Ana Miranda (BNG) salienta que cómpre “seguir presionando en Bruxelas para frear o desastre medioambiental que supón Altri para Galiza”
A Comisión Europea vén de confirmar a Ana Miranda, eurodeputada do BNG, que non recibiu ningunha proposta de solicitude de fondos europeos para proxecto de Altri. Miranda realizara unha pregunta parlamentar sobre a financiación con fondos Next Generation do proxecto da fábrica que a compañía portuguesa quere construír en Palas de Rei.
E, de novo, igual que xa fixera o pasado mes de abril durante a visita de colectivos contrarios ao proxecto, a Comisión comunica que o Estado español non lle presentou aínda ningunha solicitude “que requira a avaliación da fábrica de celulosa e fibras téxtiles situada en Palas de Rei no marco dun PERTE (Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica)”.
“Estamos a tempo de paralo, estamos a tempo de que non se cometa unha atrocidade ambiental cun proxecto que ten unha enorme contestación social”, di a eurodeputada nacionalista
A eurodeputada nacionalista salienta que cómpre “seguir presionando en Bruxelas para frear o desastre medioambiental que supón Altri para Galiza” e afirma que “estamos a tempo de paralo, estamos a tempo de que non se cometa unha atrocidade ambiental cun proxecto que ten unha enorme contestación social”. Miranda destaca que “desde que as plataformas estiveron en Bruxelas seguimos coa presión e máis agora como eurodeputada electa, que estarei na Comisión de Peticións precisamente para parar este proxecto”.
En caso de que se introducira unha solicitude de fondos europeos para un proxecto destas características debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e tamén esixencias medioambientais e de conflito de intereses
No encontro celebrado en abril con representantes da Comisión Europea, a delegación galega desprazada a Bruxelas reuniuse con María Teresa Fábregas, Directora do Grupo Operativo do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (SG.RECOVER.B) e Paul Speight, Xefe da Unidade de Cumprimento da Normativa Medioambiental (ENV.E.3) e outros responsables de diversas áreas da Dirección Xeral de Medio Ambiente da Comisión Europea.
Neses encontros estes representantes da CE confirmaron que non foi presentada ningunha solicitude oficial por parte do Estado español e que en caso de que se introducira un proxecto destas características debería cumprir con todos os principios e esixencias de transparencia e tamén esixencias medioambientais e de conflito de intereses que ten un proxecto destas características, que como moi tarde debería estar executado en agosto de 2026.