O PPdeG despreza a protesta contra Altri: "Alboroto da esquerda contra o futuro de Galicia"

Paula Prado, secretaria xeral do PPdeG, na sede do partido CC-BY-SA PPdeG

O PPdeG volveu cargar contra a oposición a Altri. Nun comunicado emitido na mañá seguinte á masiva manifestacion deste sábado na Pobra, os populares denuncian que “as ameazas, o alboroto e as manifestacións protagonizadas pola esquerda van en contra do futuro de Galicia”.

Prado censura "as ameazas, o alboroto e as manifestacións da esquerda" por ir "en contra do futuro de Galicia"

Segundo o Partido Popular, estas mobilizacións "opóñense á posibilidade de ofrecer oportunidades de emprego á mocidade galega e fixar poboación no rural". 

Así, a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, nas súas declaracións, reiterou o apoio da súa formación a todas aquelas empresas que queiran asentarse en Galicia “para xerar riqueza no territorio, fixar poboación no rural e ofrecer oportunidades de futuro para a nosa terra e para que a nosa mocidade non teña que ir traballar a outros lugares”.

Manifestación contra Altri e a mina de Touro na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Colectivos Altri Non

En canto ao proxecto de Altri en Palas de Rei, os populares lembran que conta cunha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) favorable “avalada coa rigorosidade, a transparencia e a seriedade dos 34 informes elaborados por 42 técnicos do Goberno galego”.

“Os galegos e galegas poden estar tranquilos”, di a número dous do PPdeG, que rexeita “as ameazas, o alboroto, as manifestacións e o ruído” dun PSOE e dun BNG que “sempre estiveron a favor de Altri e só cambiaron de opinión unha vez celebradas as eleccións autonómicas”.

Prado di que PSOE e BNG "sempre estiveron a favor de Altri". "Só cambiaron de opinión tras as autonómicas; é unha vinganza por perder as eleccións"

Para Paula Prado, ese suposto cambio de postura é “unha vinganza por perder as eleccións” e lamenta que “os partidos do non” estean “negándolle un futuro a Galicia e impedindo que se asenten proxectos industriais que permitirían crear emprego e fixar poboación”.

As declaracións de Paula Prado van na liña das manifestadas por outros membros destacados do PPdeG ou da Xunta nas últimas semanas. Onte mesmo, nada máis rematar a mobilización na Pobra, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reduciu a marcha a "comunismo do século XXI" e a un intento "de que os galegos "teñan menos industria e sexan máis pobres". Un día antes, o portavoz dos populares no Parlamento, Alberto Pazos, dividía os manifestantes entre "manipulados, politizados" ou xente con intención de "manipular".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.