O Goberno central aprobou medidas para impedir os despidos polo coronavirus e para obrigar a que os contratos temporais, incluídos os formativos, de relevo e interinidade, continúen vixentes ata que remate a crise sanitaria. O Consello de Ministros deste venres revisou o real decreto que contén estas medidas laborais.
"Ninguén se pode aproveitar desta crise sanitaria. Non se pode utilizar a covid-19 para despedir", sinalou a Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, que expuso que se abordou legalmente a "imposibilidade de propiciar despidos por causas de forza maior, ténicas, económicas, organizativas e de produción" neste momento.
A ministra de Traballo declarou que "ninguén se pode aproveitar desta crise sanitaria" e que non se pode usar a pandemia para prescindir de persoal
"Non se pode despedir porque puxemos os mecanismos legais e recursos públicos inxentes para que se poida acudir a un ERTE. Non é necesario despedir a ninguén no noso país", dixo. Tampouco, "coa escusa" do coronavirus se poden "extinguir os contratos temporais", que, no seu caso, se interromperán e continuarán unha vez superada a situación, agregou.
O Estado aprobou a semana pasada un paquete económico que incluía unha facilitación dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) e do acceso á prestación do paro. As novas medidas son un complemento para facer a súa aplicación "máis eficaz".
Desde a declaración do estado de alarma, Galicia rexistra xa 23.651 ERTE que afectan a 124.918 persoas, de acordo cos datos da Xunta. Na provincia da Coruña estas medidas aplícanse a 41.783 traballadores; na de Lugo, a 9.932; na de Ourense, a 11.807, e na de Pontevedra, a 49.770. Ademais, hai 11.626 traballadores afectados por expedientes autonómicos e un número non determinado incluído en 32 ERTE estatais.
O obxectivo das medidas aprobadas este venres no Consello de Ministros, resaltou Traballo, é manter o emprego, polo que, se é posible acollerse a un ERTE, non será "lexítimo" prescindir de persoal.
Acláranse os trámites que as empresas que presentan ERTE deben facer ante o servizo de emprego para solicitar as prestacións para o persoal afectado
O Consello de Ministros concretou os trámites que os empresarios que presenten ERTE deben facer ante o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) para solicitar a prestación para o persoal afectado. Díaz explicou que se facilita un modelo de documento que require os datos para identificar aos traballadores e a súa base salarial. Trátase, defendeu a ministra, dun formulario sinxelo para simplificar os trámites. A data de inicio da prestación será a da suspensión do contrato ou a da comunicación da decisión por parte da empresa á autoridade.
Haberá tamén unha supervisión e a Inspección de Traballo controlará os ERTE "para evitar falsidades e incorreccións". Se se detectan incumprimentos, o empresario pode ser sancionado e deberá devolver as contías precibidas en concepto de desemprego polos traballadores.
Os centros sanitarios e os de atención a maiores e dependentes tanto públicos coma privados declaráronse servizos esenciais e deberán manter a súa actividade, agregou o Goberno, que indicou que a contratación pública para facer fronte ao coronavirus se tramitará pola vía de urxencia. Haberá medidas específicas para axilizar a contratación, en especial co exterior.
O Goberno central aclarou que as cooperativas que non poidan celebrar asembleas de forma virtual deixarán en mans do seu consello rector a competencia para presentar un ERTE