Unha derrogación prometida por Feijóo e unha entrega dun millón de euros mentres ninguén observa

Feijóo, tras o Consello da Xunta do 30 de decembro de 2009, certificado do acordo adoptado aquel día por máis dun millón de euros e recortes das facturas de KPMG CC-BY-SA Praza.gal | Foto: Xoán Crespo / Xunta
Publicidade
Publicidade

Na súa condición de líder do PP e candidato ás eleccións xerais do vindeiro 23 de xullo, Alberto Núñez Feijóo está a prometer a derrogación de múltiples leis e medidas aprobadas polo Goberno de España do PSOE e Unidas Podemos e pola actual maioría parlamentaria no Congreso. Dende a Lei de Memoria Democrática a preceptos da Lei de Educación ou a coñecida como lei trans, entre outras, así como recortar a estrutura gobernamental para asemellala á da "súa época", no que semellou unha referencia á súa etapa como alto cargo do Goberno do PP de José María Aznar entre 1996 e 2003.

Como en 2009, Feijóo tamén promete agora múltiplas derrogacións. Unha das prometidas daquela, a do decreto do galego, escenificouna meses antes de aprobala na mesma reunión na que, sen facelo público aprobou pagar 1,03 millóns a unha consultora por un informe sobre a fusión das caixas. A guerra cultural como veo sobre o material.

As promesas de derrogacións diversas son tamén, en boa medida, outro episodio da reciclaxe da estratexia de oposición que Feijóo e o seu grupo máis próximo de asesores desenvolveron en Galicia contra o Goberno de PSdeG e BNG. Onde agora están as devanditas leis daquelas estaban normas coma o decreto que, dende o ano 2007, regulaba o uso do galego no ensino e fixaba, entre outros aspectos, un "mínimo" do 50% das materias escolares impartidas en lingua galega, na liña do acordado por unanimidade do Parlamento aínda en tempos de Fraga. 

O primeiro Goberno de Feijóo escenificou a derrogación do decreto do galego no ensino durante meses. A comezar por un serán de decembro de 2009 no que, ao mesmo tempo, aprobaba un controvertido pagamento dun millón de euros sen facelo público. O simbólico, a guerra cultural, como enorme veo sobre o material, sobre o contante e soante.

Certificado da autorización do pagamento do informe sobre a fusión das caixas, asinado por Feijóo e Rueda o 30 de decembro de 2009

Para comprender os xiros desta historia cómpre retroceder case década e media, ao 30 de decembro de 2009. Feijóo levaba na presidencia apenas oito meses, durante os cales reunira o Consello da Xunta no Pazo de Raxoi e non no complexo administrativo de San Caetano, onde estaba sen estrear a sala do Consello que reformara o anterior Executivo de PSdeG e BNG e que os populares presentaran como suposta mostra de "desbalde" e "luxo asiático". Por sorpresa, a Xunta do PP reuniuse por primeira vez nesas instalacións e convocou nelas á prensa na metade da tarde, un horario inusual que só adoita elixirse para Consellos da Xunta extraordinarios, motivados por algunha emerxencia.

Publicidade
Publicidade

Un certificado coñecido anos despois, asinado por Feijóo e Rueda, acredita que naquel Consello de decembro de 2009 o Goberno do PP aprobara desembolsar o millón para KPMG, que pasou a primeira factura aquel mesmo día

Tras a inédita xuntanza, Feijóo e o daquela conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, anunciaran que o Consello viña de "avaliar" as "bases" dun futuro "decreto do plurilingüismo" que ía acabar cunha suposta "imposición" nas aulas dun "modelo monolingüe" en galego. En realidade, o Consello non aprobara nada ao respecto. Só tratara un informe sobre o tema, sen valor xurídico ningún, como quedou reflectido na referencia pública daquel Consello. O novo decreto non sería aprobado ata cinco meses despois.

O que non quedou reflectido naquela referencia pública foi un acordo que si aprobara o Consello. O Goberno do PP aprobara "autorizar a validación dos gastos orixinados na Consellería de Facenda pola contratación da elaboración dun diagnóstico preliminar sobre a viabilidade da fusión" de Caixa Galicia e Caixanova por importe de 1,03 millóns de euros. Ese gasto comprometérao Facenda coa consultora KPMG o día 22 daquel mesmo decembro de 2009 e ían destinados a sufragar un informe sobre a fusión que a empresa estaba a realizar dende vinte días antes. En xaneiro do ano seguinte, a propia Xunta presentaría os resultados dos traballos como unha "auditoría" que "avalaba" a fusión, aínda que a propia KPMG reiterou despois que nin o elaborado fora unha auditoría nin o seu diagnóstico, un "aval" á fusión.

Facturas de KPMG á Xunta polo informe sobre a fusión das caixas, a primeira datada no 30 de decembro de 2009 CC-BY-SA Praza.gal

A proba de que ese pagamento foi aprobado naquel Consello da Xunta é un documento que non vería a luz ata case unha década despois, cando o daquela deputado de En Marea Antón Sánchez levou á Xunta aos tribunais para esixirlle varios papeis da fusión que o Executivo de Feijóo se negaba a entregarlle. Entre esa documentación, á que tivo acceso Praza.gal en 2018, figuraba un certificado asinado por Feijóo e polo actual presidente, Alfonso Rueda, na altura actuando como conselleiro da Presidencia e secretario do Consello da Xunta, no que quedaba acreditada a aprobación do pagamento a través de dúas partidas, unha de  827.673 euros e outra, de 206.918 euros. 

Publicidade
Publicidade

Anos despois transcendeu tamén que a Xunta xustificara internamente o gasto alegando unha suposta "emerxencia"

A primeira das partidas foi case integramente (cunha diferenza de apenas 7 euros) a pagar unha factura datada por KPMG naquel mesmo 30 de decembro polo 80% dos traballos do devandito informe, con data de vencemento do 22 de xaneiro do 2010. A segunda factura, de algo máis de 206.000 euros, chegou o 14 de xaneiro igualmente cun prazo dun mes para pagar.

Anos despois transcendeu tamén que, internamente, a Xunta xustificara esta operación secreta alegando unha suposta "emerxencia". Fixérao nunha memoria na que a Consellería de Facenda, na altura dirixida por Marta Fernández Currás -recuperada o pasado ano por Feijóo para a cúpula económica do PP estatal-, tamén recoñecía que inicialmente estes informes ían ser sufragados polas caixas, pero que as "discrepancias" xurdidas entre elas acabaron derivando en que o Goberno do PP considerase "aconsellable" asumir os gastos da operación con fondos públicos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.