O Burela confirmou a súa hexemonía no fútbol sala feminino logo de conquistar a súa quinta Copa da Raíña -cuarta consecutiva- en Ourense. O equipo mariñao venceu o Futsi Atlético Navalcarnero nos penalits logo dun empate (3-3), agrandando así un palmarés que o levou a conseguir doce dos últimos trece títulos que disputou, tras ser derrotado unicamente polo Ourense Envialia na última final da Copa Galicia.
O Burela tivo que recorrer aos penaltis, onde Jozi parou un dos disparos do equipo madrileño para decantar a balanza do lado das galegas e despois de que ambos equipos tivesen que vencer tamén desde o punto fatídico ás súas rivais en semifinais nun torneo moi igualado.
O Burela gañou doce dos últimos trece títulos que disputou; só perdeu a Copa Galicia contra o Ourense Envialia
As laranxas adiantáronse no marcador pero o Futsi Atlético foi quen de remontar e poñer dúas veces por diante ata que Lara Balseiro poñía a igualada a pouco do final. Tras a prórroga, nos penaltis o erro de Ari foi, en definitiva, clave para que outro título chegase á Mariña, comarca que presume do considerado mellor equipo feminino de fútbol sala do mundo.
O Burela mantén o ronsel de vitorias logo de que a pasada temporada sumase un novo título de Liga e Copa. Un palmarés incrible nunha entidade con 20 anos de historia e cuxa sección feminina viu a luz en 2008 estreándose na antiga División de Prata.
O equipo feminino do Burela naceu en 2008 e gañou os seus primeiros títulos en 2013
Desde aquela, un ascenso inmediato á elite e un continuo camiño de éxitos inaugurado coa Liga e a Copa conquistadas en 2013, ás que seguirían a Liga e a Supercopa de 2016, a Copa da Raíña, a Supercopa e a Nations Futsal Cupa de 2019 ou dúas Ligas, dúas Copas ee unha Supercopa das dúas últimas tempadas. De broche de ouro, o campionato de Europa acadadado en Lugo o pasado decembro tras vencer o Pescara italiano na final.
Cun total de 200 deportistas nas diferentes categorías, unha importante masa social na Mariña e a fazaña de contar con dous equipos -masculino e feminino- na elite desde un concello de menos de 10.000 habitantes, nada fai pensar que novos títulos non poidan chegar nos vindeiros meses.