O PP atribuíu esta semana á alcaldesa do PSOE un suposto veto para instalar o bus co está a recorrer Galicia, pero na vila vanse repetir as eleccións locais o próximo domingo e a xunta electoral limitounas só "ao acto de votación", sen campaña electoral
O próximo domingo, 26 de novembro, en Castro Caldelas repetiranse as eleccións municipais despois de que a Xunta Electoral Central considerase que nos comicios do 28 de maio non se respectara a cadea de custodia de 118 votos emitidos por correo. Pero só se repetirán as eleccións, non a campaña electoral, como estableceu claramente a mesma Xunta Electoral.
Porén, malia esa decisión expresa, o PP tentou celebrar nesa vila este mesmo domingo un dos actos cos que o presidente do partido e da Xunta, Alfonso Rueda, está a lanzar a precampaña galega conversando coa cidadanía e invitándoa a cervexas sen alcol. Malia a prohibición de realizar campaña electoral, os populares mesmo acusaron á ata agora alcaldesa da vila, a socialista Sara Inés Vega, de vetar a instalación do autobús publicitario co que celebran os seus actos.
Tras as eleccións municipais do 28 de maio a Xunta Electoral Central censurou os "inusuais avatares" que viviron 118 votos por correo ata que chegaron ao seu poder e os partidos puideron formular as súas alegacións sobre eles. Á vista do seu volume nun censo total de 1.097 electores, no que o 28 de maio a lista socialista gañaría por só 27 votos a outra única lista con representación, a do PP, a xunta electoral decidiu declarar "a nulidade das eleccións celebradas no municipio de Castro Caldelas e ordenar a súa repetición, ceñida ao acto de votación".
Esa nova votación tanto para Castro Caldelas como para outras localidades en toda España nas que tamén se repetirán os comicios foi convocada por decreto o 3 de outubro para o próximo domingo 26 de novembro. Pero fronte a outros lugares nos que se estableceu que a campaña electoral comezou ás cero horas do 10 de novembro, no caso de Castro Caldelas a Xunta Electoral Central deixou claro que a repetición dos comicios non será de todos os seus procedementos senón só do "acto de votación".
Malia esa prohibición, o PP tentou celebrar en Castro Caldelas este domingo un dos actos cos que Rueda está dándose a coñecer entre a cidadanía conversando en persoa con quen se achegue a un autobús que o partido instala nas vilas e no que invita a cervexas sen alcol. O pasado venres os populares mesmo divulgaron unha nota de prensa na que acusaron á alcaldesa socialista da vila de "impedir a visita de Rueda á vila co autobús de 'Galicia non para!'", como se chama a súa campaña.
Malia que en Castro Caldelas non pode haber campaña electoral, os populares acusaron o PSOE de prohibir o acto de Rueda por "unha idea moi afastada do verdadeiro significado da democracia"
O PP atribuía a decisión a "medo" dos socialistas, aos que acusaba, malia a prohibición da campaña electoral, de ter "unha idea moi afastada do verdadeiro significado da democracia".
Os populares mesmo citaban a lista de vilas nas que ata o momento despregaron a súa campaña coa presenza de Rueda: Silleda, Portomarín, Porto do Son, Bande, Cuntis, Malpica, Sober e Ames.
O PSdeG de Ourense respondeu este sábado aos populares que son uns "trileiros profesionais"
Este sábado os populares obtiveron a resposta do PSdeG de Ourense, que os acusou de ser uns "trileiros profesionais": "Falta unha semana para a celebración das eleccións municipais en Castro Caldelas, nas que a campaña electoral foi suspendida, polo que a presenza do autobús do PP, co presidente, Alfonso Rueda, invitando a cañas, é un acto puramente electoralista".