Medallas Castelao para quen "fai patria cada día"

Camilo Nogueira conversa con Rueda e Javier Olleros no inicio do acto de entrega das Medallas Castelao, este 28 de xuño en San Domingos de Bonaval CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Foron perfís diversos os seleccionados neste 2022 pola Xunta para distinguilos coa Medalla Castelao e, ao contrario que noutras ocasións, tamén figuras en torno á maioría das cales existe amplo consenso político, profesional e mesmo social. Camilo Nogueira, Javier Olleros, Javier Sánchez de Dios a coral coruñesa El Eco e o equipo feminino do Burela Fútbol Sala recolleron este 28 de xuño uns galardóns que segundo o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, pretenden galardoar persoas e entidades que "fan patria cada día".

No trixésimo oitavo aniversario da traída dos restos de Castelao a Galicia e 86 anos despois do día en que foi plebiscitado o primeiro Estatuto galego, no que o político de Rianxo tivo un papel clave, Camilo Nogueira foi o primeiro en recoller de mans de Rueda unha medalla na que tivo moi presente ao considerado, en boa medida, fundador do galeguismo político contemporáneo. Porque el mesmo, evocou, quixo "contribuír ao autogoberno de Galicia seguindo o maxisterio de persoas como Castelao".

Camilo Nogueira recibe a Medalla Castelao de mans de Rueda, co aplauso de Javier Olleros CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O impulso ao Estatuto de 1981 ata lograr "o mesmo nível de autogoberno" que o resto de nacionalidades históricas ou o traballo pola "plena igualdade da lingua galega" como primeiro impulsor da Lei de Normalización Lingüística foron lembrados xunto á súa etapa como eurodeputado do BNG, cando "procurei levar a voz de Galicia a Europa e ao mundo". "Agradezo inmensamente que este traballo pola miña nación sexa recoñecido", concluíu.

O pensamento de Castelao estivo tamén presente na intervención do cociñeiro Javier Olleros, propietario do Culler de Pau do Grove, quen presentou o seu traballo na gastronomía como un afán por "manter viva a identidade" do país e ao tempo, "pensar nun mellor futuro" en tempos, dixo, que son de "coidar valores e dereitos conquistados", dende o universal ata os sectores produtivos galegos nos que, resaltou, o seu proxecto gastronómico se apoia de forma esencial.

Xogadoras do Burela e membros da directiva do club, facendo a foto institucional tras recibiren a Medalla Castelao este 28 de xuño de 2022 CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Joziane de Oliveira, segunda capitá do Burela, foi a encargada de recoller a medalla para o club mariñao xunto ao seu presidente, Manuel Blanco. No nome de "toda a familia laranxa", a xogadora apelou ao "orgullo" do que vén de ser considerado o mellor equipo de fútbol sala feminino por dous anos consecutivos non só unicamente polos seus éxitos deportivos, resaltou. Tamén por seren parte dun club "pioneiro na defensa da igualdade laboral e dos dereitos profesionais das mulleres deportistas". "Orgullo laranxa significa hoxe tamén orgullo galego", afirmou.

Rueda apela ao "galeguismo integrador" na súa primeira entrega das Medallas Castelao como presidente

O xornalista Sánchez de Dios, pola súa banda, expresou a "gratitude ao pobo de Galicia que le e escoita" o seu traballo, así como "aos meus compañeiros, os vivos e os mortos" tras medio século de profesión, así como eloxios a Rueda. Na representación da coral El Eco interveu Carlos González Garcés, presidente da entidade, quen dedicou o galardón ao público da agrupación e a todos os compoñentes que formaron parte dela e mais ás súas familias.

Na súa primeira entrega das Medallas Castelao como presidente, Rueda optou por un ton semellante ao do seu antecesor, apelando a un galeguismo "integrador" que "está por tras da historia de éxito da Galicia autonómica", se ben tamén lembrando a "semente" do Estatuto do 36. A andaina "brillante" das persoas e institucións galardadas son a "mellor guía para avanzar pola senda compartida de todos os galegos", afirmou nun acto no que estiveron presentes representantes de todas as principais institucións galegas e tamén as dúas forzas da actual oposición encabezadas por Ana Pontón (BNG) e Valentín González Formoso (PSdeG).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.