A Xunta publica no DOG no mesmo día as avaliacións ambientais favorables doutros 11 proxectos
A Xunta publicou este xoves no Diario Oficial de Galicia os resultados das avaliacións ambientais dun total de 15 parques eólicos en todo o país, dos que 4, con 23 aeroxeradores, son considerados inviables polo seu impacto ambiental e 11, con 82 aeroxeradores, son autorizados por consideralos viables. Os catro rexeitados son proxectos de Greenalia e Green Capital repartidos entre os concellos de Maceda, Montederramo, Mazaricos, Outes, A Baña, A Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade.
O Goberno galego vén acelerando nos últimos meses a tramitación ambiental de ducias de parques eólicos ante a inminencia da caducidade a próxima semana dos permisos de conexión coa rede eléctrica de boa parte deles. A Xunta mesmo reforzou o persoal co que conta para realizar estas tramitacións.
O proxecto con máis eivas detectadas dos publicados este xoves sería o parque Cosmeiro, de Green Capital con oito aeroxeradores nos concellos de Mazaricos e Outes. É desbotado pola Xunta por “informes da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto a impactos acusados sobre o patrimonio natural e a biodiversidade, da Axencia Galega de Turismo por un impacto no turismo rural local e na súa contorna elevado e da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por non ser compatible coa protección do patrimonio cultural”.
Tamén oito aeroxeradores tería o parque eólico Rodicio, de Greenalia nos concellos de Maceda e Montederamo. No seu caso é desbotado polo “informe desfavorable da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e das cautelas establecidas polo Instituto de Estudos do Territorio e a Dirección Xeral de Saúde Pública”. Pola contra, este mesmo xoves publícase no DOG a autorización do parque Rodicio II, tamén de Greenalia, nos mesmos concellos e con dous aeroxeradores que se situarán a uns poucos centos de metros de distancia dos desbotados no parque Rodicio.
A Xunta está a acelerar a tramitación de parques eólicos por todo o país e nas últimas semanas xa invalidou outros nas serras da Groba e do Suído ou na Reserva da Biosfera do Mandeo
No DOG tamén se considera inviable o parque eólico Barrosino, de Green Capital, con tres aeroxeradores no concello da Baña, por un informe negativo da Dirección Xeral de Patrimonio Natural canto á “acumulación de impactos sinérxicos e acumulativos sobre o patrimonio natural e biodiversidade”. E tamén é igualmente inviable o parque Cabanelas, de Greenalia, con catro aeroxeradores nos concellos da Estrada, Forcarei e Cerdedo-Cotobade. No seu caso polo resultado dos “informes desfavorables da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e dos concellos de Forcarei e Cerdedo-Cotobade, e das cautelas establecidas polo resto dos organismos”.
Nas últimas semanas a Xunta tamén invalidou ambientalmente outros parques eólicos nas serras da Groba e do Suído, na Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo ou nos concellos de Muras ou Beariz.