Yolanda Díaz posiciónase "radicalmente en contra" da fábrica de Altri en Palas e comprométese a "loitar" desde o Goberno do Estado

Reunión de Yolanda Díaz coa Plataforma Ulloa Viva en Agolada CC-BY-SA Ulloa Viva

Díaz mostrouse "radicalmente en contra" do proxecto de Altri e Greenalia en Palas de Rei por ser "altamente contaminante" e "vulnerar os valores ambientais" de Galicia, por "pór en risco a saúde pública" e pola "carencia duns valores democráticos primarios" 

Yolanda Díaz comprométese como vicepresidenta segunda do Goberno de España a “loitar” contra a instalación e desenvolvemento da fábrica de celulosa que proxectan instalar a portuguesa Altri e Greenalia en Palas de Rei, na comarca da Ulloa. Díaz cualificou o proxecto como unha “barbaridade” que “contamina e non dá vida”.

Díaz mostrouse “radicalmente en contra deste proxecto por ser altamente contaminante e vulnerar os valores ambientais do noso país, por pór en risco a saúde pública da poboación e pola carencia duns valores democráticos primarios”. “En Galicia xa hai proxectos dabondo coñecidos que desbotan a posibilidade de termos un país coherente e sostible co noso modelo de produción e o noso modo de vida”, evidenciou.

A manifestación contra Altri, na Praza da Feira de Palas de Rei © Plataforma Ulloa Viva

A vicepresidenta, que se reuniu con representantes da Plataforma Ulloa Viva xunto a representantes de Sumar en Galicia, explicou que o Goberno Central “non é co-partícipe do deseño e da autorización deste proxecto”, pois a potestade é da Xunta. Con todo, sería decisión do Ministerio de Industria incluílo no Perte correspondente para acceder a fondos europeos.

Yolanda Díaz criticou que a propia Xunta non informase á veciñanza sobre o proxecto da celulosa, que depende da súa validación, e advertiu de que “non se cre ninguén” que se vaian crear 2.5000 postos de traballo. “Coido que xa estamos fartas de tantas promesas que son absolutamente baleiras”, asegurou Díaz, quen realizou un chamado á poboación galega para que “saia a defender este espazo único” e “os valores da natureza”, entre os que destacou a importancia da auga.

"Esperamos que Yolanda Díaz sexa o noso maior garante para poder frear este proxecto que só nos vai traer pobreza", dixo a portavoz da Plataforma Ulloa Viva

Para a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, o Goberno galego está a “defender os intereses dunha multinacional”, en lugar de “defender os intereses do noso país, da cidadanía e da nosa contorna”. “O PPdeG sempre ao carón das multinacionais e nunca ao carón da xente do seu país”, criticou.

Pola súa banda, a portavoz da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, celebrou que no encontro con Díaz puideron aportar os datos do que suporía o impacto da instalación da celulosa en Palas de Rei e “falar de maneira clara para que parte do Goberno se opoña e se una a nós para facer fronte a unha ameaza que non está a ter en conta á poboación que vivimos aquí”. “É un abuso de poder. Esperamos que Yolanda Díaz sexa o noso maior garante para poder frear este proxecto que só nos vai traer pobreza”, sostivo Gontá en declaracións aos medios de comunicación.

Protesta contra o proxecto de Altri na sede da Xunta CC-BY-NC-SA Praza.gal

Gontá lembrou na xuntanza que “o pobo xa falou en máis dunha ocasión”, o proxecto da celulosa tivo máis de 23.000 alegacións en contra na súa exposición pública, máis de 20.000 persoas saíron ás rúas o pasado 26 de maio en Palas de Rei para dicir 'Altri Non' e o 30 de xuño outras 30.000 persoas arrodearon a sede da Xunta en Santiago “para pedir a paralización desta barbaridade”.

Profesionais da Bioloxía, Medicina e Xeografía da Plataforma Ulloa Viva participaron tamén na reunión para trasladar a Díaz información a respecto das especies ameazadas, os problemas que suporía para a auga do caudal do río Ulla porque “os valores calculados por Greenfiber non teñen en conta as tendencias climáticas e hidrolóxicas das vindeiras décadas” e mais os perigos para o sector primario instalado na zona. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.