Galicia reducida

Imaxe da cuberta de 'Galicia reducida' © Morgante

*Este texto corresponde á Introdución do libro Galicia reducida. Crítica ao marco conservador e centralista do autogoberno galego (Morgante edicións), obra de Rodri Suárez e dispoñible en librarías a partir do 31 de xaneiro

 

Ademais de lameira podre, depósito de frustracións e indutor á posesión demoníaca, a rede social Twitter, agora X, tamén é un fantástico lugar de debate, coñecemento e ideas. En boa medida, este libro nace nela.

O absoluto dominio da dereita nas eleccións autonómicas débese ao marco cultural conservador do noso autogoberno, que ten na mirada esencialista do que é Galicia o seu principal argumento, e no que o centralismo compostelán e xacobeo cumpre un papel decisivo

En agosto de 2021, un chío do xornalista experto en datos Duarte Romero (@Xan_Guindan) reflexionaba sobre a enésima vitoria solvente do PP nas autonómicas do ano anterior, as pandémicas. Destacaba o feito de que a dereita gañaba claramente as galegas malia perder coa mesma dimensión as xerais de 2019. Explicaba as razóns: “En número de votos, a dereita só sobe un 2% nas autonómicas, pero a esquerda perde un 20% dos votos que obtivo nas xerais de 2019. Entón, parece que ao seguinte dato que lle imos ter que prestar atención é ao da participación. Xerais novembro 2019: 67%; autonómicas 2020: 59%”. E apuntaba á abstención urbana como causa dese efecto. “As cidades son responsables do 44% dos votos perdidos pola esquerda nas autonómicas. E iso que só representan o 36% do censo [sen contar áreas metropolitanas]. Visto isto, penso que os éxitos de Feijóo non veñen dun trasvasamento importante de votos da esquerda cara ao PPdeG nas autonómicas, senón a unha desmobilización significativa do electorado progresista, fundamentalmente no PSOE e nas cidades”.

Uns meses despois, o multifacético profesor e divulgador Manuel Gago (@magago) publicaba na edición local do Barbanza de La Voz de Galicia un artigo –ao que cheguei por medio de Twitter– no que contaba a súa experiencia como xurado dun concurso infantil: “Aqueles nenos e nenas tiñan que contar no texto que era para eles Galicia. Todos aludían a estampas sospeitosamente similares. Galicia era a súa avoa da aldea, as vacas, a empanada, a festa do patrón, os campos, unha carballeira, un miradoiro, a muiñeira. (…) eses rapaces nacidos a finais da década do 2000 tiñan case a mesma idea do país que os seus avós, cunha gran diferenza. Eles non naceran na aldea. Eran urbanitas. Coma os seus pais. Decateime dun fenómeno intrigante: aqueles rapaces non identificaban o mundo no que vivían a diario con Galicia. Galicia era algo que ficaba fóra dos límites da súa cidade”.

Cuberta de 'Galicia Reducida', de Rodri Suárez © Morgante

Estes códigos alimentan a mirada desconfiada ás grandes cidades, moi especialmente á que historicamente liderou a modernidade no país: A Coruña. A cuestión tamén afecta agora con moita forza a Vigo, cada vez máis afastada da autonomía pola que tanto loitou

Nesa mesma época, e agora mesmo, un grupo de rapaces novos, onde hai xornalistas ou politólogos, brillaban en redes cun discurso coruñés cheo de humor e alleo por completo a calquera complexo respecto ao resto de Galicia, á que sen dúbida pertencen e saben explicar. Un galeguismo natural antidogmático, urbano, contrario ao negativismo, e que parte da reivindicación divertida da que é “Cabeza do Reino”, A Coruña.

Pois este libro non é máis ca un intento de unir as liñas de puntos que compactan eses tres fenómenos vistos en Twitter (sen obrigar a que concorden cos nosos postulados nin os citados antes nin os que virán despois). Tamén conforma unha recompilación e ampliación de todas as ideas nese sentido que eu mesmo repartín por chíos e artigos nos últimos anos defendendo unha idea: o absoluto dominio da dereita nas eleccións autonómicas débese ao marco cultural conservador do noso autogoberno, que ten na mirada esencialista do que é Galicia o seu principal argumento, e no que o centralismo compostelán e xacobeo cumpre un papel decisivo.

Apostar por outro relato de Galicia –baseado nas súas fortalezas e na realidade de que xa é un país urbano semellante a calquera outro competitivo do occidente de Europa– resulta imprescindible para acabar cunha hexemonía conservadora que non é tal na sociedade

Estes códigos alimentan a mirada desconfiada ás grandes cidades, moi especialmente á que historicamente liderou a modernidade no país: A Coruña, o que invita a propoñer outra mirada sobre o que se chamou “conflito da capitalidade”, no que os galeguismos de esquerda guindaron pedras sobre o seu propio tellado. A cuestión tamén afecta agora con moita forza a Vigo, cada vez máis afastada da autonomía pola que tanto loitou.

Iso é o temos a 2023. Xogar no contexto que favorece á dereita é o grande erro do progresismo galego versión autonómica, que moitas veces non actúa como tal, sobre todo no que atinxe ao nacionalismo. Nun tempo no que, guste ou non, a política se xoga en base a “batallas culturais”, aquí escribiremos sobre as importantes, mentres outros pensan que, por exemplo, coa norma ortográfica propoñen conflitos que non existen na rúa, só nun curruncho intelectual.

Somos unha potencia, dicía un antigo programa televisivo, e vai sendo hora de afianzar esa idea e deixar atrás a visión tráxica de Galicia, que nada achega ao noso benestar nin ao noso futuro. Xa abonda de reducirnos

Apostar por outro relato de Galicia –baseado nas súas fortalezas e na realidade de que xa é un país urbano semellante a calquera outro competitivo do occidente de Europa– resulta imprescindible para acabar cunha hexemonía conservadora que non é tal na sociedade, pero que aínda se mantén nas urnas autonómicas, ao revés do que adoita pasar noutros comicios, por certo, tan galegos como calquera. 

Intentarei afondar nesa convicción nun ensaio que parte do xornalístico –non é nin debe ser académico– a fin de propoñer ideas políticas, sociais e culturais para un país que precisa ser contado como o que é, non como o que foi, sen que iso signifique renunciar á súa identidade (o que, por outro lado levará este autor coruñés a defender posicións distintas e máis traballadas que as deixou escritas noutros tempos). Somos unha potencia, dicía un antigo programa televisivo, e vai sendo hora de afianzar esa idea e deixar atrás a visión tráxica de Galicia, que nada achega ao noso benestar nin ao noso futuro. Xa abonda de reducirnos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.