O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) mantén a paralización cautelar da mina de Penouta, unha decisión xudicial que creou na comarca de Viana unha insólita unanimidade política, empresarial e sindical na súa contra.
A paralización desta mina de 'ouro negro' provocou a unión de empresa, sindicatos, partidos e Xunta contra a decisión do TSXG
Os xuíces decidiran a finais do pasado mes de setembro paralizar cautelarmente a explotación da mina, en Viana do Bolo, mentres analizan se os permisos que outorgou a Xunta foron ou non legais, logo dunha denuncia de Ecoloxistas en Acción que alertaba de importante danos na Rede Natura. A empresa propietaria da explotación, Strategic Minerals, e mais a Xunta presentaron cadanseus recursos contra esa medida cautelar pero o TSXG vén de desestimalos e de impoñerlles as custas.
O auto rexeita os recursos de Xunta e mineira e insiste en que a tramitación do proxecto omitiu a avaliación dos impactos sobre a Rede Natura
"A pesar dos extensos escritos de alegacións da mineira e da Consellaría de Economía e Industria, o órgano xudicial recusou todos e cada un dos argumentos presentados, dando a razón a Ecoloxistas en Acción en que a tramitación do proxecto omitiu a preceptiva avaliación dos impactos sobre a Rede Natura 2000, malia estar a cero metros da Zona de Especial Conservación de Pena Trevinca", resume a entidade ecoloxista sobre un auto ditado a pasada semana.
O devandito auto, ao que tivo acceso Praza.gal, censura que a Xunta non corrixise este defecto durante a tramitación, a pesar de que en doce das alegacións presentadas durante o trámite ambiental se alertase sobre iso. Tamén considera o feito, di a organización, de que boa parte dos leitos por volta da mina "presentan niveis elevados de arsénico, mercurio, chumbo e cadmio, supoñendo o risco para as poboacións que obteñen o seu subministro destes, incluíndo a propia vila de Viana".
Ademais, a sala do TSXG —que contou cun voto particular discrepante coa decisión da maioría— descartou a pretensión de Strategic Minerals de impoñer unha fianza a Ecoloxistas en Acción de máis de tres millóns de euros, lembrando que se a empresa decidiu realizar investimentos antes de que a resolución de aprobación do proxecto fose firme, foi baixo o seu propio risco e ventura.
Ecoloxistas en Acción advirte que o ditame xudicial chega logo de "dous meses intensos nos que a empresa utilizou aos traballadores para tentar presionar o órgano xudicial, mesmo organizando unha manifestación diante do TSXG na Coruña, e para "atacar" a organización.
Ademais, tamén denuncia que a Cámara Oficial Mineira de Galicia, organismo presidido por un empregado de Strategic Minerals, presentou unha denuncia falsa nos Xulgados da Coruña contra media ducia de activistas do colectivo ecoloxista, atribuíndolles o “asalto violento” á súa sede.
Concellos, sindicatos e empresa advirten da "importancia" que a mina ten para o "tecido produtivo" en Galicia e en España, así como para o "desenvolvemento do rural"
Desde que o Superior galego decretou a suspensión cautelar dunha parte da actividade da mina de Penouta, Strategic Minerals, os sindicatos, alcaldes de varios concellos da zona e asociacións sectoriais advirten da "importancia" que o proxecto "ten para o tecido produtivo" tanto en Galicia como no Estado, da súa relevancia como "motor de desenvolvemento do rural" e da dependencia que del teñen "directamente 129 familias e empresas auxiliares, ademais dos empregos indirectos" que calculan en tres por cada traballador na explotación. De feito, son varios os empregados que se atopan xa en situación de ERTE.
A mina é unha referencia para a minería do coltán en Europa e na extracción de dous dos seus compoñentes, niobio e tantalio, metais moi valorados pola industria tecnolóxica, por exemplo para as baterías dos coches eléctricos ou para a produción de teléfonos móbiles. De aí que a UE ollase sempre con interese á montaña suroccidental de Ourense.
O rápido incremento dunha elevada demanda destes minerais e o feito de que a súa obtención sexa en zonas de guerra e a través da explotación infantil fixo que a UE sempre buscase unha alternativa para conseguilos en zonas libres de conflitos e máis achegadas, así como para reducir a dependencia de países como Australia ou o Brasil. E a explotación a ceo aberto de Penouta é a única de Europa que produce este chamado ouro negro. Faino desde 2018, logo de que durante o século pasado de alí se extraese estaño e volframio.
Pero en 2022, a Xunta autorizou unha grande ampliación do xacemento, que permitía áempresa pasar do aproveitamento das balsas e das entulleiras da antiga mina, que fora abandonada hai xa décadas, a explotala por completo. A autorización é a que vén de paralizar o TSXG, a da sección C, que permite sumar 150 hectáreas á explotación, en seis fases durante 30 anos prorrogables a un máximo de 75. Coa intención de extraer uns 50 millóns de toneladas de mineral nun proxecto no que a empresa advertira de investimentos de máis de 40 millóns e da creación de 75 empregos directos.