A proposta do BNG para substituír no rueiro a Eduardo Sanjurjo pola histórica banda bravú sae adiante cos votos socialistas e nacionalistas e o "non" do PP
Os Diplomáticos de Monte Alto terán unha rúa no seu barrio. Será, concretamente, a ata agora denominada Rúa Alcalde Sanjurjo, denominación que no seu momento serviu para honrar a figura de Eduardo Sanjurjo de Carricarte, alcalde da Coruña entre 1963 e 1965 que ata 2022 tivo tamén dedicado un colexio no barrio e do que aínda persiste un busco conmemorativo nas proximidades do pazo de María Pita.
O pleno municipal coruñés deu este venres o visto e prace político á mudanza coa aprobación dunha moción do BNG grazas ao "si" do grupo propoñente canda os votos do goberno municipal do PSdeG e fronte ao "non" do PP. A iniciativa, formulada por Mercedes Queixas, incide en que o cambio serve, ao tempo, para homenaxear "un grupo musical tan querido pola veciñanza" e para cumplir coa Lei de Memoria Histórica.

A proposta, vén lembrando o BNG coruñés nas últimas semanas, partiu da asociación cultural Alexandre Bóveda. E serve para eliminar do rueiro a "un represor fascista que mesmo chegou a ser relator de sentenzas de morte nos anos 40", ademais de "participar directamente no golpe" de 1936 e de ser, despois, alcalde designado polo ditador.
PSdeG e Bloque destacan a achega dos 'Diplos' á música galega e á "Coruña dos barrios" cunha iniciativa que sinala a necesidade de cumprir coa Lei de Memoria Histórica. Os populares afean que pretendan "borrar a historia"
Entre os méritos dos Diplos para ter unha rúa no seu barrio, o Bloque salienta o seu "compromiso coa cultura e coa creación musical en galego e tamén coa identidade popular coruñesa en xeral e de Monte Alto moi en particular". A defensa da lingua e da cultura galegas e da "Coruña dos barrios" formou parte tamén dos argumentos do concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, para apoiar a dedicatoria dunha rúa á banda que liderou Xurxo Souto.
Como en anteriores asuntos vencellados á memoria histórica na cidade, a proposta non foi apoiada polo PP. Sosteñen os populares que malia os "erros" que puidese cometer, suprimir as honras a Sanjurjo de Carricarte é tanto como "borrar a historia" da Coruña ou atacar o Instituto José Cornide de Estudos Coruñes, fundado baixo o seu mandato. Esta institución, precisamente, é a autora dun informe que recomenda eliminar nomes de rúas e outros vestixios de honras a cargos da ditadura que aínda persisten na cidade.