O Ministerio de Traballo alcanzou un principio de acordo cos sindicatos e a patronal no diálogo social para prolongar os ERTE (expedientes de regulación temporal de emprego) máis aló do estado de alarma. En concreto, até o 30 de xuño, aínda que este límite podería prorrogarse máis adiante.
O Ministerio de Traballo alcanzou un acordo con patronal e sindicatos para prolongar os ERTE ata o 30 de xuño
Os empresarios e os sindicatos levaron este venres o preacordo ante os seus órganos de dirección e finalmente a patronal deu o seu visto e prace malia as reticencias que mantiña. "É un acordo equilibrado. Quero poñer en valor o acordo, todos e todas cedemos, pero o importante é que neste momento tan delicado imos camiñar xuntas", dixo Yolanda Díaz na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros.
O acordo supópn que os ERTE por forza maior, que a día de hoxe decaen co estado de alarma, prolongaríanse até o 30 de xuño nas circunstancias nas que as empresas non puidesen retornar á actividade debido á crise da Covid-19, xa fose de maneira total (para o total do persoal no ERTE) ou parcial (no caso de que parte dos traballadores si puidesen reincorporarse aos seus postos e retomar as súas xornadas habituais). Xa que logo, o Goberno central poderá prorrogar os expedientes máis aló desa data.
O acordo permite que as empresas rescaten os seus empregados do ERTE segundo os vaian necesitando
Sobre a continuidade dos ERTE a partir do 30 de xuño, terá un papel central a Comisión de Seguimento tripartita laboral que crea o acordo (con presenza do Goberno, a patronal e os sindicatos) e o enfoque sectorial. A Comisión analizará a evolución económica de cada sector e actividades e "chegado o momento e, se é necesario, acompañaremos os sectores máis aló do estado de alarma", afirmou Yolanda Díaz. Ademais, avanzarase tamén no traspaso de ERTE por forza maior a outros por causas económicas, técnicas, organizativas ou de produción (ETOP), sen que se perda a antigüidade do expediente.
O 'contador a cero' no dereito a paro e a garantía da prestación de desemprego sen o mínimo cotizado estenderíanse tamén até o 30 de xuño
O documento define até onde chegarán as condicións máis vantaxosas na cobertura por desemprego. O contador a cero (que estes meses non desconten dereito a paro no futuro) e a garantía da prestación de desemprego aínda que non se teña o mínimo cotizado estenderíanse até o 30 de xuño.
Para os traballadores fixos discontinuos, moi numerosos no sector turístico, a maior protección por desemprego xa acordada estenderíase até o 31 de decembro. A Ministra de Traballo destacou a protección máis prolongada para estes traballadores, posto que se prevé que o sector turístico se recupere de maneira máis lenta.
Como queda a exoneración de cotas
Respecto da exoneración de cotas, se as empresas ven imposibilitadas para retomar a súa actividade até o 30 de xuño, as exencións manteríanse como até agora: completa para as compañías de menos de 50 empregados e do 75% para as que superen ese nivel de persoal.
No caso de que as empresas poidan comezar a funcionar parcialmente en maio e xuño, de maneira que saquen do ERTE un grupo de traballadores, as exencións reduciranse, con máis apoio para as pequenas empresas e sobre as cotizacións dos traballadores que regresen ao traballo, para premiar a volta á actividade, explicou a ministra Díaz.
Para as compañías de menos de 50 traballadores, o Estado cubrirá o 85% das cotizacións sociais en maio e o 70% en xuño dos empregados que reinicien a súa actividade. Respecto dos traballadores que permanezan aínda no ERTE, os fondos públicos sufragarán o 60% das cotizacións sociais que debe pagar a empresa en maio e o 45% das correspondentes a xuño.

Nas empresas de 50 ou máis traballadores, o Estado pagará o 60% das cotizacións de maio dos empregados que retomen a actividade e o 45% das correspondentes a xuño. Ademais, exonerase as compañías de pagar o 45% das cotas de maio e o 30% das de xuño dos empregados que sigan no ERTE.
Exclusión das empresas en paraísos fiscais
O acordo alcanzado establece que as empresas e entidades que teñan o seu domicilio fiscal en países ou territorios cualificados como paraísos fiscais non poderán prolongar os ERTE. Este foi outro dos puntos que custou sacar adiante na negociación con Traballo e os sindicatos, segundo fontes do diálogo social.
Ademais, se as compañías estenden os seus expedientes grazas a este novo decreto-lei, non poderán repartir dividendos durante o exercicio fiscal no que aplicaron os ERTE, agás se devolven o diñeiro correspondente á exoneración aplicada ás cotas da Seguridade Social.
O acordo inclúe, ademais da prolongación dos ERTE, a extensión da prohibición de despedir de maneira obxectiva debido á crise do coronavirus ata o día 30 de xuño. Seugndo o decreto de aprobación, este límite aos despedimentos finalizaba co estado de alarma.