O Goberno galego argumenta que non ten persoal para xestionar os centros e obriga ás entidades sen ánimo de lucro que aspiren ao contrato a destinar os beneficios á "consecución do seu obxecto social", aínda que poderán subcontratar parte do servizo
A Consellería de Política Social sacou este venres a concurso público a xestión privada das dúas primeiras residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas para doalas á Xunta. O Goberno galego ofrece un máximo de 10,93 millóns de euros para que unha ou dúas entidades de iniciativa social se faga cargo dos centros de Santiago e Lugo durante dous anos. Os pregos de licitación prevén un beneficio industrial para a adxudicataria do 5%, polo que este podería ascender a máis de medio millón de euros en dous anos.
O pregos tamén esixen que a adxudicataria comprometa "a reinvestimento íntegro dos seus beneficios para a consecución do seu obxecto social". E xustifican a xestión privada dos centros co argumento de que a Xunta ten cartos pero non ten persoal suficiente para xestionalos directamente.
O concurso público agora convocado está dividido en dous lotes, un para cada residencia, cun importe máximo de licitación de 10,93 millóns de euros para as dúas durante dous anos. Pero as posibles modificacións á alza do contrato de ata un 20% que a Xunta se reserva así como a posibilidade de prórroga do mesmo por un terceiro ano elevan o valor estimado total ata 18,9 millóns de euros.
Para calcular os custos de xestionar as residencias os pregos consideran que a gran maioría dos mesmos serán custos fixos, fundamentalmente salariais. E a eles engádese, en varios puntos dos pregos de condicións, un 5% en concepto de "beneficio industrial" para o adxudicatario. Unha porcentaxe que agora as entidades que concorran ao concurso poden propoñer rebaixar.
Esas entidades aspirantes teñen que ser entidades de iniciativa social, e a Xunta obrígaas a asinar un compromiso de "reinvestimento íntegro dos seus beneficios para a consecución do seu obxecto social", sen que iso implique que teñan que facelo en Galicia. Ademais, os pregos deixan unha porta aberta a que parte deses beneficios acaben en terceiras mans, xa que permiten subcontratar "a realización parcial da prestación". Unha subcontratación que as entidades aspirantes ao concurso non terán que detallar á Xunta ata que resulten adxudicatarias.
A Xunta asegura aos adxudicatarios que o contrato será rendible porque as residencias estarán cheas: "Tendo en conta o déficil de prazas", di, "estímase que todas serán cubertas"
Os pregos de condicións tamén inclúen a obrigatoria memoria xustificativa coa que as administracións argumentan por que sacan a concurso un determinado servizo en lugar de asumilo cos seus propios medios. Neste caso, e como xa vén facendo con algunhas residencias da súa titularidade -outras si que as xestiona directamente- a Xunta argumenta que "dispón do financiamento necesario" pero que "non dispón de medios persoais e materiais axeitados", polo que considera "necesario acudir á contratación deste tipo de servizos a empresas". A memoria xustificativa tamén garante que o contrato será rendible para os adxudicatarios xa que as residencias estarán cheas: "Tendo en conta o déficit de prazas", di a Xunta, " estímase que todas as prazas obxecto do contrato serán cubertas".
A privatización das residencias está a ser criticada, entre outros, polo Colexio Oficial de Traballo Social ou os sindicatos CIG, CCOO e UGT
Este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta que autorizou esta licitación, o presidente Rueda foi preguntado polas críticas á privatización reiterada da xestión de residencias lanzadas entre outros polo Colexio Oficial de Traballo Social e os sindicatos CIG, CCOO e UGT. Porén, Rueda evitou aclarar por que a Xunta decide privatizar tamén a xestión destes dous novos centros en lugar de xestionalos directamente dotándose para facelo do persoal do que di carecer.