A pasada semana, arredor de 200 persoas concentráronse ante a sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) na Coruña para pedir aos xuíces que rectifiquen a decisión de paralizar cautelarmente a explotación da mina de Penouta, en Viana do Bolo, mentres analizan se os permisos que outorgou a Xunta foron ou non legais, logo dunha denuncia de Ecoloxistas en Acción que alertaba de importante danos na Rede Natura.
A mobilización contou co apoio e expresou o malestar que comparten —nunha unidade de acción nada habitual— compañía, sindicatos, traballadores, concellos, colexios profesionais, Cámara Mineira e outras organizacións empresariais. Aínda o pasado martes, nun novo manifesto de apoio á mina, a Mesa para o Desenvolvemento Renovable e Industrial de Galicia, que xunta diferentes patronais galegas, CCOO e UGT, cargaba contra a resolución xudicial por ter provocado "unha situación incomprensible e unha enorme inseguridade xurídica, como xa sucede noutros proxectos decisivos para o avance industrial do país", en clara referencia a sentenzas que poñen en dúbida a política da Administración autonómica no sector eólico.
A empresa que explota a mina, a canadense Strategic Minerals, os sindicatos, alcaldes de varios concellos da zona e asociacións sectoriais levan semanas advertindo da "importancia" que o proxecto de Penouta "ten para o tecido produtivo" tanto en Galicia como no Estado, da súa relevancia como "motor de desenvolvemento do rural" e da dependencia que del teñen "directamente 129 familias e empresas auxiliares, ademais dos empregos indirectos" que calculan en tres por cada traballador na explotación.
Empresa, concellos, sindicatos, traballadores e organizacións empresariais únense contra a decisión do TSXG e advirten do risco para 129 familias e empresas auxiliares
Unha unidade contra unha sentenza xudicial na que o o TSXG considera que se a explotación continúa mentres analiza se o seu impacto ambiental foi correctamente avaliado pola Xunta os prexuízos poderían ser xa irreparables. De aí a paralización cautelar mentres analiza o fondo da cuestión, que afecta unha mina cunha importancia capital e a un terreo ao pé de Pena Trevinca, lugar tamén de elevada importancia natural e paisaxística, con montes que conforman un espazo protexido de case 25.000 hectáreas e cumes que superan os 2.000 metros.
A mina de Penouta, pequena parroquia de Viana do Bolo con arredor de 70 habitantes, é unha referencia para a minería do coltán en Europa e na extracción de dous dos seus compoñentes, niobio e tantalio, metais moi valorados pola industria tecnolóxica, por exemplo para as baterías dos coches eléctricos ou para a produción de teléfonos móbiles. De aí que a UE ollase sempre con interese á montaña suroccidental de Ourense,
A de Penouta é a única mina de coltán en Europa e dela extráense materiais fundamentais para a industria tecnolóxica
O rápido incremento dunha elevada demanda destes minerais e o feito de que a súa obtención sexa en zonas de guerra e a través da explotación infantil fixo que a UE sempre buscase unha alternativa para conseguilos en zonas libres de conflitos e máis achegadas, así como para reducir a dependencia de países como Australia ou o Brasil. E a explotación a ceo aberto de Penouta é a única de Europa que produce este chamado ouro negro. Faino desde 2018, logo de que durante o século pasado de alí se extraese estaño e volframio.
Pero en 2022, a Xunta autorizou unha grande ampliación do xacemento, que permitía á empresa pasar do aproveitamento das balsas e das entulleiras da antiga mina, que fora abandonada hai xa décadas, a explotala por completo. A autorización é a que vén de paralizar o TSXG, a da sección C, que permite sumar 150 hectáreas á explotación, en seis fases durante 30 anos prorrogables a un máximo de 75. Coa intención de extraer uns 50 millóns de toneladas de mineral nun proxecto no que a empresa advertira de investimentos de máis de 40 millóns e da creación de 75 empregos directos.
A mineira cre que unha sentenza definitiva suporía que "España perdese a oportunidade de liderar o subministro de minerais clave para as novas economías verdes e dixitais"
"O peche da mina deixaría a montaña ourensá sen un dos seus principais motores de desenvolvemento, coa perda de máis dun cento de postos de traballo, ademais dos que xa xera de maneira directa", di Strategic Minerals, que apunta tamén a que a confirmación da sentenza do TSXG suporía que "España perdese a oportunidade de liderar o subministro dos minerais clave para as novas economías verdes e dixitais" da que é, lembran, "a única mina en produción de tantalio e niobio de Europa".
Ademais, insisten en que a paralización cautelar da sección C "non está fundamentada" e que a decisión "nin tan sequera fai referencia á posibilidade de xerar un dano". Os alcaldes de Viana do Bolo, A Veiga e Vilariño de Conso, representantes de PP, BNG e PSdeG e os sindicatos do comité (CCOO e CIG) uníronse á empresa para mobilizarse contra a decisión do TSXG, advertindo do "impacto letal" sobre a zona e sobre a súa "actividade económica" e dos efectos que pode ter no despoboamento dunha comarca, a de Viana, que perdeu máis de 2.000 habitantes en vinte anos e a metade da súa poboación nas últimas catro décadas.
Os sindicatos coinciden en defender "os postos de traballo e o desenvolvemento rural" que supón unha mina. Avogan pola explotación "de forma responsable" e aseguran que así se está a facer en Penouta, mina que ven en risco "mentres se están a conceder reaperturas doutras en Portugal, a seis quilómetros da fronteira".
"Que esta mina siga traballando é fundamental para que Galicia e esta comarca poidan ter futuro no rural", din os sindicatos
"É fundamental, para que Galicia poida ter futuro no rural, que esta mina siga traballando. Esta comarca non teno moitas máis saídas como para perder 129 postos de traballo", aseguraba Justo Suárez, secretario comarcal de CCOO-Industria, nun acto de apoio á explotación no Concello de Viana do Bolo. "Sería nefasto para o emprego que non se repense a apertura", insistía.
Só, na outra banda e contra todos, Ecoloxistas en Acción, impulsor da denuncia que supuxo a paralización cautelar. A organización sinala a Xunta por ditar en marzo de 2022 unha declaración de impacto ambiental (DIA) favorable malia "as advertencias e alegacións" presentadas, o que "permitiu á empresa iniciar a explotación a ceo aberto, incrementando os impactos ambientais sen que se avaliase adecuadamente a afección á Rede Natura 2000, hidroloxía e vivendas próximas na aldea da Penouta".
Na mobilización fronte ao TSXG, había pancartas que criticaban os "ecoloxetas", aos que cualifican de "mentireiros". "A mina non contamina", din. No manifesto lido ante o tribunal, definiuse Strategic Minerals como "exemplo de boas prácticas mineiras".
"Están mesturando todo para crear alarma social e ir contra nós, pero a verdadeira alarma social aquí é a contaminación que provoca a mina, que fai que se superen en moitos lugares os máximos previstos de arsénico, chumbo ou mercurio", di Cristóbal López, portavoz de Ecoloxistas en Acción en conversa con Praza.gal.
Os ecoloxistas manteñen que a actividade mineira está a afectar gravemente un Lugar de Interese Comunitario (LIC) como Pena Trevinca, a escasos 70 metros da explotación, e lembran que hai pouco rompeu unha balsa de residuos que provocou que a veciñanza de Vianan do Bolo estivese un día sen beber auga da billa. Ademais, advirten de que só presentaron denuncia pola nova autorización da mina e non polo espazo onde traballa a inmensa maioría do persoal, polo que o impacto nos empregos non sería o que se está a denunciar.
"Entendo que a xente loite polo seu traballo, pero quen o pon en perigo é a actuación irregular da mina, non quen defende a auga que beben e a Rede Natura", din desde Ecoloxistas en Acción
"A empresa aventurouse e arriscou empezando uns traballos cunha resolución impugnada e que non era firme", asegura Cristóbal López, que ante os continuos argumentos empresariais de que a contaminación é "natural" ou que "xa estaba", pregúntase como é posible que os elevados niveis de metais pesados "aparezan augas abaixo da mina e desaparezan arriba". "Xa cos pequenos traballos nas entulleiras, a compañía foi sancionada varias veces pola Confederación Hidrográfica", engade.
Respecto á soidade das súas demandas e a unión en contra da sentenza do TSXG, López di que están "afeitos". "Estamos a defender a saúde pública de moitos dos que se manifestan; entendo que loiten polos seus postos de traballo, pero quen os pon en perigo é a actuación irregular da mina, non quen defende a auga que beben e a Rede Natura, que xa é escasa en Galicia... Como para non protexela", resume.
"En Galicia xa é normal, pero que saia a Xunta a defender unha zona contaminada en lugar de reparala é tremendo"
Ademais, Ecoloxistas en Acción é especialmente crítico coa actitude da Xunta, situada claramente a favor da empresa. "Que saia a Administración a defender unha zona contaminada en lugar de reparala é tremendo, pero o que sería sorprendente en calquera país, en Galicia xa é normal", explica López, que advirte da obriga do Goberno galego de "protexer o medio ambiente".
"Un documento da propia mineira xa advertía de que aquela zona tiña unha altísima contaminación por metais pesados; a Xunta tería que tela descontaminado antes de nada", remata, á espera de que o TSXG tome unha decisión sobre o recurso presentado pola empresa e pola Administración autonómica e decida se a paralización continúa.