As claves da ampliación dos ERTE por forza maior ata o 30 de xuño

Acto de sinatura do acordo para a ampliación dos ERTE © Borja Puig de la Bellacasa

Pedro Sánchez asina outra vez unh acordo cos sindicatos e coa patronal en plena pandemia polo coronavirus e meses despois da sinatura para o incremento do salario mínimo. Desta vez, a foto cos axentes sociais chega para certificar a prolongación dos ERTE por forza maior ata o vindeiro 30 de xuño, logo dun pacto impulsado pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, que logrou desvincular estes expedientes do estado de alarma. 

Ao acto, ademais de Díaz e Sánchez, asistiron os vicepresidentes Pablo Iglesias e Nadia Calviño, así como o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, ademais dos representantes da patronal e dos dous principais sindicatos do Estado. 

Pero, que supón o acordo definitivo que plasma o acordo ao que os axentes sociais chegaran xa o pasado venres e que será aprobado este martes no Consello de Ministros? Velaquí as claves. 

Unha traballadora dun local de hostalaría Dominio Público UGT Galicia

ERTE total ou parcial

O acordo asinado este luns, segundo conta Laura Olías en eldiario.es, establece que os ERTE por forza maior, que decaían co estado de alarma ata hoxe, manteranse ata o vindeiro 30 de xuño nas circunstancias nas que as empresas non puidesen retomar a actividade por mor da crise da Covid-19. Isto abrangue tanto as empresas que non poden reiniciar os seus negocios, cun ERTE sobre todo o persoal, como aquelas que poidan reabrir parcialmente, de xeito que poida sacar algúns empregados do expediente segundo as necesidades e manter o ERTE por forza maior de maneira parcial sobre o resto dos traballadores. 

O acordo amplía os ERTE de forza maior ata o 30 de xuño, tamén aqueles parciais que se manteñan mentres parte do persoal se vai reincorporando

Excluídas empresas en paraísos fiscais e repartición de dividendos

A prórroga dos ERTE teñen dúas excepcións que os desliga do estado de alarma. Así, non poden acollerse a testa extensión as empresas "que teñan o seu domicilio fiscal en países ou territorios cualificados como paraísos fiscais conforme á normativa vixente" e aquelas que matneñan os seus ERTE a través deste real decreto-lei non poderán repartir os dividendos correspondentes ao exercicio fiscal no que se aplique o expediente, agás se abonan previamente o importe aforrado na exoneración de cotas da Seguridade Social. O límite á repartición de dividendos non se aplica, no entanto, ás empresas de menos de 50 empregados. 

Continúan as condicións vantaxosas na cobertura por desemprego

En canto aos traballadores afectados por estes ERTE, as condicións con máis vantaxes na cobertura por desemprego tamén se estenden ata o 30 de xuño. Así, o contador a cero, que implica que estes meses cobrando a prestación non descontan dereito a paro no futuro, e a grantía de prestación aínda non tendo o mínimo cotizado mantéñense ata esa data. Para o persoal fixo discontinuo, esta maior protección por desemprego chegaría ata final de ano. 

Mantense, con matices, a obriga de manter o emprego seis meses

No acordo, mantense a cláusula que obriga a manter o emprego durante seis meses nos ERTE de forza maior, aínda que flexibilizado. Así, esta medida só se aplica aos expedientes por forza maior, anon aos de causas económicas, e o prazo de cálculo dos seis meses comeza cando se produza a "reanudación da actividade", aínda que só abranga parte do persoal. O pacto aclara que esta cláusula non se aplica a empresas en risco de concurso de acredores e que se terán en conta as especifidades dos diferentes sectores. 

As empresas con sede en paraísos fiscais non poderán acollerse á prórroga dos ERTE

Ademais, mantense ata o 30 de xuño a prohibición dos despedimentos obxectivos a causa da crise do coronavirus, así como a interrupción do cómputo da duración máximo dos contratos temporais. 

Ampliación máis aló do 30 de xuño

O acordo contempla a posibilidade de prorrogar os ERTE máis aló do 30 de xuño no caso de que se manteñan restricións de actividade daquela. Esta extensión poderá alcanzar as exencións do pagamento das cotizqacións sociais por parte das empresas e a maior protección establecida para o persoal afectado por estes expedientes. 

Para ampliar os ERTE máis aló do 30 de xuño terá que chegarse a un acordo na Comisión de Seguimento, con Goberno central, patronal e sindicatos. Alí analizarase a evolución económica de cada sector e actividade para decidir. Ademais, tamén se avanzará no traspaso de ERTE por forza maior a outros por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción. 

O acordo contempla a posibilidade de prorrogar os ERTE máis aló do 30 de xuño no caso de que se manteñan restricións de actividade daquela

Exoneración de cotas

A exoneración de cotas manteranse como ata agora en maio e xuño: completa para as compañías de menos de 50 empregados e do 75% para as que superen ese nivel de persoal. Pero muda o procedemento: as empresas deben solicitar esta exoneración á Seguridade Social. No caso de que poidan comezar a funcionar parcialmente en maio e xuño, sacando parte dos traballadores do ERTE, as exencións reduciranse, con máis apoio para as pequenas empresas e sobre as cotizacións dos teraballadores que regresen ao traballo para premiar a volta á actividade. 

Nas empresas de menos de 50 traballadores, o Estado cubrirá o 85% das cotizacións sociais en maio e o 70% en xuño dos empregados que reinicien a súa actividade. Para os que permanezan aínda no ERTE, os fondos públicos sufragarán o 60% en maio e o 45% en xuño. 

Nas compañías de 50 ou máis empregados, o Estado pagará o 60% das cotizacións de maio do persoal que reinicie a actividade e o 45% en xuño. Ademais, exonérase ás compañías de pagar o 45% das cotas de maio o 30% das de xuño do persoal que siga no ERTE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.