Trump sinala a cota para o galego no audiovisual como unha das razóns para impor aranceis a España

Donald Trump, escenificando a sinatura dos aranceis, o 3 de abril de 2025 © Casa Branca

Donald Trump tamén sinala a lingua galega. A política comercial do novo goberno dos Estados Unidos advirte das cotas de galego, éuscaro e catalán no audiovisual en España como unha das "barreiras" que o motivan a impoñer aranceis aos produtos europeos e, por extensión, aos españois. 

Así o aclara o informe elaborado pola Oficina do Representante Comercial dos EUA (National Trade Estimate Report on Foreign Trade Barriers) no que se basea Donald Trump para levar a cabo a súa guerra arancelaria mundial. Neste documento, a administración estadounidense resume o que considera que son as principais "barreiras" que erguen outros Estados ao comercio estranxeiro co seu país, aludindo a España en varias ocasións no capítulo decidado á UE, a quen Estados Unidos aplicará un arancel común do 20%.

Menú de acceso a diferentes plataformas audiovisuais CC-BY-SA Nicolas J. Leclercq

O informe sobre "barreiras" comerciais no que se basea Trump para xustificar a imposición de aranceis sinala as cotas de galego, catalán e éuscaro en España

Nese apartado, os EUA sinalan a protección das linguas oficiais de España diferentes ao castelán no audiovisual como unha das súas razóns para aplicar novos gravames contra a Unión Europea. "Por cada tres días que se proxecta unha película que non é da UE, débese introducir unha da UE nos cines. Este ratio redúcese a catro días se o cine proxecta unha película nun idioma oficial de España que non sexa o español", explica o informe da administración Trump, que tamén denuncia a política que se aplica nas plataformas de streaming: "O catálogo de servizos baixo demanda debe incluír polo menos un 30% de contido da UE, do cal polo menos a metade debe estar nunha lingua cooficial de España". 

O informe do Executivo dos EUA sinala a España, xunto a Países Baixos, Polonia e Italia, como un dos Estados que establecen limitacións á penetración do contido estadounidense no mercado audiovisual. Os que Trump considera atrancos xorden da Lei Audiovisual que o Goberno de Pedro Sánchez aprobou en 2022 e que incluía a obrigatoriedade ás plataformas de garantir unha cota mínima do catálogo en galego, catalán ou éuscaro

O documento que basea a dura política arancelaria de Trump advirte tamén como atranco comercial que as plataformas audiovisuais, no caso de facturaren máis de 50 millóns de euros, deban "investir o 5% dos seus ingresos na produción de obras da UE e de España, e o 40% desta asignación debe reservarse a obras de produtores independentes en calquera das linguas oficiais de España". 

A lei audiovisual aprobada en España en 2022 obriga as televisións e grandes plataformas a destinar o 5% dos seus ingresos en España á produción audiovisual e un 70 % desa cota á produción independente nalgunha das linguas oficiais.

Tamén impón ás plataformas con sede en España unha cota do 30 % de produción europea no seu catálogo. Desa porcentaxe, o 50 % debe ser nalgunha das linguas oficiais. Dentro dese 50 % deberá destinarse un 40 % a producións en galego, éuscaro ou catalán.

Por outra banda, e ademais destas de ámbito audiovisual, Trump imputa a España outras "barreiras" no comercio exterior entre as que figuran a taxa Google, as regulacións sobre o sector farmacéutico ou o apoio público a Airbus. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.