Rueda non aclara por que o Goberno galego vai entregar a xestión a entidades privadas sen ánimo de lucro en lugar de asumir a xestión directa como fai noutros centros
O Consello da Xunta deste xoves aprobou a convocatoria inmediata dun concurso público para a xestión privada das dúas primeiras residencias de maiores construídas pola Fundación Amancio Ortega nas sete cidades galegas e doadas á Xunta, as de Santiago e Lugo. O Goberno galego está disposto a pagar ata 10,9 millóns de euros en dous anos para que unha entidade privada de iniciativa social sen ánimo de lucro se faga cargo da xestión deses dous centros en lugar de asumila directamente con persoal da propia Xunta, como fai noutros lugares. Porén, o presidente, Alfonso Rueda, non foi quen de aclarar este xoves o motivo desa decisión.
Tras prometer Feijóo en febreiro de 2017 unha nova residencia de maiores en cada unha das sete cidades galegas, finalmente foi a Fundación Amancio Ortega a que as está a construír cos seus fondos para despois doalas á Xunta. As de Santiago e Lugo son as primeiras en rematarse, pero agora o Goberno galego en lugar de asumir a súa xestión directa como fai con algúns centros similares da súa propiedade decide privatizala como fai con outros.
O Colexio Oficial de Traballo Social critica "a rutina do Goberno galego de privatizar este tipo de servizos"
Na súa comparecencia tras o Consello da Xunta deste xoves Rueda cifrou en 10,9 millóns de euros en dous anos o importe máximo da licitación que agora convocará a Consellería de Política Social. O presidente foi preguntado polas críticas lanzadas entre outros polo Colexio Oficial de Traballo Social, que lamentou nas últimas xornadas "a rutina do Goberno galego de privatizar este tipo de servizos". Porén, Rueda evitou aclarar por que a Xunta decide privatizar tamén a xestión destes dous novos centros en lugar de xestionalos directamente.
O presidente centrou a súa resposta en garantir que a titularidade das residencias seguirá sendo pública, e salientou que só poderán ser xestionadas por "entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro", e non por empresas privadas como as que están xestionando xa outras residencias da Xunta.
"Non é nin moito menos a primeira vez que se elixe este xeito de xestión", di Rueda, despois de que en ocasións anteriores o argumento da Xunta fose que ten cartos pero non persoal suficiente
"Non é nin moito menos a primeira vez que se elixe este xeito de xestión", dixo Rueda este xoves. En ocasións anteriores, as explicacións oficiais do Goberno galego sobre por que opta por privatizar a xestión destes centros en lugar de asumila directamente é porque non ten persoal suficiente pero si cartos para poder subcontratalo a través doutras entidades, xa que é un servizo "susceptible de explotación".