O tribunal paralizou cautelarmente a explotación autorizada pola Xunta mentres analiza se os seus permisos son legais, pero a empresa critica que a decisión xudicial "non está fundamentada" e di que afecta a "129 familias e empresas auxiliares"
Unhas duascentas persoas, segundo os propios convocantes, concentráronse este xoves ante a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na Coruña para pedir aos xuíces que rectifiquen a súa recente decisión de paralizar cautelarmente a explotación da mina de Penouta, en Viana do Bolo, mentres analizan se os permisos que outorgou a Xunta foron legais. Segundo a empresa concesionaria da mina, Strategic Minerals Spain, a decisión xudicial "non está fundamentada" e afecta a "129 familias e empresas auxiliares".
A mina de Penouta é a única de tantalio e niobio en España, minerais clave para diversas industrias tecnolóxicas. Porén, o TSXG considera que se a explotación continúa mentres analiza se o seu impacto ambiental foi correctamente avaliado pola Xunta os prexuízos poderían ser xa irreparables. Por iso decidiu a paralización cautelar mentres analiza o fondo da cuestión.
Fronte a esta decisión xudicial concentráronse este xoves ante a sede do TSXG "traballadores, alcaldes, asociacións sectoriais e sindicatos", segundo divulga a empresa, para defender "a importancia que o Proxecto Penouta ten para o tecido produtivo tanto autonómico como nacional ao ser un motor de desenvolvemento do rural do que dependen directamente 129 familias e empresas auxiliares, ademais dos empregos indirectos que xera, estimándose tres por cada emprego na mina".
Malia que a decisión xudicial é cautelar, e os recursos mineiros seguen no mesmo lugar, a empresa asegura que "supón hipotecar o futuro da montaña ourensá a tres décadas vista, xa que o Proxecto Penouta ten unha vixencia a 30 anos apmpliables a 75 anos".
Malia que a decisión xudicial é cautelar e polo tanto temporal, a empresa asegura que "supón hipotecar o futuro da montaña ourensá a tres décadas vista"
Strategic Minerals insiste en que "esta paralización cautelar non está fundamentada, dado que a decisión nin sequera fai referencia á posibilidade de xerar un dano e, sen embargo, por outro lado, non valorou o dano que efectivamente provoca o peche da mina".
A manifestación ante a sede do TSXG supón un paso máis na campaña de empresas de enerxías renovables e da Xunta en contra de decisións xudiciais sobre minas ou parques eólicos. Unha campaña que levou o TSXG a reclamar o pasado xullo respecto á "independencia xudicial".