O proxecto de construír unha planta de celulosa no concello de Palas de Rei está suscitando un intenso debate dende diferentes puntos de vista, pero resulta rechamante a falla de intervencións no que atinxe ao seu posible impacto na saúde pública
O proxecto de construír unha planta de celulosa no concello de Palas de Rei está suscitando un intenso debate dende diferentes puntos de vista, pero resulta rechamante a falla de intervencións no que atinxe ao seu posible impacto na saúde pública.
Ate agora o único traballo documentado que coñecemos nesta materia é o informe publicado pola investigadora da Universidade de Houston, Dra. Sonia Villapol (1), que non foi seguido de ningún comentario ou resposta polos diferentes actores chamados a participar. Dende o noso punto de vista debera abrirse en Galicia un debate acougado sobre os posíbeis riscos para a saúde pública de este proxecto e tanto a comunidade científica universitaria como a administración deberan implicarse en aportar o seu coñecemento diante de un asunto que está suscitando serias inquedanzas na sociedade, sen deixarse arrombar polos plantexamentos partidistas que emerxen no cotián. Aínda mais esta situación suscita a dúbida de se estamos preparados cientificamente para asumir este debate e tomar colectivamente a decisión mais axeitada.
Aquí imos achegar algúns datos bibliográficos, obviamente limitados, para intentar centrar o debate sobre algúns dos aspectos mais relevantes respecto da Asma Bronquial.
Asma bronquial e contaminación ambiental
Debera abrirse en Galicia un debate acougado sobre os posíbeis riscos para a saúde pública de este proxecto e tanto a comunidade científica universitaria como a administración deberan implicarse en aportar o seu coñecemento diante de un asunto que está suscitando serias inquedanzas na sociedade
A GEMA (2) cita como “Factores asociados á aparición da Asma Bronquial” á contaminación atmosférica (pax.26) coa evidencia estatística (A) mais alta incluso que as infeccións respiratorias e a exposición laboral. E na pax. 27 inclúe o SO2, NO2, Ozono, CO e partículas en suspensión. Outros traballos recentes publicados na literatura científica española (3,4) inciden nos mesmos factores desencadeantes.
Un comunicado da OMS do 22 de setembro de 2021 advirte de que as novas Directrices deste organismo sobre a calidade do aire teñen como obxectivo evitar millóns de mortes debidas á contaminación do aire (5) e subliña que as partículas PM 10 e PM 2.5 son de especial relevancia para a saúde pública e as de 2.5 micras poden penetrar no torrente sanguíneo e afectar ao sistema circulatorio e respiratorio así como a outros órganos.
No mesmo senso se expresan a EPA (United States Environmental Protection Agency) (6) e a Axencia Europa de Medio Ambiente (7) que recorda que mais de 300.000 persoas falecen ao ano en Europa pola contaminación ambiental, con especial referencia ás partículas de 2.5 micras, cifras que poderían reducirse substancialmente seguindo as recomendacións da OMS e a última directiva comunitaria, que comentamos mais adiante.
Asma bronquial infantil en Galicia
Aquí imos achegar algúns datos bibliográficos, obviamente limitados, para intentar centrar o debate sobre algúns dos aspectos mais relevantes respecto da Asma Bronquial
Un traballo científico estima que a prevalencia de asma na poboación escolar galega, no ano 2009, sería de un 13,6 % en escolares de 6-7 anos e de un 12.2 % en adolescentes de 13-14 anos, sendo das mais altas rexistradas en España (8).
Segundo datos recollidos de INE por unha compañeira de ULLOA VIVE nun radio de 5 km de Palas de Rei residen 1.548 nenos e nenas de 0-15 anos e 6.402 nun radio de 20 km. Unha estimación aproximada permítenos sospeitar que polo menos uns 600 padecen asma bronquial na actualidade. Debendo suliñarse que hoxe en día os e as cativas que medran na Ulloa están ceibes dos niveis de contaminación propios das cidades e comarcas industriais, situación privilexiada que remataría ca actividade de Altri.
Estudo de impacto ambiental de Altri
Nun radio de 5 km de Palas de Rei residen 1.548 nenos e nenas de 0-15 anos e 6.402 nun radio de 20 km. Unha estimación aproximada permítenos sospeitar que polo menos uns 600 padecen asma bronquial na actualidade
Pola sua banda, a normativa á que se acolle o EIA do proxecto ALTRI (9), que está datado en outubro de 2023, cita 132 normas, recomendacións, acordos, directivas, leis, decretos, etc. da Unión Europea e outros organismos internacionais, do Estado Español e da Xunta de Galicia, debendo suliñarse que se omiten as recomendacións da OMS de 2021, anteriormente citadas (5) das que recollemos os seguintes parágrafos:
“Calculase que cada ano a exposición á contaminación do aire causa 7 millóns de mortes prematuras e provoca a perda de outros tantos ou máis millón de anos de vida saudable. Nos nenos, isto podería supor unha redución do crecemento e da función pulmonar, infeccións respiratorias e agravamento da asma. Nos adultos, a cardiopatía isquémica e os accidentes cerebrovasculares son as causas máis comúns de morte prematura atribuíble á contaminación do aire exterior, e tamén están aparecendo probas de outros efectos como diabetes e enfermidades neurodexenerativas. Isto sitúa a carga de morbilidade atribuíble á contaminación do aire no mesmo nivel que outros importantes riscos para a saúde a nivel mundial, como la dieta malsá e o tabaquismo”.
“As novas directrices da OMS recomendan niveis de calidade do aire respecto de seis contaminantes para os que se dispón dos datos máis recentes en canto aos seus efectos sobre a saúde. Cando se actúa sobre estes contaminantes clásicos —partículas en suspensión (PM), ozono (O₃), dióxido de nitróxeno (NO₂), dióxido de xofre (SO₂) e monóxido de carbono (CO)—, tamén se incide en outros contaminantes prexudiciais.
“Os riscos para a saúde asociados ás partículas en suspensión de diámetro igual ou inferior a 10 e 2,5 micras (µm) (PM₁₀ e PM₂,₅, respectivamente) son de especial relevancia para a saúde pública. Tanto as PM₂,₅ como as PM₁₀ son capaces de penetrar profundamente nos pulmóns, pero as PM₂,₅ poden incluso entrar no torrente sanguíneo, o que afecta principalmente ao sistema cardiovascular e respiratorio, así como a outros órganos. Aas PM son xeradas principalmente pola combustión de combustibles en diferentes sectores, como no transporte, na enerxía, nos fogares, na industria e na agricultura. No 2013, a contaminación do aire exterior e as partículas en suspensión foron clasificadas como canceríxenas polo Centro Internacional de Investigacións sobre Cancro (CIIC) da OMS”.
Acordo do Parlamento Europeo: nova directiva sobre calidade do aire
Os números falan por si mesmos. A directiva comunitaria que entrar en vigor proximamente rebaixa á metade os valores de contaminantes establecidos no ano 2008 e as recomendacións para a saúde humana da OMS aínda os rebaixarían mais se non fose polos acordos políticos e as presións de parte no Parlamento Europeo
No EIA do Proxecto ALTRI tampouco se ten en conta o recente acordo do Parlamento Europeo para revisar a Directiva 2008/50 de Calidade do Aire, en base aos coñecementos científicos acadados nos últimos 16 anos(10). Da nota de prensa do PE reproducimos os seguintes parágrafos:
“ A nova lei pretende reducir a contaminación atmosférica para que os cidadáns gocen dunha contorna máis limpo e saudable, na liña da aspiración de contaminación cero no 2050”.
O Parlamento adoptou o mércores (24.4.2024) un acordo político provisorio cos países da UE sobor das novas medidas para mellorar a calidade do aire na UE e evitar os prexuízos que provoca sobre a saúde humana, os ecosistemas naturais e a biodiversidade, por 381 votos a favor, 225 en contra e 17 abstencións.
As novas normas establecen límites e valores obxectivos máis estritos para 2030 para varios dos contaminantes con un grave impacto na saúde humana, incluíndo as partículas (PM2,5, PM10), NO2 (dióxido de nitróxeno) e SO2 (dióxido de xofre).
Despréndese destes datos que malia o trámite pertinente, as novas normas, preceptivas nos estados membros antes de 2030, estarán vixentes nos próximos meses, garantidas pola ampla maioría da sua votación, debendo lembrarse que xa se veñen negociando dende 2021, cando se fixeron públicas as recomendacións da OMS devanditas. Como veremos mais adiante, as normas que establecerá a nova directiva da UE non recollen por completo as recomendacións da OMS, froito de presións e negociacións políticas, pero rebaixan considerablemente os índices de contaminación da directiva vixente á que se abeira o EIA de ALTRI.
Vexamos agora como trata o EIA de ALTRI a contaminación atmosférica que poderían xerar as súas actividades tanto no fase de construción como na de actividade da fábrica (11). O documento cita en numerosas ocasións os impactos sobre a saúde humana. Traguemos aquí un exemplo da pax 591 que di o seguinte:
“Saúde humana: molestias derivadas das emisións de po e partículas, molestias derivadas da emisión de ruído, emisións atmosféricas (cheiros), accidentes.
O funcionamento dunha planta de estas características podería xerar impactos negativos sobre a saúde humana en caso de non contar cos medios precisos para a sua prevención. Entre os impactos potenciais identificados atópanse: emisións atmosféricas: efectos para a saúde humana derivados da emisión de SO2, NOx, partículas e outros compostos”.
Como se pode apreciar, son afirmacións xenéricas que se limitan a citar algún aspectos da posible contaminación sen ningún tipo de datos concretos e citando só como neste paragrafo dous contaminantes, “partículas” e “outros compostos”. Como é sabido este tipo de industria emite centos de contaminantes (sen comentarios).
Vexamos agora o cadro seguinte tomado de un informe publicado antes do citado acordo do Parlamento Europeo (12).
Directiva vixente | Directiva (2030) | OMS (2021) | |
NO2 (anual) | 40 µg/m3 | 20 µg/m3 | 10 µg/m3 |
PM10 (anual) | 40 µg/m3 | 20 µg/m3 | 15 µg/m3 |
PM2,5 (anual) | 20 µg/m3 | 10 µg/m3 | 5 µg/m3 |
Ozono (diario) | 120 µg/m3 (25 días) | 120 µg/m3 (18 días) | 100 µg/m3 (3 días) |
Os números falan por si mesmos. A directiva comunitaria que entrar en vigor proximamente rebaixa á metade os valores de contaminantes establecidos no ano 2008 e as recomendacións para a saúde humana da OMS aínda os rebaixarían mais se non fose polos acordos políticos e as presións de parte no Parlamento Europeo.
Conclusións:
Propoñemos que o proxecto industrial de ALTRI quede en suspenso mentres non se faga un estudo científico rigoroso sobre o seu impacto na saúde humana e concretamente sobre os riscos de agravamento dos doentes de Asma Bronquial e as persoas actualmente sas con alto risco de desenvolver esta enfermidade en caso de levase a cabo este proxecto
1.- A dia de hoxe o coñecemento científico, as recomendacións da OMS e as normas da UE alertan sobre un risco grave para a saúde pública pola contaminación atmosférica.
2.- Na contorna de 20 km de Palas de Rei (Lugo) residen, aproximadamente, uns 600 nenos e nenas asmáticos que poderían verse agravados polas emisións do proxecto ALTRI. Varios centos mais, actualmente asintomáticos, poderían presentar síntomas de asma bronquial se este proxecto industrial levase a cabo.
3.- O Estudo de Impacto Ambiental de ALTRI non analiza este problema concreto e apoiase en unha normativa europea obsoleta e virtualmente derogada no momento actual.
4.- As equipas epidemiolóxicas da Xunta de Galicia e da Universidade Galega deberan implicarse e informar á poboación dos riscos reais que pode traer este proxecto.
5.- As autoridades políticas non deberan manifestarse apoiando á empresa ALTRI mentres non se aclaren estes aspectos.
6.- Propoñemos que o proxecto industrial de ALTRI quede en suspenso mentres non se faga un estudo científico rigoroso sobre o seu impacto na saúde humana e concretamente sobre os riscos de agravamento dos doentes de Asma Bronquial e as persoas actualmente sas con alto risco de desenvolver esta enfermidade en caso de levase a cabo este proxecto.
Bibliografía
1.- Sonia Villapol. O impacto da industria da celulosa na saúde: unha reflexión científica. Praza Pública. 9.4.24
2.- GEMA 5.3. Guia Española para o manexo da Asma. 2023.
3.-Anales de Pediatría. Vol. 92. Issue 3. Set. 2022 Prevalencia e evolución temporal de síntomas de asma en España. Estudio Global Asthma Network (GAN). Alberto Bercedo Sanz et al.
4.-Arch. de bronconeumol. Vol 45, Issue 5, Maio 2009. Contaminación do aire e síntomas recentes de asma, rinitis alérxica e eccema atópico en escolares de 6 e 7 anos. Alberto Arnedo Pena et al.
5.- OMS Pax web. Comunicado de prensa 22. Set. 2021.
6.- Pax web EPA. US Environmental Protection Agency. Learn about the Particle Pollution and Your Patients' Health Course. Respiratory Effects. (Sen data).
7.- Axencia Europea de Medio Pax web. Contaminación atmosférica na Unión Europea, datos e cifras. Repercusións sobre a saúde. Sen data.
8.- Arch de Bronconeumol. 2011; 47(6): 274-282 Prevalencia de síntomas de asma nos nenos e adolescentes da Comunidade Autónoma de Galicia (España) e as suas variacions xeográficas . Angel López-Silvarrey-Varela et al.
9.- ALTRI. Estudio de Impacto Ambiental 2023 Pax 26 a 58.
10.- Paxina Web Parlamento Europeo. Novas. 24.4.24.
11.- ALTRI. EIA 2023. Pax 490 ( e seguintes) VOLUMEN V – IDENTIFICACIÓN, CARACTERIZACIÓN E AVALIACIÓN DE IMPACTOS.
12.- COMUNICADO SOBRE A DIRECTIVA EUROPEA DE MELLORA DA CALIDADE DO AIRE Plataforma pola Saúde e Sanidade Pública de Asturias, Federación de Asociacións de Veciños de Xixón, Plataforma contra a Contaminación de Xixón e Ecoloxistes n’Aición d’Asturies 9 marzo, 2024