Colectivos ecoloxistas e políticos aventuran que a sentenza contra o parque de Corme virá seguida doutras similares por reducir o Goberno galego os prazos de exposición pública dos proxectos
“Desfeita”, “depredación”, “pau”, “vulneración de dereito”. A sentenza feita pública este venres polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia coa que se anula a repotenciación dun parque eólico en Corme porque a Xunta reduciu ilegalmente a súa exposición pública está a provocar críticas unánimes dos partidos da oposición e colectivos sociais e ecoloxistas de todo o país. O feito de que o tribunal critique que a propia lei galega impulsada polo PP para acelerar eses proxectos salta a normativa europea leva ás voces críticas coa xestión que a Xunta está a realizar do sector eólico a aventurar que chegarán máis sentenzas similares, como no pasado xa houbo outras condenas por outros motivos.
Desde o BNG a portavoz en materia enerxética, Noa Presas, emitiu un comunicado no que avanzou que presentará de xeito inmediato iniciativas parlamentarias “para exixir responsabilidades á Xunta” polo que cualifica como “feitos moi graves”. A nacionalista lembra que a súa formación xa denunciara irregularidades na tramitación dese parque eólico concreto de Corme e pon o foco na lei de 2017 coa que a Xunta quixo facilitar ese tipo de instalacións, a lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, que cualifica como “lei de depredación”. A sentenza, di Presas, vén “poñer negro sobre branco o que que organizacións ecoloxistas, sociais e políticas levamos tempo denunciando, e é que o boom eólico depredador do PP de Feijóo é insostible, é antidemocrático e está ocasionando unha auténtica desfeita en Galiza”.
Desde o PSdeG o deputado Pablo Arangüena considera a sentenza un “revolcón do TSXG á Xunta” e pregúntase se é un “anticipo doutros”. O socialista critica a redución do tempo de consulta pública do impacto ambiental “vulnerando claramente o dereito europeo”.
O portavoz nacional de Anova, Antón Sánchez, considera que “a política eólica da Xunta non resiste a proba da Xustiza” e que “cada contencioso é un varapau”. “Que deteñan xa esta desfeita”, reclamou.
Desde os colectivos sociais, Ecoloxistas en Acción critican que “xa abonda de beneficiar os intereses das empresas e prexudicar os dos veciños”. Adega fala de “novo pau do TSXG ao modelo eólico de Feijóo”. E a Rede Galega por un Rural Vivo cualificou como “moi importante” a sentenza para dar un futuro ás aldeas galegas.