"A cidadanía falou e eu voume facer cargo". Yolanda Díaz deixa o cargo como coordinadora de Sumar ao día seguinte das eleccións europeas. "É necesario que se abra un debate" e con esta decisión –di– abre o camiño para que así sexa. Un camiño que –apuntou– é preciso que sexa "colectivo". Mentres, seguirá como vicepresidenta segunda do Goberno de España e Ministra de Traballo e Economía Social.
Díaz afirma que o motivo que a moveu a "dar un paso" nas pasadas eleccións xerais do 23 de xullo foi a convicción de que é preciso "rescatar a política do medo". "Contra este cinismo, contra este medo, do que se trata é de avanzar en dereitos e de gobernar mellor", advertiu. Neste momento, "é necesario dar un paso a un lado para dar un paso adiante na política que importa á xente", sentenciou Yolanda Díaz.
"Estou convencida de que este Goberno é a mellor ferramenta para mellorar a vida da xente", salienta Díaz
"A miña obriga é que o Goberno de coalición progresista converta ese mar de fondo cheo de odio e desafección nunha onda de dereitos e esperanza, porque estou convencida de que este Goberno é a mellor ferramenta para mellorar a vida da xente", incidiu Yolanda Díaz nunha comparecencia sen preguntas dende o centro de Madrid.
Díaz apártase do liderado dunha formación que é un movemento que agrupa a outros partidos e que impulsou a título persoal xa desde a vicepresidencia do Goberno de España, tras a súa ruptura formal con Podemos e a súa baixa como militante de Esquerda Unida. Sumar creouse a partir da súa imaxe e ela segue a ser a única que aparece –en tres fotografías– no apartado 'coñécenos' do sitio web movimientosumar.es. O proxecto de Sumar segue en construción, interrompido polas citas electorais que se foron acumulando nos últimos meses. A súa estrutura territorial é moi feble e a central terá que reconfigurarse agora coa saía de Díaz.
Na noite electoral do domingo 9X a candidata de Sumar, Estrella Galán, e o portavoz da formación e Ministro de Cultura, Ernest Urtasun, compareceron sós en roda de prensa para valorar os resultados. Sendo os primeiros comicios europeos aos que concorría Sumar, a formación acadou 3 representantes. No mesmo espazo político, Podemos logrou 2 escanos e, entre unha leve autocrítica polos 4 perdidos, celebrou que se mantén 'na partida' a pesar de estar fóra do Goberno estatal –pola súa separación de Sumar– e ser parte do Grupo Mixto no Congreso.
"Estes meses sinto que non fixen as cousas que debía facer, as cousas que mellor sei facer. A cidadanía, sen dúbida, percibiuno. Moitas voces mo dixeron. Nestes meses tiven a certeza de que a política se dedicaba moito máis a si mesma que aos problemas da cidadanía. E temos que estar para solucionar os problemas da xente, non os dos partidos ou dos políticos", describiu Díaz este luns, para agregar que "a cidadanía nunca se equivoca cando vota, e tampouco se equivoca se decide non ir votar; é a nosa responsabilidade. E neste caso, sen ningunha dúbida, é a miña responsabilidade".
Na súa análise do momento político actual, Yolanda Díaz citou como principais preocupacións o goberno de Milei na Arxentina, o xenocidio sobre a poboación palestina que está a cometer o goberno israelí de Netanyahu e a posibilidade de que Trump repita como presidente dos Estados Unidos. "Encontrámonos ante un desafío mundial de carácter histórico ao que temos a obriga de dar resposta. Non nos vale seguir á defensiva, nin nos vale saír a empatar", advertiu a política de Ferrol.
"A isto voume dedicar e para isto pedínlle a Sumar que me acompañe", conclúe Díaz, que cita como "retos" o prezo da vivenda, a redución da xornada laboral, unha reforma fiscal, a prestación universal por fillo a cargo e a paz en Gaza
"Creo na forza da política, na forza de gobernar". Yolanda Díaz foi moi clara no seu discurso a respecto da importancia que lle dá a gobernar, a ser parte do Goberno de España na coalición do PSOE con Sumar. Non se situou fóra do mesmo en ningún momento, a pesar dese "paso a un lado" do seu cargo orgánico dentro de Sumar.
De feito, Díaz avanzou cales son os "retos a afrontar", para os que considera que é preciso "convocar unha enorme forza ciudadana". De primeiro estaría "baixar os prezos da vivenda en propiedade e en alugueiro para convertir en dereito o que hoxe é un luxo", despois "reducir a xornada laboral para recuperar o tempo que cada día sentimos que non temos", "facer unha reforma fiscal para que quen máis ten, máis cumpra coas súas obrigas", afianzar os "permisos retribuídos e a prestación universal por fillo a cargo para garantir dereitos de coidados e acabar coa pobreza infantil", e "asegurar a paz, debemos parar o xenocidio en Palestina e Netanyahu debe render contas ante a Corte Penal". "A isto voume dedicar e para isto pedínlle a Sumar que me acompañe", sostivo, para finalmente engadir: "Estarei dedicada por completo a ese labor e nel me atoparán sempre".