o documento de Determinación dos Niveis de referencia das Augas Superficiais e Subterráneas na contorna da Mina de Penouta, elaborado pola Universidade da Coruña, "constata que os niveis desas substancias en varias masas de augas superficiais próximas á mina superan de forma alarmante os límites legais establecidos nas normas de calidade ambiental (NCA) do a Real Decreto 817/15 do 11 de setembro". A sentenza non é firme, pois contra ela cabe presentar recurso de casación ante o Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.