Da man de Nós Televisión o escritor e líder dos Diplomáticos de Monte Alto percorre o país para, da man de protagonistas da escena musical presente e pasada, celebrar o trixésimo aniversario do movemento que xuntou os grupos rock que bouraban na Galicia dos 90
Hai agora tres décadas, en vésperas da segunda edición do Castañazo Rock, a Taberna Caballero da aldea chantadina de Viana acolleu unha xuntanza que mudaría a nosa historia musical e cultural. Juan Camilo Gómez, Richi dos Rastreros, convocara alí a membros de varias das bandas que máis bouraban polo país: Os Skornabois, Os Papaqueixos, Os Bochechiñas, Yellow Pixoliñas, O Caimán do Río Tea, Os Diplomáticos de Monte Alto...
Á calor do que Pepe, o propietario da taberna, chamaba "o sistema" -comer cocido no inverno e churrasco no verán- aqueles mozos xuntáronse baixo unha palabra: bravú. "Os grupos de rock galego queren ir contra o mundo", titulaba uns días despois A Nosa Terra para dar conta dunha xuntanza que abeirou todo un movemento que, trinta anos despois, cobra forma de documental.
Xurxo Souto, líder dos Diplomáticos, escritor e gardián da memoria daquel movemento e da música popular produce da man de Nós Televisión unha peza audiovisual que verá a luz por primeira vez o día 25 (20:00) no Auditorio Municipal de Chantada. Dende alí iniciará unha viaxe por múltiples puntos do país ata chegar, contra finais de ano, ao YouTube de Nós Televisión e ás plataformas de R e Movistar.
A estrea da peza en Chantada, o 25 de outubro, dará paso a semanas de celebración do bravú por diversos puntos de Galicia. Contra finais de ano o documental chegará ás plataformas de Movistar e R
O documental, adiantan dende Nós Televisión, ten moito de viaxe de volta cara a Viana, onde reflicte "un reencontro cheo de música, anécdotas, reflexións e afectividade". Alí culmina un camiño de "latexo bravú" que principia coa gravación en Pontevedra dunha renovada versión do Estou na lavadora da man das Rager, mozas participantes no proxecto Xeración Sónica do Concello de Pontevedra. Dende alí Souto viaxa á Coruña para reencontrarse con Paola Beiro, das Garotas da Ribeira, na sala Mardi Gras, en Monte Alto.
Nuno Pico (Grande Amore), Xosé Manuel Pereiro (Radio Océano) son outras das voces que Xurxo Souto atopa pola Coruña antes de ir cara a Compostela con Sés ou a Vigo, cos Vacalouras. En síntese, outra reivindicación da "cosmovisión pangalaica" que culmina en Chantada, onde agardan Rafa Martínez (O Caimán do Río Tea), Benxamín Queiro (Impresentables de Vimianzo), Antón Díaz dos Papaqueixos e Richi, dos Rastreros.
O documental, que nace co apoio dos concellos de Chantada, Pontevedra, A Coruña, Santiago e Carballo e mais da Deputación da Coruña é unha das pezas principais da celebración do trixésimo aniversario. En próximas datas coñeceranse máis detalles dunha programación que volver, trinta anos despois, novembro nun mes moi bravú.