O Ministerio para a Transición Ecolóxica autoriza un parque de 10 xeradores entre A Lama e Avión co novo procedemento que muda estudos ambientais previos por análises e correccións co parque xa construído
En marzo do pasado ano o Goberno de España aprobou un real decreto-lei de medidas urxentes fronte a crise de prezos derivada en parte da guerra de Ucraína que incluíu unha simplificación e redución de prazos para a autorización de diversos proxectos de xeración eléctrica. Entre outras medidas estableceu a posibilidade de que determinados proxectos en zonas que a priori non se consideran de elevada sensibilidade ambiental non teñan que someterse ao procedemento ordinario de avaliación ambiental senón só a un novo proceso de “determinación de afección ambiental”.
Seguindo ese novo procedemento agora o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de autorizar, coa súa publicación este luns no BOE, o primeiro proxecto enerxético en Galicia, o parque eólico Carballoso, de 10 aeroxeradores nos concellos de A Lama, Fornelos de Montes e Avión, no que habituais estudos previos de posibles impactos ambientais son substituídos por condicionantes e correccións a posteriori. Por exemplo, cando se detecte unha colisión dunha ave en perigo de extinción ou vulnerable cun aeroxerador este deberá deterse cautelarmente e estudaranse posibles medidas correctoras, e cando haxa unha terceira colisión en cinco anos co mesmo aeroxerador deberá ser desmantelado.
O parque eólico agora autorizado é dos de competencia estatal, os que teñen máis de 50 MW de potencia (51 neste caso), fronte aos de menos que dependen da Xunta. E o que estableceu o pasado ano o Goberno de España foi a posibilidade de axilizar a tramitación ambiental de proxectos eólicos de menos de 75 MW ou solares fotovoltaicos de menos de 150 MW se ademais cumpren coas condicións de que as súas liñas de conexión teñan menos de 15 quilómetros, non afectan á Rede Natura 2000 e están situados “integramente en zonas de sensibilidade baixa e moderada segundo a Zonificación ambiental para a implantación de enerxías renovables, ferramenta elaborada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica”.
O Estado entende que os parques que se queiran instalar neses lugares non teñen a priori especiais complicacións ambientais e poden ser eximidos do procedemento ordinario de avaliación ambiental “na medida en que así o determine” un denominado procedemento e informe “de determinación de afección ambiental”, con prazos máis curtos e que en todo caso ditarán condicionantes e medidas preventivas e correctivas. E ese informe de determinación de afección ambiental é o que agora se publica no BOE.
O ministerio dita un "protocolo de actuación de aeroxeradores conflitivos" que establece que facer 'a posteriori' cando se detecten colisións con aves ou morcegos
O documento sinala que o espazo natural protexido máis próximo é o Monumento Natural Serra de Pena Corneira, a 8,2 quilómetros, e que durante o prazo acelerado de avaliación do proxecto polas administracións “non consta informe preceptivo” da Consellería de Medio Ambiente. E dítanse diversas medidas condicionantes ou correctoras durante a fase de construción e durante a operación do parque, entre as que a máis salientable é un “protocolo de actuación con aeroxeradores conflitivos” ante colisións de aves ou morcegos.
Cando se detecte unha colisión dunha especie en perigo de extinción ou vulnerable, “tan pronto como sexa detectada a colisión, o promotor fará unha parada cautelar do funcionamento do aeroxerador” e notificará o feito. O aeroxerador só poderá volver a funcionar tras implantarse medidas mitigadoras e compensatorias aprobadas pola Administración e “nunca antes de tres meses”.
Cando haxa unha segunda colisión en cinco anos o promotor, tras parar o aeroxerador, deberá realizar “un estudo detallado da poboación da especie afectada na contorna” ao longo dun “ciclo anual” e só poderá reiniciar o funcionamento nas condicións que lle dite a Administración.
E cando se detecte unha terceira colisión nun período de cinco anos coa mesma especie ameazada a empresa “disporá a parada definitiva do funcionamento do aeroxerador, que deberá ser desmantelado polo promotor á maior brevidade” salvo que a Administración “excepcional e expresamente autorice a continuidade do seu funcionamento nunhas novas condicións en que non resulten posibles novos accidentes”.
No caso de especies non ameazadas o protocolo remítese aos informes anuais de colisións que debe encargar a empresa. En caso de que un ano un aeroxerador supere o limiar de mortalidade estimada será considerado “perigoso”, pararase cautelarmente, ditaranse medidas correctoras e establecerase un seguimento especial do mesmo. E se dentro do período de cinco anos de seguimento especial dun aeroxerador se comproba que segue provocando colisións por riba dos limiares permitidos a empresa deberá desmantelalo. A eses efectos, o documento establece os limiares a partir dos cales un aeroxerador é considerado “perigoso” para as especies non ameazadas: 3 colisións ao ano de rapaces diúrnas e nocturnas, 5 de aves mariñas ou acuáticas e 10 de morcegos e outros tipos de aves.
A empresa tamén deberá remitir á Xunta "no primeiro ano de funcionamento do parque" un estudo sobre a presenza do lobo na zona
Ademais destas medidas correctoras a posteriori dos posibles efectos do parque eólico sobre as aves, o documento tamén establece que “no primeiro ano de funcionamento do parque” remitirase á Consellería de Medio Ambiente “un estudo con datos sobre a presenza de lobos na área de influencia do parque e cunha avaliación do seguimento das afeccións sobre as súas poboacións”.
A Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental do Ministerio conclúe o seu informe autorizando que o parque Carballoso continúe a súa tramitación “ao non apreciarse efectos adversos significativos no medio ambiente que requiran o seu sometemento ao procedemento de avaliación ambiental, sempre que se cumpran as medidas previstas no estudo de impacto ambiental e as recollidas nesta resolución”.
Fóra da posibilidade de eludir as avaliacións ambientais máis complexas a cambio do novo procedemento de determinación de afección ambiental quedaron os proxectos que se instalen no mar, como a eólica mariña, mentres que os novos mecanismos si facilitaron a instalación de proxectos solares nas masas de auga das centrais hidroeléctricas. En todo caso, aquelas medidas aprobadas o pasado ano e coas que agora se valida o novo parque entre A Lama e Avión xa están a ser reformuladas polo Goberno de España, que quere recortar aínda máis os trámites ambientais en determinadas zonas de aceleración de enerxías renovables, nova figura impulsada pola UE.