Yolanda Díaz non será candidata nas vindeiras xerais

Mitin de Sumar en Vigo na campaña das xerais de 2023 © Sumar Galicia

Yolanda Díaz non se presentará ás vindeiras eleccións xerais. A actual vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, cabeza de cartel de Sumar nos comicios de 2023, anúnciao nunha carta aberta para dar a coñecer o que define como "decisión moi meditada" que xa comunicou "aos meus seres queridos, ao conxunto do meu espazo político e ao presidente do Goberno".

"Non vou ser candidata nas próximas eleccións xerais", que sitúa no 2027, sinala Díaz nunha misiva na que asegura que "sempre" tivo "moitas reticencias coa idea de ser candidata" xa que "a política é dura, especialmente para as mulleres", pero "non me arrepinto". "Ollo cara a atrás e estou orgullosa de todo o que conseguimos de forma colectiva e traballando para a mellorar a vida da xente", afirma.

Quiero contaros una cosa.

[image or embed]

— Yolanda Díaz (@yolandadiaz.bsky.social) Feb 25, 2026 at 11:59

Nas anteriores xerais, evoca a política ferrolá, "dixemos que sen Sumar non habería goberno de coalición e logramos revalidar un goberno que todas as enquisas daban por perdido". Agora, di, disponse a "seguir traballando no Goberno para cumprir con ese mandato das urnas" mentres "se abren de novo camiños para insuflar vida ao espazo progresista".

Eses vieiros, considera, albíscanse no "debate pertinente e ambicioso que abriu Gabriel Rufián" e tamén na "confirmación de que o espazo que Sumar puxo en pé segue con forza, vocación de maiorías e vontade de acordo e avance social". "É o momento de ampliar a democracia e enchela de sentido e esperanza", anima antes de expresar a vontade de "dar espazo e tempo para que o que está a nacer corra coa forza que merece e acompañalo, coidalo, impulsalo e acompañalo con toda a miña enerxía". "Quero coidar tamén -engade- o Goberno de coalición progresista" porque implica "coida a mellor ferramenta que temos para seguir gañando dereitos".

De EU e AGE a En Marea, o Ministerio e Sumar

A participación de Yolanda Díaz na política estatal remóntase ao ano 2015, cando formou parte da candidatura de En Marea pola provincia da Coruña ao Congreso. Volveu ser candidata e deputada do artellado como confluencia de Podemos, Anova, Esquerda Unida e as mareas municipais nas xerais repetidas de 2016. En abril de 2019 encabezou a candidatura por Pontevedra de En Común - Unidas Podemos e volveuno facer en novembro daquel mesmo ano, cando cumpriu volver celebrar eleccións, tras as cales chegou o primeiro goberno de coalición dende a Segunda República no que foi elixida ministra de Traballo.

Yolanda Díaz, nunha comparecencia na Moncloa como ministra de Traballo © Borja Puig de la Bellacasa/Goberno de España

En 2021, tras a dimisión de Pablo Iglesias para ser candidato nas eleccións da Comunidade de Madrid, Díaz ascendeu á vicepresidencia segunda do Goberno de Pedro Sánchez. Iglesias, precisamente, chamara as bases da súa formación a "apoiala" para que fose a "candidata de Unidas Podemos nas próximas xerais e a primeira presidenta do Goberno de España" mentres exercía como a "mellor" ministra de Traballo. Finalmente esa participación electoral canalizouna a través de Sumar nun contexto de tensións crecentes con Podemos en xeral e con Iglesias en particular.

Un dos principais argumentos no lanzamento de Sumar foi o labor de Díaz como ministra de Traballo

Un dos principais argumentos no lanzamento de Sumar fora, precisamente o labor de Díaz á fronte do Ministerio de Traballo. Ao pouco de aterrar no departamento correspondeulle afrontar a derivada laboral da pandemia da COVID-19. Fora o tempo de medidas coma os ERTE, os límites aos despedimentos ligados á situación sanitaria ou os permisos retribuídos por esta causa. 

Alén da emerxencia, baixo o seu mandato no Ministerio o Goberno de España logrou sacar adiante a reforma laboral aprobada nunha axustadísima votación en 2022. A medida trouxo consigo efectos como unha notable redución da temporalidade nun mercado laboral no que tamén veñen incidindo as sucesivas subas do salario mínimo interprofesional: de 950 euros no ano 2020 aos recentemente aprobados 1.221 para 2026.

Yolanda Díaz, con Pablo Iglesias e dirixentes sindicais, nunha imaxe de arquivo CC-BY-SA Galicia en Común

A participación de Díaz na política estatal remóntase a 2015, cando renunciou ao seu escano por AGE no Parlamento para ser candidata ao Congreso por En Marea. Tras ser reelixida en 2019 como deputada de En Común - Unidas Podemos converteuse en ministra de Traballo

O Paso de Yolanda Díaz ao Congreso por En Marea en 2015 implicara renunciar e ao escano que ocupaba dende 2012 no Parlamento por Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Chegara ao Pazo do Hórreo procedente da política ferrolá, onde ocupara a Tenencia da Alcaldía en coalición co PSdeG de 2007 a 2008. Dende 2005 exercera, asemade, como coordinadora nacional de Esquerda Unida, posto que ostentou ata 2017.

Aquela coalición lanzárana Anova e Esquerda Unida, con Xosé Manuel Beiras e a propia Díaz como cabezas visibles. O que fora considerado como xermolo das confluencias da esquerda que marcaron o panorama político da década en Galicia e tamén en múltiplos puntos do Estado. Como detalla Anxo Lugilde no seu libro De Beiras a Podemos (Praza Pública, 2014), naquela campaña galega de 2012 Díaz tivera como asesor a Pablo Iglesias dous anos antes da fundación de Podemos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.