O profesorado galego mantén a protesta e a tensión contra o acordo educativo asinado hai mes e medio e continúa a reclamar a Educación que escoite as demandas da maioría sindical e de boa parte dos docentes, que este martes volveron á folga.
Os sindicatos convocantes —CIG, STEG e CSIF, que roldan o 60% da representación do profesorado— cifran en arredor do 60% a participación nun paro que a Xunta reduciu por baixo do 10%. Pouca diferenza coa folga de hai algo máis dun mes, cando as cifras ofrecidas por sindicatos e Administración distaban tamén do 60% ao 15%, aínda que as organizacións sindicais advirten dunha "lixeira tendencia á alza en Secundaria e á baixa en Primaria" onde din notar "o efecto da división sindical".
Porque a deste martes era tamén unha proba da persistencia do malestar e da capacidade mobilizadora dun profesorado que é consciente das nulas intencións negociadoras da Xunta, á que as chamadas a unha "inmediata rectificación" do acordo asinado con CCOO, UGT e ANPE e a sentar á mesa para unha mellora do pacto non fan mover nada a súa postura.
Os sindicatos sitúan o seguimento da folga nun 60%, semellante á de outubro, e destacan o incremento na asistencia á manifestación, con máis de 2.000 docentes
Desde a CIG destacan o seguimento importante da folga pero, sobre todo, o incremento na asistencia á manifestación, que cifran en máis de 2.000 docentes. A máis multitudinaria, din, das celebradas nas últimas semanas. De "éxito absoluto", cualificaron a xornada tanto a central maioritaria no ensino como o STEG. "Unha gran resposta tanto no seguimento da folga como na asistencia" á marcha, din.
No manifesto lido ao final da marcha gabouse “a integridade demostrada polo profesorado, a proba de todas as mentiras e manipulacións que se teñen vertido para procurar que o acordo pasase sen contestación social cualificándoo de histórico". "As mobilizacións destas últimas semanas son unha reacción lóxica, un produto do malestar, unha queixa colectiva, a constatación de que nin como sindicatos nin como profesorado estamos dispostos a tragar co que nos poñan diante”, dicía.
Os docentes, da man dos tres sindicatos convocantes da folga e da CUT, volveron reclamar a Educación a "recuperación dos horarios lectivos de 18 e 21 horas" en Infantil e Primaria e ESO e Bacharelato respectivamente "nun máximo de dous cursos" e a redución das ratios "en todas as ensinanzas, comezando no 2024/25 e con aplicación como máximo no remate de cada etapa". Tamén a aplicación de medidas "inmediatas" para a redución da burocracia e repartición lineal da masa salarial comprometida pola Consellería entre todo o profesorado.
Ademais, e logo de que a Comunidad de Madrid pactase cos sindicatos a redución do horario lectivo, CIG-Ensino lembra que Galicia queda como a autonomía "co peor horario para o profesorado de todo o Estado".
"Chama a atención que o sector do PP que pasa por máis liberal e reaccionario pacte unha mellora para o profesorado madrileño e que aquí se nos nega"
"Galicia será a única comunidade o vindeiro curso que manterá os recortes en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial" respecto dos horarios lectivos, lembra a CIG en referencia ás 20 horas semanais do profesorado galego, que é a cifra base máis alta de entre todos os territorios. Un informe de UGT, publicado hai poucas semanas, achega datos que sitúan o ensino público galego como o que máis carga lectiva establece para os e as docentes.
"Chama a atención como un sector do PP que supostamente pasa por máis liberal e reaccionario pacte unha mellora substancial das condicións de traballo do profesorado madrileño e que aquí se nos negue", dixo Suso Bermello, secretario nacional da CIG-Ensino, que lamentou que o o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, "mirase para outro lado" ou "dirixise intencionadamente" un acordo "cuestionado polo profesorado". Así, dixo botar en falta que o responsable autonómico "tome cartas no asunto" e cuestionou se o conselleiro "pode formar parte da solución ou se ten que botar ao carón por incapacidade manifesta".
"Esta é a última chamada que facemos á posibilidade de chegar a un entendemento, de que se nos convoque e podamos negociar eses elementos que levamos meses reclamando: a redución do horario lectivo a 18 en Secundaria e a 21 en Primaria e a redución dos cocientes asumibles", asegurou.
Neste sentido, explicou que co acordo alcanzado entre Xunta e CCOO, ANPE e UGT un alumno que estea escolarizado nunha aula de tres anos, con 24 ou 25 alumnos, "en toda a súa vida académica non vai ver a redución de cocientes". "Iso é o que se acaba de acordar", criticou Bermello.
"Hai unha clara maioría do profesorado que non acepta ese pacto de renuncias", insistiu Bermello, que asegurou que os docentes mobilizados "non se venden". Fíxoo logo dunha marcha onde se criticou a "privatización" do ensino por parte da Xunta ou onde se pediron "máis docentes e menos cociente". No "final dun ciclo de mobilizacións", como advertiu Bermello, que instou os sindicatos impulsores a pensar "no escenario" no que se moverán agora.
CCOO, un dos sindicatos asinantes do acordo, acusa os sindicatos contrarios de enviar "mensaxes interesadas" e falsas sobre o pactado
Mentres, o sindicato CCOO, un dos que asinou o acordo coa Xunta, emitiu un comunicado no que advirte que "calquera mobilización que non finalice na conquista de melloras converte en inútil esta ferramenta". Así, a organización dixo querer "pór en valor os avances retributivos que supuxeron os acordos asinados" nos últimos anos, combinando a presión e a protesta, e destacou que "a nómina de novembro xa vai experimentar unha suba do 0,5%, retroactiva desde o mes de xaneiro".
"Mesmos obxectivos, distintas estratexias", resume Comisións respecto do que cualifica como "lícito confrontamento estratéxico" entre diferentes sindicatos educativos en Galicia. Ademais, no comunicado, CCOO repasa con detalle e punto por punto o acordo asinado coa Xunta, respondendo ás críticas dos sindicatos contrarios, aos que acusa de emitir "certas mensaxes" que se "están dando por boas" e que son "interesadas" por ser "literalmente bulos".
"Logo das múltiples consultas, puidemos constatar que hai un descoñecemento bastante xeneralizado do contido do acordo", explica CCOO.