No seu primeiro acto multitudinario de precampaña, no Multiusos do Sar en Santiago, roedeado de centos de militantes e cargos populares, Alberto Núñez Feijóo pediu a súa "axuda" para "presidir o Goberno de España". O presidente do PP quixo amosar forza e apoio nunha etapa que considera a "traca final do sanchismo" logo dos resultados do 28M, positivos para os populares pero que en Galicia non lle permitiron recuperar o poder urbano que desexaban. De aí, tamén, que insistise en criticar os pactos de PSdeG e BNG aló onde a súa formación non conseguiu ser a lista máis votada.
"Estou aquí para pedirvos que o volvamos facer xuntos", dixo, logo de tirar da súa etapa na Xunta e presumir de "mellorar a sanidade, a educación, as universidades, os servizos sociais, a economía e as exportacións". E apelou tamén a unha sociedade galega que, segundo dixo, non ten as "fracturas e divisións" que si hai noutras comunidades.
Feijóo, de feito, augurou que o vindeiro 23 de xullo logrará unha "vitoria inapelable" fronte a un presidente do Goberno, Pedro Sánchez, que "xa non ten ilusión". "Se o PP gaña e goberna, haberá unha oportunidade histórica para reconstruír o PSOE que existía antes de Sánchez", dixo tras criticar o presidente do Goberno de España e non facer alusión ningunha ás listas electorais do PP para as vindeiras xerais.
Feijóo augura unha "vitoria inapelable" do PP o 23X
"Saben que van ter que repartirse moitos cargos porque non van gobernar. Se pasa o mesmo que aquí é porque imos obter unha vitoria inapelable nas urnas de toda España", insistiu. Ademais, advertiu de que se o PP gaña as eleccións "haberá sitio para bastante xente", en referencia a cargos do seu partido que teñen dúbidas sobre o seu futuro.
Antes do discurso de Feijóo, Alfonso Rueda prometeu unha nova vitoria do PP en Galicia que marcará o camiño a seguir en España. "Non entenden que Galicia está de moda, que marca o camiño e que vai ser decisiva", asegurou.
Ademais, Rueda mandou unha mensaxe de apoio aos candidatos populares que foron os máis votados nas eleccións municipais e instounos a reclamar o seu dereito ás alcaldías na sesión de investidura do vindeiro 17 de xuño, tras criticar a BNG e PSdeG por crear unha comisión "para xuntarse os que perderon e intentar que non gobernen os que gañaron” nos municipios onde non se acadou a maioría absoluta.
Na mesma liña se expresou Feijóo, que volveu insistir en criticar os "pactos de perdedores". "Sigo pensando que debemos reformar a lei nas eleccións municipais para que goberne a lista máis votada", dixo.
"Aqueles que se din progresistas teñen un lema fundamental que é que non goberne o que gañe", di Feijóo respecto dos pactos PSdeG-BNG nos concellos
"Sei que en Galicia hai xente que tivo un resultado excelente", engadiu, tras advertir de que, na súa opinión, no país "é máis difícil" para o PP porque "aqueles que se din progresistas teñen un lema fundamental que é que non goberne o que gañe". "Parece que o progreso é isto", dixo.
Feijoo insistiu nunha idea moitas veces manifestada. E fíxoo malia que o seu partido vén de pactar gobernos en municipios e comunidades autónomas, como as Illas Canarias, onde gobernará sen ser a lista máis votada, tal e como lle permitira o PPdeG a Gonzalo Pérez Jácome en Ourense logo das eleccións municipais de 2019 ou como o PP madrileño fixo tamén para unirse a Vox e conseguir a alcaldía e a Comunidad de Madrid.