En Común Unidas Podemos presentou este venres o seu “programa de goberno” para as eleccións xerais, un conxunto de propostas, din, concibidas “para gobernar o Estado desde Galicia”. O cabeza de lista da formación pola Coruña, Antón Gómez-Reino, di que aspiran a que o país teña “unha centralidade propia” na política de Estado, con medidas que apostan pola suba do salario mínimo a 1.200 euros, a nacionalización da AP-9 ou a creación dunha banca pública.
En Común di aspirar a que Galicia teña "unha centralidade propia" na política do Estado
Pola súa banda, a número un por Pontevedra, Yolanda Díaz, cre que a cidadanía quere “solucións aos seus problemas” e “respostas claras” pero “non escoitar balbordo”. Así, cifrou o paro, a economía, a sanidade, as pensións, a corrupción, a educación ou a dependencia como os temas fundamentais para En Común Unidas Podemos, que presentou un programa con máis de 400 medidas.
A tamén candidata por Pontevedra, Ángela Rodríguez, asegurou tamén que todas as propostas están “vistas desde a perspectiva do feminismo de forma transversal” e afondou nas medidas a prol do colectivo LGTBI. Ademais, reiterou a defensa dos servizos públicos, desde as enfermeiras ata as investigadoras, e aproveitou para defender os traballadores da CRTVG e sumarse aos venres negres “e ás súas reivindicacións”.
Salario mínimo de 1.200 euros ao final da lexislatura
Ademais, o economista Manuel Lago, coordinador do programa, destacou as propostas máis importantes a nivel económico, como a que marca o obxectivo de que o salario mínimo chegue aos 1.200 euros ao final da lexistlatura, a defensa das pensións recuperando a actualización ao IPC e combatendo a fenda de xénero ou o establecemento dunha renda básica garantida de 600 euros mensuais ampliable a 1.200. Tamén destacou medidas como avanzar nun parque público de vivenda de alugueiro, prohibir os desafiuzamentos sen alternativa habitacional, crear unha banca pública, recuperar o préstamo de 60.000millóns de euros ás entidades bancarias, defender a industria galega, nacionalizar a AP-9 e levar a cabo unha reforma fiscal para situarse na media da UE. Ademais, tamén a derrogación da lei Mordaza, a elaboración dunha lei de Morte Digna ou outra de Memoria Democrática “que acabe coas chantaxes da familia Franco”.
Entre outras medidas, En Común tamén apostou por unha xornada laboral de 34 horas semanais, a recuperación da negociación colectiva, a loita contra a fenda salarial de xénero, a aposta pola sanidade pública, ou dereito á interrupción voluntaria do embarazo ou o desenvolvemento da lei de Dependencia.