Unha semana despois de que o presidente Rueda dixese que Baltar é hoxe "concelleiro de Esgos, nada máis" a súa secretaria xeral di que "estamos escoitando a opinión de todo o mundo" para decidir o futuro da institución
"Estamos escoitando a opinión de todo o mundo e o primeiro son os proxectos e despois as persoas, e iso me vale tamén para a Deputación de Ourense". Esa foi a resposta que deu este venres a número 2 do PPdeG, a súa secretaria xeral, Paula Prado, cando foi preguntada polo futuro das presidencias das deputacións de Pontevedra e Ourense, sobre as que os populares manteñen a incógnita.
No caso de Ourense, estas declaracións chegan unha semana despois de que o presidente dos populares galegos, Alfonso Rueda, dixese do actual presidente provincial, José Manuel Baltar, que é "concelleiro de Esgos, nada máis" e evitase confirmar a súa reelección no cargo.
Na Deputación de Pontevedra o PPdeG logrou a maioría absoluta pero aínda non desvelou quen será o seu presidente, no medio de debates internos que admite o propio Rueda. En Ourense os populares non lograron a absoluta, pero poderían seguir gobernando se non se conforma unha maioría alternativa que tería na retirada de Baltar da presidencia como un dos seus principais alicientes. Nese contexto xa hai voces no PPdeG que apostan por unha saída de Baltar que facilite a continuidade da institución en mans populares.
Este venres Prado foi cuestionada conxuntamente sobre a persoa que ocupará a presidencia da Deputación de Pontevedra e sobre as negociacións para garantir ao PP a de Ourense. E a súa resposta foi a antedita equiparación das dúas situacións, colocando primeiro "os proxectos" e "despois as persoas" e engadindo ela mesma a énfase en que iso "vale tamén para a Deputación de Ourense".
Sobre a alcaldía de Ourense, Prado, tras reiteradas apelacións a que en cada institución goberne a forza máis votada, volveu pedir a PSdeG e BNG "sentar a falar coa forza máis votada á marxe do alcalde"
Prado tamén se pronunciou sobre o futuro da alcaldía de Ourense, que podería estar tamén ligado ao futuro da Deputación. Na cidade, co actual alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, como candidato máis votado, só un pacto de resto de forzas políticas podería elixir outro rexedor. Ante esa situación, e malia as reiteradas apelacións dos populares a que en cada administración goberne "a forza máis votada", Prado volveu pedir a PSdeG e BNG, como xa fixera Rueda, "sentar a falar coa forza máis votada á marxe do alcalde", en referencia a eles mesmos.
Ante o baile de nomes e os debates internos na súa formación sobre que persoa ocupará cada cargo, Prado dixo este venres estar "orgullosa de ser secretaria xeral dun partido no que podemos contar con moitos perfís para poder presidir" todo tipo de administracións.