Mes e pouco despois da última, o profesorado galego do ensino público non universitario está chamado este martes a unha nova folga contra o acordo educativo que asinaron o pasado 11 de outubro a Xunta e os sindicatos CCOO, UGT e ANPE. Convocada pola CIG, STEG e CSIF —e apoiada tamén pola CUT—, o paro volve medir o malestar dos docentes e a división logo dun pacto que as organizacións contrarias cualifican de "pésimo", "claudicación ante a Consellería" ou "de renuncias" e que desde o principio vinculan a unha negociación "condicionada polos intereses electorais de Alfonso Rueda". Saben tamén, como din fontes sindicais, da "cerrazón" dunha Administración que non semella querer mudar nin un chisco o pactado.
O acordo inclúe subas salariais no que ten que ver cos sexenios e os complementos de labores directivos ou de titoría, ademais da elaboración dun plan para reducir as cargas burocráticas do profesorado, pero é no acordado en canto á redución das ratios —número máximo de alumnado por aula— e dos horarios lectivos dos docentes onde se centra a polémica.
CIG-Ensino, STEG e CSIF, organizacións que suman arredor do 60% da representación dos docentes en Galicia, insisten que o acordo asinado supón "unha oportunidade perdida" para lograr o obxectivo que, segundo din, comparten todas as forzas sindicais: "Recuperar o horario lectivo (de 18 e 21 horas semanais) previo aos maiores recortes executados por unha administración educativa en todo Estado", desde 2009, así como a redución das ratios en todas as ensinanzas, comezando xa no curso vindeiro e con aplicación como máximo no remate de cada etapa".
CIG-Ensino advirte que o preacordo alcanzado na Comunidad de Madrid entre sindicatos e Educación deixa Galicia como a comunidade con peores horarios lectivos para o profesorado
Desde a CIG, sindicato maioritario no ensino, advirten agora ademais de que o preacordo que os sindicatos CCOO, UGT, ANPE e CSIF veñen de alcanzar na Comunidad de Madrid co Goberno de Isabel Díaz Ayuso para a redución dos horarios lectivos deixa Galicia como a comunidade "con peor horario para o profesorado de todo o Estado" malia o pacto que asinaron a Xunta e as mesmas organizacións pero a nivel galego, agás CSIF.
O acordo asinado en Galicia o pasado 11 de novembro supón a redución do horario lectivo do profesorado en Infantil e Primaria o vindeiro curso das 25 ás 23 horas, lonxe aínda das 21 que foran acordadas en 2007 e que foran aumentadas a 25 en 2011, dous anos despois da chegada de Núñez Feijóo á presidencia da Xunta. A redución, segundo a CIG, ademais, "non terá incidencia nun incremento nos cadros de persoal dos colexios dado que estes teñen un catálogo de postos de traballo que permanece inalterábel desde o ano 2007 que se deseñaron para 21 horas lectivas".
"Galicia será a única comunidade o vindeiro curso que manterá os recortes en Secundaria" respecto do horario lectivo, advirte a CIG
Tamén hai máis dunha década, a Consellería incrementou o horario lectivo do resto do profesorado —de Secundaria, FP e outras ensinanzas, que hoxe representa o 60% do total—, pasando das 18 ás 20 horas. O acordo asinado non toca este horario e abre o compromiso de negociar a súa redución cando se aborde a baixada xeral de horario de todo o funcionariado da Xunta, unha posibilidade que, segundo a CIG, está descartada polo momento pola propia Dirección Xeral de Función Pública.
Co preacordo asinado en Madrid, "Galicia será a única comunidade o vindeiro curso que manterá os recortes en Secundaria, FP e ensinanzas de réxime especial", asegura CIG-Ensino respecto da carga lectiva, antes dunha xornada de folga no que o profesorado está chamado tamén a manifestarse nunha marcha que sairá da praza de Cervantes en Santiago e rematará diante da Consellería de Educación.
É o profesorado de Galicia o peor parado en canto ás horas lectivas? O pasado mes de outubro, UGT elaborou un informe a nivel estatal sobre as condicións laborais do profesorado, comparando a situación en cada autonomía. Tendo en conta a análise que achega, no curso actual Galicia é unha das poucas comunidades que establece 25 horas lectivas en Infantil e Primaria, xunto con Andalucía, Asturias, Navarra e Madrid, comunidade esta última onde se negocia unha redución de cara ao próximo ano.
Un informe de UGT coloca Galicia como unha das poucas comunidades que mantiña este curso as 25 horas lectivas en Infantil e Primaria
No resto, o número de horas lectivas dos mestres e mestras oscila entre as 23 en Catalunya, Canarias, La Rioja, Comunitat Valenciana e Euskadi —aínda que no caso vasco non hai distinción entre horas lectivas e outras que inclúen a vixilancia no recreo— e as 24 en Cantabria, Castilla-La Mancha, Castilla y León, Extremadura, Murcia, Aragón e Illes Balears. No caso destas dúas últimas comunidades, entre esas 24 horas inclúense horas de recreo e/ou compensación por itinerancia que computan como lectivas. Ademais, en Navarra, segundo o informe, dentro das 25 horas lectivas hai 19,5 de docencia directa e o resto dedicadas a labores como os de coordinación titorial e de convivencia ou plans e proxectos.
Galicia é o territorio que establece como base un número de horas lectivas semanais (20) máis alto, optando a maioría polas 18
Xa que logo, Galicia mantén este curso as 25 horas, a cifra máis alta, e prevé pasar o vindeiro ás 23, cifra que se negocia tamén noutros territorios, seguindo así a recomendación que en 2019 establecía a Lei de Mellora das condicións para o desempeño da docencia e a ensinanza, que establecía ese máximo de 23 horas en Infantil e Primaria e de 18 horas no resto de ensinanzas de réxime xeral.
Neste ámbito, o de Secundaria ou Formación Profesional, en Galicia mantéñense as 20 horas lectivas semanais, unha cifra que seguirá vixente, polo momento, nos vindeiros cursos e que se vén de acordar reducir a 18, por exemplo, en Madrid, que era das poucas que mantiña un número superior.
Porque neste curso 23-24, segundo o informe comparativo de UGT, Galicia é a comunidade autónoma que establece como base o maior número de horas lectivas semanais para o profesorado de Secundaria. Na maioría dos territorios adóptase a recomendación ministerial de 18, aínda que se permite excepcionalmente chegar ás 20 ou mesmo ás 21, como no caso de Andalucía, Asturias, Cantabria, Castilla-La Mancha ou Extremadura.
Por exemplo, nas Illes Balears, onde se asume unha carga lectiva de entre 18 e 21 horas semanais, establécense as 18,5 como período lectivo. Por outra banda, en Aragón e en Murcia fíxanas en 19, podendo no último caso chegar a 20, mentres que só fixan o horario por debaixo das 18 horas lectivas Euskadi e Castilla y León, que as establecen de maneira xeral en 17, podendo chegar, excepcionalmente, ás 18 ou 20 respectivamente.
O informe destaca que unicamente en Galicia e Madrid se fixan esas "20 horas lectivas" semanais, aínda que no caso do Comunidad gobernada pola presidenta Isabel Díaz Ayuso, sindicatos e Administración xa chegaron a un acordo para rebaixalas a 18.
En resumo, Galicia sitúase, mesmo co acordo asinado para mellora nos cursos vindeiros, á cola do Estado en canto á redución de horario lectivo do profesorado, mantendo o maior número base de horas á semana de entre todas as comunidades autónomas, tanto en Infantil e Primaria como en Secundaria.
En canto ás ratios, o acordo asinado implica que a partir do vindeiro curso empezarase a reducir o número máximo de alumnado en 4º de Infantil, pasando dos 25 aos 20. A diminución será progresiva, cada ano nun nivel educativo, ata chegar a 6º de Primaria no curso 32-33, cando os nove cursos de Infantil e Primaria teñan, como máximo, unha vintena de estudantes por clase.
Ratios en Galicia
No caso de ESO e Bacharelato, o número máximo de alumnado por aula queda nos actuais 30 e 33 respectivamente, aínda que o acordo recolle o compromiso de que se negocie unha redución a 25 e 30 alumnos respectivamente no curso 2026-27, así que a redución de ratios quede implantada en Educación Infantil.
Tendo en conta os datos achegados polo informe de UGT, Galicia empezará a aplicar a redución a 20 alumnos de máximo por aula en Infantil e Primaria, unha cifra que o País Vasco xa está a implantar desde este ano en varios cursos, que en Madrid e La Rioja xa se aplica nos dous primeiros cursos de Infantil e que en Cantabria está vixente en todo o ciclo de Infantil e en 1º de Primaria. Ademais, por baixo dos 25 nenos e nenas como máximo están xa as aulas de Aragón, Canarias ou Castilla-La Mancha.
En canto a Secundaria, Galicia mantense con 30 alumnos de ratio entre o grupo coa cifra máis elevada. Por baixo sitúanse xa este curso Aragón, Asturias, Canarias, Castilla y León, La Rioja, Madrid (en 1º de ESO) e Euskadi. Os 33 en Bacharelato supoñen unha cifra maior a oito comunidades e inferior a outras tantas.